VI Chanfaina Lab

0
mostra chanfaina alta (1)

Pica na foto para acceder á historia da foto tomada en 1918 na que se basea o cartel deste ano, titulada no proxecto Fálame de San Sadurniño como “Señoritas” de San Sadurniño

A primeiros de setembro volve o Chanfaina Lab, unha experiencia de creación audiovisual colectiva na que o protagonismo é de San Sadurniño, da súa xente e da súa paisaxe. O proxecto está aberto a todas as persoas que queiran participar gravando unha peza ou axudándolle de distintas maneiras á xente que vén de fóra: colaborando con ela na localización de escenarios, botándolle un cabo na produción e gravación ou incluso poñéndose diante da cámara como protagonistas das súas historias.

Para participar no Chanfaina Lab non fai falla experiencia previa nin tampouco hai límite de idade. Se te animas escribe un correo a  agustin.perez@sansadurnino.gal ou chama ao teléfono 616 332 919.

Para esta sexta edición xa hai varios nomes confirmados de dentro e fóra de San Sadurniño e un programa que se amplía con varios obradoiros. Entre os realizadores e realizadoras que confirmaron asistencia contaremos con Abel Vega, Aldara Pagán, Ana Martínez, Ana Moreiras, Ana Lamas, André Barbé, Ángela Arnosa, Antón Rodríguez, Anxo Santomil, Bieito Beceiro, Carmen Bouza, Carmen Couce, Catalina Rodríguez, Consuelo Picos, Cruz Piñón, Eloy Arnosa, Fran Bermúdez, Fran X. Rodríguez, Graciela Galdo, Iago Lourido, Irene Beceiro, Javier Seoane, Lucia C. Pan, Luis Avilés, Manolo Abad, María Yáñez, Mónica Cibreiro, Noemi Caneiro, Olga López, Pablo Martínez, Roberto Bouza, Sara Alonso e Noelia Uceira.

Actividades paralelas

Martes 3 de setembro
16.00h. a 20.00h. “A montaxe non é pegar planos” na Aula CeMIT. Prazas limitadas.
Neste obradoiro impartido pola premiada realizadora naronesa Sandra Sánchez veremos que é a montaxe en verdade, que nos fai escoller o momento “máxico” do corte e cantas decisións hai que tomar durante a montaxe dunha película, ademais de coñecermos que influencia poden ter esas decisións en quen mira e como poden afectar á súa percepción da obra cinematográfica. Intentaremos respostar a estas e outras preguntas sobre a montaxe a través de exemplos e sinxelos exercicios prácticos.

Mércores 4 de setembro
10.00h. a 14.00h. “Converte o mundo dos videoxogos e a animación 3D no teu futuro profesional”, na Aula CeMIT. Prazas limitadas (14 a 25 anos)
No marco do VI Chanfaina Lab tamén haberá obradoiros para a mocidade con idades comprendidas entre os 14 e os 25 anos, encadradas no programa TechKids promovido pola AMTEGA e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia. O primeiro deles será un taller para iniciarse no mundo dos videoxogos e da animación 3D, dous dos ámbitos con máis futuro dentro do audiovisual. Neste obradoiro adentrarémonos no mundo da animación, dos efectos visuais, dos videoxogos, da realidade virtual… explicando cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación e estudos que debes ter para poder traballar en empresas que se adican a isto.

Ademais, contarémosvos de xeito visual e didáctico as experiencias de profesionais de Galicia que pensaban que desde aquí non era posible traballar nestes sectores. Xente recoñecida e con prestixio nestas industrias que vos servirán de exemplo para que poidades marcar as vosas propias metas.

Con esta experiencia búscase un achegamento aos gráficos 3D desde un punto de vista máis amplo, que vos permita converter a vosa creatividade, xunto co recoñecemento da técnica e da tecnologxía, na vosa profesión, unha profesión sen dúbida con gran futuro e gran demanda de profesionais especialistas.

