Xa se pode visitar na galería do Concello a mostra fotográfica dos premios Luis Ksado

0

A Deputación da Coruña convoca todos os anos o certame de creación fotográfica Luís Ksado, no que se premian series que achegan unha mirada distinta da realidade. Son estampas documentais que abranguen calquera eixo temático e que reflicten o aquel propio e intransferible de cada autor ou autora. Alén do premio en si, dotado con 6.500 euros, o Luís Ksado tamén prové de material unha fantástica exposición itinerante que desde hai uns días podemos admirar en San Sadurniño. Permanecerá até o 4 de agosto na galería da Casa do Concello, con horarios de visita coincidentes cos de apertura ao público das oficinas municipais, é dicir, de 8.30 a 14.30h. Cómpre lembrar, sen embargo, que para achegarse á mostra fai falla cita previa no 981 490 027 (pode visitarse tamén se se vén facer algunha xestión), usar mascarilla e seguir o circuíto de entrada/saída marcado na casa consistorial para previr contaxios.

Todas as fotografías que enchen tres das catro paredes da galería pertencen ao Luís Ksado 2019, no que resultaron premiados ex aequo Javier Arcenillas coa serie “Gangborder” e Alejandro Real con “Fillos de Breogán”.

A primeira das coleccións retrata a violencia -e tamén a humanidade- que rodea as maras salvadoreñas. Trátase de instantáneas en branco e negro nas que o fotoxornalista deixa constancia da súa aproximación documental a unha realidade diaria en moitos lugares de Centroamérica, recollida dun xeito que recorda nalgúns casos escenas captadas por Arthur H. Felling ou Letizia Battaglia. Porén, Arcenillas imprímelles ás imaxes unha maior cercanía e dinamismo. O xurado destacou delas a “calidade fotográfica” e o feito de ser “unha aposta de fotoxornalismo impecable, con moita forza”, ademais de cualificala como “un relato redondo sobre un conflito case esquecido”.

Afastada da truculencia atopamos a outra colección premiada, obra do lucense Alejandro Real. Son retratos sinxelos en aparencia pero de grande complexidade técnica -o autor traballou en formato analóxico cunha cámara de placas- e que, para obter semellante resultado, tamén esixen certa empatía cos protagonistas, que aparecen sempre cun semblante neutro. “Fillos de Breogán” é, segundo Real, “unha viaxe ao pasado” que inmortaliza “rostros de persoas anónimas de Galicia cuns trazos característicos dos pobos do centro e norte de Europa. Pel clara, cabelo claro, ollos azuis son algúns deses trazos dun fenotipo que se conserva especialmente nas zonas máis illadas do rural”.

Canda as dúas coleccións gañadoras dos Luís Ksado, na galería municipal tamén se encontran as imaxes presentadas ao certame polos que resultaron finalistas. Son “Epifanía Etíope”, de Carlos López Calrús; “Nuestra memoria”, obra de Juan Medina; “Un breve momento de locura”, de Fuco Reyes; e, pechando a exposición, Rosa Taboada coa serie “Los paraísos artificiales”.

A exposición para en San Sadurniño até o 4 de agosto. Logo marchará á Pobra do Caramiñal -do 6 ao 25 de agosto- e rematará o seu percorrido no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira deténdose durante case todo o mes de setembro.

“Pegadas dun pasado”
Desde o departamento de Cultura recórdase que xa está aberto o prazo de recepción de imaxes para a exposición “Pegadas dun pasado”. Trátase dun proxecto dirixido á rapazada co que se pretende preparar unha mostra fotográfica que nos ofreza pequenas estampas sobre o paso do tempo en San Sadurniño.

Para iso a rapazada e mocidade deberá buscar fotos antigas pola casa e logo tomar unha foto actual do mesmo sitio e coa mesma perspectiva. Despois haberá que imprimir as dúas fotos e poñelas unha de par da outra sobre un cartón pluma, de maneira que se vexa como cambiaron distintos recunchos de San Sadurniño a través do tempo.

As composicións deberanse entregar na Casa da Cultura antes das 14.00h. do día 14 de agosto para darlle tempo ao Concello a armar unha exposición con elas que se inaugurará o 19. A información pode consultarse aquí.

Share.