Xa está aberta a mostra Arte Ambulante, que programa unha nova actividade para esta fin de semana

0

A Asociación da artistas profesionais de Galicia A Colectiva abriu este sábado a exposición do proxecto Arte Ambulante. Trátase dunha colección representativa das distintas disciplinas que traballan os membros da entidade -escultura, pintura, fotografía, audiovisual…- que en San Sadurniño se mostran no patio da Casa do Concello e máis no recibidor da Casa da Cultura. O obxectivo de Arte Ambulante é aproximar ás zonas rurais a arte contemporánea galega máis novidosa e arriscada e, ademais, propor interaccións coa sociedade destes ámbitos para que descubra os procesos creativos e que incluso se implique neles. Neste sentido, durante a tarde do sábado e a mañá do domingo desenvolveuse no entorno do castelo de Naraío un obradoiro de fotografía analóxica de grande formato e, de cara a esta fin de semana, hai organizado outro sobre videocreación coa participación da asociación Brío.

O taller titúlase “Danza_SanSa” e estará coordinado pola realizadora Belén Montero, quen xa impartira en 2017 unha actividade de montaxe con teléfonos móbiles no marco do Chanfaina Lab. Traballarase mesturando o corpo en movemento co audiovisual como introdución á videodanza, unha disciplina dacabalo entre ambas artes. Prepararanse coreografías, planificarase a escenografía e gravaranse varias pezas que logo se han publicar nas redes sociais.

O obradoiro terá lugar na Casa da Cultura o sábado e mailo domingo  entre as 10.30 e as 13.30h. e hai 12 prazas dispoñibles para maiores de 8 anos. Neste caso será necesario traer ordenador e teléfono móbil ou táblet cun software de edición preinstalado e suficiente espazo en disco duro para gravar, montar e almacenar os vídeos finais. No dossier facilitado por A Colectiva tamén se recomenda levar roupa cómoda. A inscrición debe facerse  chamando ao 981 490 027.

A proposta dirixida por Belén Montero é a segunda que se encadra no Arte Ambulante deste ano. A primeira foi o curso acelerado de fotografía analóxica de grande formato ofrecido esta fin de semana por Jesús Caballero. O grupo participante descubriu os segredos dun tipo de fotografía que utiliza cámaras de fol case idénticas ás de finais do século XIX e principios do XX. De feito, eses aparellos nunca deixaron de utilizarse malia a irrupción das máquinas de carrete, as réflex ou as dixitais. E os motivos son varios, aínda que o principal é de tipo técnico, posto que estas cámaras -pouco máis que unha lente e unha caixa escura- son capaces de producir unha imaxe de grande detalle acompañada de contrastes, gamas tonais e gradacións de luces que ningunha cámara dixital pode sequera igualar polo momento, aínda que andan aí, aí.

Máis alá da cuestión técnica hai tamén unha cuestión filosófica. Para moitas persoas puristas da fotografía, no proceso fotoquímico  é  a realidade quen se fixa directamente na emulsión do negativo e logo salta ao papel sen interpretacións electrónicas nin dixitais que poidan desvirtuar a súa esencia de instante análogo á realidade.

De fotografía analóxica e dixital falouse moito durante unha fin de semana en que as persoas asistentes ao obradoiro de Caballero practicaron sobre o retrato, a fotografía de paisaxe e a de arquitectura.

Arte Ambulante ata o 26 de setembro
O curso fotográfico foi precedido na mañá do sábado da inauguración da parte expositiva de Arte Ambulante, que permanecerá repartida entre o patio interior do Concello e o recibidor da Casa da Cultura ata o sábado 26 de setembro.

Á apertura oficial asistiu a concelleira de Cultura, Amparo Calvo, o vicepresidente de A Colectiva, Jorge Couceiro, e tamén as e os artistas que trouxeron ata San Sadurniño unha mostra do seu traballo. Desde a entidade agradeceuse “a xenerosidade” municipal por repetir unha experiencia iniciada o ano pasado e tamén se destacou que, máis que unha exposición, Arte Ambulante quere ser “un proceso de diálogo coa sociedade” das zonas rurais, que habitualmente quedan fóra dos circuítos da arte de vangarda.

A inauguración foi seguida dunha visita guiada na que cada artista comentou o significado das obras e montaxes expostas en relación cos eixos temáticos e creativos nos que traballa cadaquén. Dentro do programa volverá haber unha segunda visita con explicacións o sábado 26 de setembro ás 12.00h., para a que cumprirá inscrición no 981 490 027. Ademais, desde A Colectiva tamén se brindou a posibilidade de organizar sesións exclusivas para o alumnado do centro de ensino ou de calquera entidade do concello se existe demanda.

Arte Ambulante pode visitarse de luns a venres en horario de 8.30 a 14.00h. Nesta edición de Arte Ambulante hai pezas de Eugenia Cuéllar e Juan de la Colina (pintura); Jesús Caballero e David Catá (fotografía); Iria do Castelo e Mauro Trastoy (escultura); Félix Fernández e Belén Montero (vídeo); Cillas Rodríguez e Ana Cabanes (instalación).

Share.