Sábado 27 de agosto – VIII Feira Rural de San Sadurniño

0

fairlonx

San Sadurniño convértese neste día no referente das posibilidades do medio rural a través dun encontro que combina a esencia das feiras de toda a vida coa posta en valor daquelas experiencias que apostan pola sustentabilidade.

Haberá mercado desde primeira hora da mañá -produtos frescos, alimentos transformados, viveiros de planta e flor, artesanía e artigos de segunda man- distribuído polo arboredo de especies autóctonas da Cortiña. Na carpa principal poderán atoparse alimentos de calidade e tamén a froita que se presente ao concurso organizado polo Concello e a AGFA do Eume. Por outra banda, este ano tamén asistirán produtores e produtoras ecolóxicas con certificación do CRAEGA, que ofrecerán degustacións durante toda a xornada.

O programa de actividades paralelas inclúe a tradicional copa de agility canino, exhibicións de cetraría, paseos en kaiac, obradoiros de cociña para os nenos e nenas, xogos… Ademais tamén se prevén visitas guiadas á horta de conservación de froiteiras Carlos Fornos -situada ao pé da feira- e ao colmear didáctico xestionado pola AGA-Ferrolterra.

A feira disporá cun espazo para xantar por un prezo módico. Outra opción son os restaurantes da zona -o mesón A Granxa, o Muíño do Pepe son os máis próximos, aínda que tamén temos Riboira en Lamas e Os Cazadores en Santa Mariña do Monte-, polo que cómpre chamar con tempo de adianto para reservar.

Ficha de inscrición na VIII Feira Rural (ata o 24 de agosto ás 14.00h.)
Bases do Concurso de froita (Inscricións o propio día da feira)

 

PROGRAMA COMPLETO

10.00h. Apertura da feira e expositores: Agroalimentación, Artesanía, Viveiros e 2ª man. Stands de produtos ecolóxicos certifidados polo CRAEGA Feiraeco Ágora Verde (con degustación permanente)

10.30h. a 11.00h. Concurso da Froita Autóctona:
– Inscricións de lotes de froita para concurso. De 10:30 a 11:00 h
– Fallo do concurso da Froita. 13:30 h
– Entrega de Premios. 14:00 h (Agasallo dunha froiteira autóctona só por participar)
1º premio: Cesto de produtos valorado en 100 euros
2º premio: Cesto de produtos valorado en 75 euros
3º premio: Cesto de produtos valorado en 50 euros

11.00h. a 13.30h  IV Copa Agility Concello de San Sadurniño
11.30h. Primeira visita guiada á horta de froiteiras autóctonas (inscrición no posto do Concello)
12.00h. Exhibición de cetraría
12.00h. a 13.30h.  Obradoiro de cociña creativa para nenos e nenas
12.30h. Cata de viño e sidra da C.F.E.A. de Guísamo con queixo O Casal
12.30h. Primeira visita guiada ao Colmear didáctico. (Inscrición no posto do Concello)
14.15h. Sorteo de cestos con produtos do país (carpa principal)
16.30 a 18.00h.  Obradoiro de cociña creativa para nenos e nenas
17.00h. Visita guiada á Horta de Froiteiras Autóctonas.
18.00h.  Visita guiada ao Colmear didáctico
18.00h.  Exhibición de cetraría
19.15h. Segundo sorteo de produtos e lotes de froita autóctona
19.30h. Clausura da VIII Feira Rural

Exposicións permanentes:
– Apicultura da Asociación A.G.A. de Ferrolterra.
– Froita Autóctona da Asociación A.G.F.A. do Eume.
– Cociñas e trebellos solares da Asociación Os Picos do Sol.
– Club de raza Can de Palleiro.
– Aves rapaces.

Actividades/Obradoiros paralelos:
– Baixadas en kaiac polo Río Xubia. 11.00h. a 14.30h. e de 15.30 a 19.00h.
– Obradoiro de Inxenios Solares. Obradoiro de Chapas. Obradoiro de Circo. Xogos xigantes e Obradoiro de montaxe de dinos xigantes. 11.00h. a 19.30h.
– Obradoiro da Casa do mel de Goente. 11.00h. a 19.00h.

Expositor do Concello:
– Inscricións para visitas guiadas ó Apiario e/ou á Horta de Froiteiras, baixadas en kaiac, e obradoiro de Cociña Creativa
– Información turística
– Recollida de tickets para a cata de viño, sidra e queixo

Mapa de situación da feira e locais hostaleiros

<<< volver á portada

Share.