Viaxe de moito proveito a Astorga

0

75 persoas participaron este sábado pasado nunha viaxe organizada polo Concello que se achegou até Astorga con paradas  no Cebreiro e en Castrillo de Los Polvazares, pequeno enclave próximo á capital da Maragatería que soubo conservar o seu patrimonio para convertelo hoxe nun dos seus principais motores económicos por medio do turismo. O día deu para moito: pasear, xantar un gorentoso cocido maragato, ver cousas, reencontrarse e, como adoita dicirse, “botar o día fóra da casa”. A responsable de Cultura, Amparo Calvo, estivo atenta a todo para achegarnos a crónica da xornada.

Setenta e cinco persoas partiron ás 8,30h da mañá do sábado 28 de setembro para viaxar a un pasado e un presente totalmente distintos en canto a xeito de vida pero igual en canto a tradición no seu patrimonio.
Camiño do Cebreiro acompañou a néboa ata Becerreá. Aí o sol saudou desde Os Ancares permitindo un paseo polas rúas empedradas, coa oportunidade de ver unha das súas pallozas convertida en museo e gustar da visita á Igrexa de Santa María la Real, onde sorprendeu o tamaño da pía bautismal por inmersión. Tiveron tamén a ocasión de presenciar a gravación dunha nova serie para a TVG, onde a presenza de Victor Fábregas (Tucho), alterou o almorzo no Cebreiro.

Camiño de Astorga, foron testemuñas dos labores da vendima o que lembrou o costume  que había en moitas casas de San Sadurniño de viaxar até o Bierzo, Cacabelos e outras zonas viñateiras para mercar a uva coa que logo se facía aquí o viño.

Recibiunos Astorga cun sol marabilloso e 26 graos de temperatura. O día prestábase a andar e así o fixeron. Percorreron a contorna do Pazo de Gaudí e da Catedral e pasearon ata a Praza Maior, onde o lles deron a benvida as campás do Concello nas que baten cada hora desde hai máis de dous séculos a parella maragata formada por Juan Zancuda e Colasa.

Visitaron tamén a Praza Romana, as ruínas dunha casa da época da romanización, as dez campás da Capela de Veracruz e, aquelas máis interesadas na arte, cumpriron o desexo de ver o interior da Catedral ou do Pazo de Gaudí. Viaxe curta para algunha xente, dada a cantidade de Patrimonio que conserva Astorga, tendo en conta que ninguén quería perder a visita ao Museo do Chocolate, onde cadaquén trouxo produto para unhas saborosas tardes de outubro.

O xantar foi o máis comentado da viaxe, posto que o cocido maragato foi unha auténtica revelación para moitas das persoas participantes na excursión a pesar de que garda semellanzas co galego en canto a produto, aínda que variando a súa orde.

A parte de visitas culturais rematou no pobo arrieiro de Castrillo de los Polvazares, magnificamente conservado. Como arrieiros cumpriuse o percorrido tradicional dos carros e admirouse a beleza e valentía daquela xente de conservar o pasado de xeito tan rigoroso.

Fíxose tarde para a volta, o cansazo era visible, pero para facer a pregunta : “cando é a próxima?”, aínda quedaban folgos. Imos deixar que disfruten do chocolate, das manteigadas, dos garabanzos, das uvas e de todo aquel produto do que se abasteceron na Comarca Maragata. Será entón cando empecemos a pensar na próxima.

Share.