Vicenta do Castelo, ¡que crack!

0

Buscando titular para a nova foi o primeiro que veu á cabeza. Non é un titular moi ortodoxo, nin sequera é normativo. Pero é sen dúbida o que mellor lle vai ao resume da peza “A Bizcochada” realizada por Carlos A. Quirós para o Chanfaina Lab. A protagonista é Vicenta Rego Bouza, Vicenta do Castelo, unha muller afouta e sumamente expresiva que nos conta un episodio ocorrido hai algúns meses en Naraío. Un episodio do que ela foi protagonista -máis ben vítima- e que o director ferrolán reconstrúe coa súa cámara. Quirós non interfire na narración, só a segue, seguramente porque xa sabía de vello o que podía dar de si semellante remuíño de vitalidade que, por certo, é a súa avoa.

O detonante da historia foi unha vaga de roubos que se produciron en Naraío a mediados do ano pasado. Nuna mesma mañá os amigos -ou amigas- do alleo fixeron o día entrando en catro vivendas relativamente cercanas unhas das outras das que levaron cartos, xoias… e, no caso de Vicenta, algo máis: media bizcochada.

O episodio serviulle a Carlos A. Quirós -responsable da produtora Cuerda Floja e de virais tan reproducidos como o afamado Ferrol Mola!- para edificar un audiovisual de premio pola súa sinxeleza e, principalmente, pola linguaxe e metalinguaxe que hai contidas en escasos 11 minutos. O autor cóntao en Fálame de San Sadurniño: “Cando escoitei a historia da man da miña avoa Vicenta decateime que había algo máis que unha simple rabecha cara as persoas que asaltaron a súa casa. Nin sequera o desacougo cara o medo a poder ser atacada nalgunha outra ocasión era importante. Pareceume que había un enorme sentimento de rancor cara esas persoas por un motivo que vai alén do material: o menosprezo ao sagrado, ao máis persoal e íntimo. Caín na conta entón que había unha pequena historia que merecía ser contada. Fuxía da cotidianeidade dun furto miúdo nunha aldea e ademais restáballe dramatismo á situación porque o que para nós non deixaría de ser anecdótico: o roubo dun anaco de biscoito; para ela remataba por ser o máis importante converténdose nunha teima persoal”.

Por sorprendente que pareza, ningunha das case surrealistas situacións que aparecen no filme foi guionizada, nin forzada, nin sequera plantexada. O cineasta limitouse a facerlle preguntas á súa avoa e gravar as respostas. Vicenta fixo todo o que se pode ver na película e tamén o que nunca se chegará a ver.

Así pois -continúa a explicación en Fálame- “A bizcochada” é un sorprendente e divertido bocado de realidade, no que imos coñecer unha muller inigualable, unha brava muller da parroquia de Naraío. A súa enerxía e humanidade rebordan as marxes do encadre ata chegar ao corazón de calquera espectador.

Unha auténtica “crack” -igual que o neto- que dá xogo para facer múltiples lecturas. A obvia é a da afouteza de Vicenta e o seu perenne humor como prototipo do que é ou debera ser a 3ª idade. E, detrás dela, outra se cadra máis profunda: a realidade dun rural galego con cada vez menos xente nova.

Share.