Vou poder plantar patacas en 2021?

0

Boa pregunta. Pero de momento non hai resposta afirmativa ou negativa, a pesar de que xa hai xente que anda interesándose nas agrotendas por cando vai empezar a vir pataca da semente para as plantacións de cedo. A situación é a seguinte: en San Sadurniño continúa prohibido plantar e deberase agardar a que a Xunta publique no DOG a resolución das zonas que quedan libres, as que pasan ser áreas tampón -lugares onde se pode poñer pataca baixo supervisión da Xunta- e as que deberán continuar en corentena, como lle ocorre neste momento ao noso concello. A única posibilidade de sementar o ano que vén é que durante este 2020 non caese ningunha avelaíña de couza guatemalteca en calquera das 52 trampas que ten distribuídas Medio Rural polas sete parroquias…. e se apareceu algunha -dato que descoñecemos- o máis seguro é que a Xunta manteña as restricións ata o 2023, posto que terían que pasar dous anos sen presenza da praga -2021 e 2022- para volver autorizar as plantacións. Polo tanto, desde o Concello recoméndase non facer acopio de pataca para sementar mentres non haxa un pronunciamento oficial por parte da Xunta, algo que debería ocorrer ao longo do mes de decembro ou principios de xaneiro.

A corentena en San Sadurniño e noutros concellos decretouse en 2017 e en setembro de 2018 aquí aínda caeron nas trampas algúns insectos. Durante 2019 non se detectou ningún e, se se respectou a prohibición de plantar e a normativa sobre movementos e almacenaxe, en 2020 tampouco deberían ter aparecido, dado que esta praga só pode sobrevivir e reproducirse onde hai patacais. Falamos en sentido hipotético porque, a día de hoxe, non trascenderon datos oficiais que nos permitan saber cal é o estado da praga no noso municipio.

Na comarca a prohibición segue activa polo momento en San Sadurniño, Valdoviño, Narón, Neda, Cariño e Ortigueira, mentres que outros municipios próximos que o ano pasado non puideron plantar neste xa puideron facelo baixo supervisión dos servizos de Sanidade Vexetal, igual que ocorría en Cedeira, Cerdido e Moeche. Son Ferrol, Ares, Mugardos, Fene, Cabanas, A Capela e As Pontes, consideradas  “zonas tampón” por lindar con municipios en corentena. Nesas zonas puideron poñerse patacas desde xaneiro informando á Xunta da localización exacta de todos os regos, co obxectivo de verificar tecnicamente que a praga non se reproduce.

O paso de zona infestada a zona tampón destes municipios tivo como consecuencia que se declarasen como zonas libres -onde se pode plantar sen control oficial- os territorios máis próximos a nós que antes facían de barreira, é dicir, Pontedeume, Monfero, Vilarmaior e Miño na Coruña e Xermade e Vilalba en Lugo.

En San Sadurniño -volvemos insistir- as restricións seguen vixentes. Non se pode plantar mentres non o autorice a Xunta, se é que o autoriza á vista dos resultados do seguimento de capturas nas trampas que hai repartidas polo noso territorio. Segundo Medio Rural, nas sete parroquias colocáronse un total de 52 dispositivos con feromonas que atraen os insectos. En teoría abondaría con pillar só un exemplar para constatar que a praga segue presente e, en consecuencia, todo o concello seguiría pechado ao cultivo, independentemente do lugar onde se producise a captura.

O grave da cousa é que, de darse esa circunstancia, a prohibición prolongaríase outros dous anos máis -2021 e 2022-, tal e como esixe a normativa estatal para o control e erradicación das pragas vexetais de corentena. Se durante ese tempo non hai capturas de Tecia Solanivora Povolny poderiamos volver poñer pataca en 2023.

Ao non coñecermos os resultados, o máis prudente é non adiantarse a mercar semente mentres non haxa confirmación oficial por parte da Xunta declarando San Sadurniño como zona libre ou zona tampón. O anuncio terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia e agárdase que sexa entre mediados de decembro e mediados de xaneiro. Ademais débese ter moi presente que no DOG podería publicarse  o mantemento da prohibición, co que estariamos mercando antes de tempo pataca que logo non poderiamos plantar e que tampouco é demasiado aconsellable comer ante a dúbida dos tratamentos antixermolantes que poida traer (que, por certo, están prohibidos).

Share.