Volve o San Pipote

0

Durante este verán, e pouco a pouco, San Sadurniño foi recobrando o ritmo das festas patronais. A principios do verán tivemos o San Paio e uns días despois tamén o San Cristovo, agosto foi de seca no que a festexadas se refire e, ao parecer, setembro será completo. E é que esta fin de semana regresa a Santa María/San Pipote a Bardaos cun programa que arranca o xoves á noite no local social e que se estenderá até a madrugada do sábado para o domingo, día da multitudinaria procesión dos bocois encabezados “pope” da parroquia, Carlos Cobelo. Pero a cousa non para aí, xa que a semana que vén tócalle ao Biscordel en Igrexafeita e antes do remate de setembro temos tamén o Belén en San Sadurniño. Volven as festas e, agardemos, para quedar.

A estrutura das festas de Bardaos repítese de maneira invariable de ano en ano, agás os dous últimos, quentando motores na noite do xoves no local social. Así, este 8 de setembro a partir das 23:00h “haberá qu’ir tomar uns cacharros” e escoitar o grupo Malditos Pendejos.

O venres 9, primeiro día das honras a Santa María -si, as festas son as de Santa María, o San Pipote é a romaxe do sábado pola noite-, haberá misa ás 13:30h e, tan pronto remate, a uns metros do adro parroquial animará a sesión vermú o grupo Atenas, que repetirá pola noite -23:30h- na compaña de Tentaciones.

O sábado 10 será a xornada máis intensa, con grupo de gaitas desde pola mañá, sesión vermú con Furia Joven e verbena con este grupo e coa orquestra Eureka. Porén, ese día hai dúas citas inescusables: a partir das 18:00h as Olimpiadas Parroquiais na área recreativa cunha chea de probas tan surrealistas como difíciles e, sobre a 1:30h da madrugada, a procesión do San Pipote e o pregón co que tradicionalmente sermonea ao público Carlos Cobelo.

No cartel da festa indícase que haberá zona para acampar, espazo para merendas, baños e consumicións a prezos populares.

Tamén volven o Biscordel e o Belén
Outra festa que volverá celebrarse será o Biscordel, en Igrexafeita. A comezos do 2020 na parroquia había comisión armada por dúas mozas que, debido á pandemia, tiveron que aparcar os seus plans de organizar a patroa. Este ano, coas situación máis ou menos normalizada, puxéronse en marcha de novo, pediron por toda a parroquia e pecharon cartel para o sábado 17 de setembro cos Berros do Castro facendo “o recorrido” de pola mañá, a Foliada de Ases na función despois da misa -prevista para as 13:00h- e, pola noite, de novo Folidada de Ases na compaña do Trío Arena.

O domingo 18 de setembro os actos relixiosos serán tamén ás 13:00h e, tan pronto remate o “fuejo”, tocará a orquestra Magos nunha desas sesións vermú extralongas que se están poñendo tanto de moda en toda a volta e que xa non fan necesaria verbena pola noite.

Á fin de semana seguinte, o venres 23 e o sábado 24 de setembro, hai en San Sadurniño a festa do Belén, neste caso cunha comisión constituída hai tan só uns días. O venres haberá churrascada animada polo dúo Xilo e Carlos. Servirase un menú acompañado con cachelos, chourizos, viño, auga, sobremesa e café por 20€. As reservas hai que facelas no 656 282 884, no 686 696 863, no 633 385 930 ou no 697 494 394.

O sábado 24 abrirán a xornada as alboradas ao son das gaitas de Agarimo de Catabois e despois da misa das 13:00h actuará o Grupo Montreal, quen repetirá na verbena alternando pases con La Ola ADN. A festa será baixo carpa.

Share.