Xoves 5 de setembro
10.00h. a 14.00h. “Crea a túa propia APP”, na Aula CeMIT. Prazas limitadas (12 a 18 anos).
Seguindo coas propostas da AMTEGA e o CPEIG dentro do programa Techkids, neste caso farase unha introdución ao deseño de aplicacións móbiles para dispositivos Android. Na primeira parte da actividade deseñarase unha aplicación para comunicar a través de whatsapp a súa situación mediante xeolocalización wifi ou gps. Na segunda parte cadaquén poderá pensar e comezar a programar unha app que solucione unha inquedanza propia. Para poder ver en funcionamento a súa creación será necesario un dispositivo móbil con Android.

Recoméndase que a rapazada traia un móbil ou táblet con sistema operativo Android, xa que a actividade centrarase nese sistema operativo. Unha vez rematada a sesión o alumnado terá creada a súa conta e o seu proxecto de app gardado na nube. Ademais de axudarlles a iniciarse na programación e facilitarlles eses primeiros pasos, os mozos e mozas poderán seguir mellorando a app na casa e publicala cando queiran.

Venres 6 de setembro
10.00h. a 14.00h. “Introdución á fotografía 3D”, na Aula CeMIT. Prazas limitadas.
O terceiro obradoiro que nos propón o Chanfaina Lab para os días previos ás xornadas de rodaxe ocuparase de mostrar as distintas técnicas que permiten facer e visualizar fotografías con efectos 3D. Fotografía estereoscópica, anaglifos e animación fotográfica 3D partindo de imaxe 2D. Capturas de imaxes con calquera dispositivo que permita realizar fotos: móbil, cámara compacta, réflex, portátil… Todo nun curso de 4 horas impartido polo experto Anxo Santomil.

20.30h. a 22.00h. Eira de Cineastas. Casa da Cultura, entrada libre
O Chanfaina Lab sempre arranca coa chamada “Eira de cineastas”, un encontro a xeito de benvida de todas e todos os participantes no que se mostran fragmentos ou pezas representativas da obra de cada un deles. Este ano o encontro audiovisual conta con 33 nomes de dentro e fóra de San Sadurniño, profesionais e xente amadora que se xuntan para dar múltiples visións do noso territorio con total liberdade creativa. A Eira irá precedida da plantación simbólica dunha árbore na leira da Cortiña. Este ano a especie elixida é unha moreira.

IMPORTANTE!!: Para reservar praza en calquera dos obradoiros -que son gratuítos- hai que contactar coa área de Cultura por correo electrónico –agustin.perez@sansadurnino.gal– ou chamando ao 616 332 919.

Sábado 7 de setembro
20.30h. a 22.00h. Proxección de “Hamada”, de Eloy Domínguez Serén. Casa da Cultura, entrada libre.
“Hamada” é unha longa documental que se achega dun xeito distinto á realidade dos campamentos do Sahara Occidental. É unha peza de denuncia da situación dun pobo sen estado de seu que, porén, debe afrontar o seu día a día, algo que o director galego reflicte a través dos seus tres protagonistas: unha rapaza idealista e moi activa, un mozo que desexa marchar a Europa e, o terceiro, un rapaz que acepta o estado das cousas e que se adapta a el case con resignación.

A longametraxe fala do conflicto saharauí sen falar directamente del, senón que bota man do humor, dun son e dunha imaxe moi coidada para traer á actualidade unha realidade que leva case medio século agardando unha solución.

O filme de Eloy Domínguez Serén -quen xa participou hai tres anos no Chanfaina Lab- está recibindo excelentes críticas e tamén premios. Ademais, esta coprodución entre Suecia, Noruega e Alemaña tamén está colleitando premios, como os dous recibidos no pasado FICXixón.

Sábado 7 e domingo 8 de setembro
Xornadas de filmación do VI Chanfaina Lab.
Durante estes dous días, os equipos de gravación percorrerán o territorio á procura de historias para contar ou daquelas que xa traen preparadas e que agardan a ser filmadas. Nese labor é moi importante a axuda de persoas e entidades de aquí: facendo de guías, axudando coas localizacións, botando unha man coa produción, etc.

Se queres colaborar coa iniciativa envía un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou chama ao teléfono 616 332 919.

 

<<<< volver á portada

Share.