Xa se poden comunicar as lumeiradas do San Xoán e do San Pedro

0

En escasos 15 días celebraremos o solsticio de verán coas lumeiradas do San Xoán e, nalgúns sitios, tamén coas do San Pedro. Malia que se trata dunha tradición milenaria, non está de máis lembrar que cando se anda con lume é preciso tomar medidas preventivas e actuar de forma responsable. Por este motivo, para ter un control das fogueiras e saltas que se van celebrar no territorio, e co propósito de ter informado ao Distrito forestal, fai falla presentar unha comunicación no Concello indicando onde se van armar e adquirindo certos compromisos de responsabilidade. O documento pode presentarse xa mesmo no rexistro municipal ou a través da sede electrónica. 

As saltas caen este ano en noite de xoves e, ademais, o venres 24 é festivo. Por iso cabe agardar que as celebracións se estiren desde o xoves até o sábado e, de feito, é posible que moitas delas queden para a fin de semana XL que nos agarda, na que tamén temos a primeira festa do verán en San Sadurniño, a do San Paio de Ferreira, e o peche das escolas culturais municipais cunha grande foliada na área recreativa da piscina.

En calquera caso se imos celebrar o San Xoán como é debido, o primeiro no que hai que pensar é na seguridade e na obriga de comunicar previamente a data e o lugar da lumeirada. Para iso hai que cubrir a folla normalizada e entregala no rexistro do Concello de cara a que este lla faga chegar despois ao Distrito forestal I de Ferrol.

A tradición manda e por todo o territorio haberá ducias de fogueiras que saltar antes de continuar cos rituais dunha noite coa que se lle dá a benvida ao verán. Para que non haxa sorpresas desagradables cómpre tomar algunhas precaucións:

  • Non deben facerse fogueiras dunha altura elevada, nin preto de lugrares con vextación ou a menos de 10 metros de tendidos eléctricos ou telefónicos
  • Non se poden facer lumeiradas preto de locais ou depósitos que conteñan materiais inflamables, nin tampouco preto de infraestruturas e elementos -públicos ou privados- que poidan verse afectados
  • Non está permitido prender a fogueira se existe un exceso de vento
  • Cómpre evitar usar nas fogueiras materiais que xeren grandes charamuscas (pólas de eucalipto con follas secas, papeis, etc…) que poden chegar acesas moi lonxe
  • É necesario ter auga preto para actuar ante posibles escapes
  • Non se permiten empregar na fogueira materias contaminantes (pneumáticos, aerosois…)
  • Cómpre deixar a fogueira completamente apagada antes de marchar
  • En caso de haber algún problema hai que chamar ós teléfonos 085 ou 112 (a chamada é gratuíta)

Todos estes consellos veñen recollidos no modelo de comunicación publicado polo Concello. Quen vaia organizar unha salta -aínda que sexa na casa- terá que cubrir o impreso e presentala no rexistro municipal para levar un control máis exhaustivo dos focos que vai haber tanto na noite do 23  como nos días  anteriores e posteriores, xa que aínda queda xente que celebra tamén con lume o San Pedro.

O impreso de comunicación previa recolle, ademais, os compromisos que adquire a persoa ou entidade solicitante, como é o de facer unha devasa rozando ou retirando o material combustible nun radio mínimo de cinco metros desde o borde da fogueira; o de non poñerlle lume se hai vento e apagala  inmediatamente se levanta o aire; non marchar ata que as brasas estean totalmente apagadas e, por último, o de contar con todos os medios e persoal necesarios para ter o lume sempre baixo control.

Share.