Xa é oficial: podemos volver plantar pataca

0

O Diario Oficial de Galicia publicou este venres a modificación do alcance territorial do plan de contención da couza guatemalteca da pataca que suporá o regreso das plantacións a San Sadurniño tras case cinco anos de prohibición ininterrompida. O noso concello pasará ser zona tampón, de modo que se poden volver poñer patacas na terra,  aínda que con obriga de declarar a variedade utilizada, a superficie plantada e a súa localización. Este trámite pode facerse a través da Sede da Xunta coa Clave 365 ou certificado dixital, ou ben presentar o documento en papel tanto no Concello como na Oficina Agraria Comarcal de Ferrol (Praza de España).

A decisión de variar o mapa de restricións adoptouna hai unhas semanas a Comisión de seguimento da couza guatemalteca tras constatar a ausencia de insectos na rede de trampas estendida pola maior parte da comarca. Así, na nosa zona a Comisión declarou libres de praga os concellos de Cabanas, A Capela, Fene, Ferrol, Neda, Ortigueira, As Pontes de García Rodríguez, As Somozas.

Doutra banda, pasan a considerarse zona tampón a totalidade da superficie dos concellos de Cedeira, Cerdido, Mañón, Moeche, Narón, San Sadurniño e Valdoviño. Tamén teñen esta condición as parroquias de Cariño, Feás, Landoi e Sismundi, no concello de Cariño. En toda a volta só a  parroquia da Pedra -pertencente tamén a Cariño- continúa coa cualificación de zona infestada na que non se poderá plantar.

Ser zona tampón implica que todas as persoas que planten pataca deberán comunicarlle a Medio Rural inmediatamente despois da sementeira -e sempre antes do 1 de abril- todas as parcelas que teñan cultivadas, aínda que sexa só un simple rego. Na comunicación hai que indicar os datos persoais e, sobre todo, a localización exacta das plantacións cos datos SIXPAC do polígono, parcela, recinto, superficie total, superficie sementada e a variedade que se poña no terreo.

formulario que se deberá cubrir pode descargarse desde esta ligazón e despois haberá que presentalo, preferentemente, a través da Sede Electrónica da Xunta. Tamén se pode imprimir e rexistrar presencialmente no Concello para mandarllo directamente a Medio Rural. No Concello haberá formularios en papel para cubrir á man e, de haber algunha persoa que o precise, tamén se lle axudará co trámite.

A obriga de comunicación tamén deberán cumprila as empresas do municipio que vendan pataca de semente (acceso ao formulario) ademais de levar un rexistro de información das persoas que a merquen. No local destinado a almacén terán que instalar trampas de feromona específica para a captura da Tecia solanivora povolny.

Share.