Xa están aquí

0

A maioría de  realizadores e realizadoras participantes nesta edición do Chanfaina Lab chegaron a San Sadurniño na tarde deste venres e a estas horas xa andan localizando e mesmo gravando as súas pezas polo territorio. E é que falta lles fará o tempo. Unha fin de semana dá para o que dá e cómpre andar con lixeireza para situarse nun concello descoñecido para case todos e todas e, a partir de aí, chucharlle as historias. Os creadores e creadoras que veñen de fóra investigaron pola súa conta antes de vir -tirando sobre todo de Fálame de San Sadurniño- e na tarde de onte tiveron unha clase acelerada de sansadurniñismo na aula CeMIT, antes de visitar o conxunto do Pazo e de facer a foto oficial deste ano, na que se lle rende homenaxe, igual que no cartel, ao pintor Asterio Mañanós. Hoxe é un día de traballo duro que culminará á noite -21.00h.- coa “Eira de Cineastas”. O foro no que se mostra unha peza breve de cada un dos chanfaineiros e chanfaineiras para despois debater sobre elas e, en xeral, sobre cine. Sobre cine galego.

A chegada de participantes  foise producindo aos poucos durante toda a tarde. Mesmo houbo quen decidiu adiantar traballo indo localizar exteriores para a súa curta antes da recepción, prevista para as 20.00h. na Aula CeMIT. Alí, a titular de Cultura, Sabela Cinza, deulles a benvida aos chanfainantes deste ano, mentres que o principal impulsor da iniciativa, Manolo González, presentou os principais elementos do concello a xeito de recordatorio das posibilidades que ofrece San Sadurniño en canto a paisaxe e patrimonio.

Foi unha introdución rápida que aínda continuaría de camiño á corte de Manolo de Rico, que aos seus 93 anos “feitos no mes de marzo” mantén o corpo e a cabeza coma de 15. É un auténtico libro da historia recente de San Sadurniño e o último elo que nos conecta cos tempos de esplendor do marquesado. Manolo contou que de cativo anos recollía as pelotas na cancha de tenis da marquesa e que debía facelo cun trueiro ou con luvas postas, nunca coa man descuberta. “Con la mano no, Manolito!”, disque lle dicía Natividad Quindós. “E que mal terían as mans dun pequeno de oito anos?”, preguntábase onte á tarde Manolo diante dunha vintena de mozos e mozas abraiados polo seu porte e a súa lucidez.

A foto
Na súa corte fíxose a foto de familia do Chanfaina Lab deste ano. O cartel é unha reinterpretación do cadro “Coitadiños!” pintado por Asterio Mañanós nos albores do século XX. Nel represéntase o lamento dunha familia pola morte dunha vaca. Un cadro que o autor palentino case con total seguridade pintou en San Sadurniño, onde botou certo tempo vivindo e onde tiña vínculos afectivos, xa que era cuñado do notario e, ademais, tamén mantiña amizade cos marqueses.

Como homenaxe aos coitadiños de Mañanós, os chanfaineiros e chanfaineiras metéronse nun galpón para tirar a foto e, a diferenza do cadro, a vaca de Manolo de Rico estaba viva.

“A propósito da Chanfaina”
Logo da foto oficial, máis fotos. Neste caso de Gabriel Tizón, retratista oficial do Chanfaina nas anteriores edicións que nesta ocasión anda por África cun proxecto humanitario e non pode asistir. Si están as instantáneas que captou nas anteriores edicións. Todas elas conforman unha exposición pendurada da galería do Concello co título “A propósito da Chanfaina”. Tizón escolleu 25 imaxes representativas do que é a esencia deste encontro co territorio e coa experimentación audiovisual. A mostra pode visitarse ata finais de mes.

Os realizadores e realizadoras achegáronse á exposición e, de paso, coñeceron o pazo ao que xa houbo quen lle botou o ollo para facer algunhas secuencias. Foi un percorrido rápido para cumprir coa programación do segundo día do Chanfaina Lab, que rematou na Casa da Cultura coa presentación en San Sadurniño do proxecto colectivo “Visións”, nacido no marco do programa Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa que busca reivindicar o papel feminino na creación audiovisual e da que saiu un filme colaborativo executado a base de curtas por dez realizadoras. Tres delas, Lara Bacelo, Carla Andrade e Claudia Brenlla participan tamén no Chanfaina.

Esta noite “Eira de cineastas”
O día de hoxe é xa de produción audiovisual propiamente dita. A xente anda estrada polo territorio á procura de historias ou comezando xa coa gravación das pechadas de antemán. Ao mediodía xantarán en Bardaos e pola tarde continuarán coas gravacións. Sobre as 21.00h. está prevista a “Eira de cineastas”, na que todos e todas as participantes ensinarán unha pequena mostra de traballos anteriores para por en común estilos e xeitos de mirar sobre os que debater devagar despois.

As pezas que se pasarán tamén para o público que queira asistir á proxección, que é de balde, son as seguintes:

  1. Quixera, Fran Bermúdez, 2016
  2. O segredo, Ángeles Huerta, 2016
  3. Autarquía, Escravo e Fernando VII, Lara e Noa Castro, 2016
  4. Montaña en sombra, Lois Patiño, 2012
  5. Fatum, Pablo Millán, 2010
  6. 1664.Toma de posesión de Bernardino de Andrade, Bieito Beceiro,2016
  7. Home, Beatriz del Monte, 2015
  8. Materia Prima, Natalia Porca, 2016
  9. Logo chega o día, Jorge Coira, 2010
  10. Amancio Sigfredi, futbolista actor porno, Con suma conciencia, 2015
  11. No novo céio, Eloi Dominguez Serén, 2014
  12. O pozo de Lamas, Abel Vega, 2014
  13. Pequeñas sombras humanas, Marcos Lourido, 2014
  14. As doce, Marta Piñeiro, 2015
  15. Aquí e agora, Sabela Pernas, 2016

E mañá domingo, máis. Pola mañá gravacións de novo, despois xantar en Igrexafeita, á tarde máis gravacións e, sobre as 19.30h., reunión outra volta na Casa da Cultura e con entrada libre para asistir á despedida de participantes coa proxección dunha escolma de curtas de anteriores edicións do Chanfaina Lab e tamén do proxecto “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”, desenvolvido este ano ao abeiro dun obradoiro impartido o venres pola mañá por Videodinamizarte.

Share.