Verónica Castrillón: “O machismo apréndese, por iso hai que educar en igualdade”

0

A Educadora familiar e presidenta da Asociación Meigallo, Verónica Castrillón, ofreceu o sábado pola mañá un obradoiro de sensibilización contra a violencia de xénero dentro dos actos programados con motivo do 25-N. A sesión abordou o problema como algo estrutural dunha sociedade construída sobre o patriarcado que, malia todo o que se leva avanzado, non se dá desprendido do machismo nin dos seus efectos máis extremos. Anulación, humillación, agresión… son palabras que resoan con forza nestes días amplificadas polos medios de comunicación. Pero hai máis violencias contra da muller polo feito de ser muller, tanto dentro como fóra dunha relación de parella. De todas elas falou Castrillón, quen ten claro que a única maneira de acabar con elas é rematando primeiro co machismo patriarcal. Algo que só se consegue a través da educación en igualdade. A educadora incide na importancia de que as vítimas conten con apoio e acompañamento do seu entorno inmediato -familia, amizades- para a denuncia, que debe ser un acto non forzado, e para o longo proceso que vén despois.  Iso si, na charla tamén lembrou a obriga que temos todas e todas de denunciar se presenciamos unha gresión.  Ao remate do obradoiro do sábado á mañá fixémoslle unha pequena entrevista que reproducimos integramente porque cremos que resume as principais claves para entender a verdadeira dimensión do problema e as posibles vías para poñerlle fin.

Cales foron os temas que trataches na sesión?
Na charla intentamos conceptualizar e contextualizar a violencia de xénero, é dicir, ver cal é o sistema que sustenta esta violencia, que é o patriarcado e despois falar un pouco das violencias contra das mulleres, non só da de xénero. É verdade que moitas veces só se fala da de xénero, pero non temos en conta a violencia sexual, o acoso e outras violencias que podemos sufrir as mulleres. Por iso na sesión tratamos todas estas violencias e en especial como apoiar a unha vítima.

A violencia de xénero non é algo súpeto, senón que vai dando sinais de que está aí, nonsí?
Si, vai dando sinais desde o comezo, desde as violencias máis invisibles como pode ser o piropo na rúa ata unha broma machista. E despois están as violencias na parella que empezan con cousas moi sutís, como pode ser a violencia psicolóxica: dicirche que non vales para nada, que non es capaz, que alguén o fai mellor ca ti… violencias moi sutís que desembocan na última consecuencia (a agresión física).

Violencias que perseguen, en primeiro lugar, anular e illar á muller…
O obxectivo de toda violencia de xénero é anular á muller e tamén manter a relación de humillación. É unha violencia moi específica porque o que pretende é precisamente manter a relación a través de pedir perdón, de intentar minimizar o  dano…

Iso é o que se denomina “ciclo da violencia de xénero”, ¿como se reproduce ese ciclo?
Ese ciclo funciona primeiro suprimindo e deshumanizando á muller, intenta que se sinta mal, que sinta que non serve para nada. Despois comeza o ciclo: o agresor vai acumulando tensións por unha serie de feitos que poden ser insignificantes, despois explota (coa agresión)… pero sempre vén a última fase, a da lúa de mel, na que o agresor pide perdón, fai agasallos, descúlpase… e iso fai que a muller non saiba como saír dese ciclo porque a mesma persoa que te agrede estache pedindo perdón e diche que te quere. Entón é un círculo vicioso.

E volve repetirse…
Exacto, é un ciclo que se repite. Sempre segue volve ao comezo: acumulación de tensión, explosión da tensión e lúa de mel. E cada vez ese ciclo acúrtase máis entre episodios violentos.

A denuncia é a única saída dese círculo?
É verdade que a denuncia debe de facerse nalgún momento, pero tamén que a muller ten que estar preparada para denunciar. Eu recomendo apoiar a vítima, acompañala en todo o proceso e intentar que ela mesma descubra que é vítima, porque moitas veces non se senten así. Entón é moi perigoso que unha persoa que non se sinta vítima denuncie, porque entón o máis probable é que volva co seu agresor, que a denuncia non sexa para nada e que o xulgado interprete a denuncia como unha denuncia falsa. E por suposto, se somos testemuñas dunha agresión temos a obriga de denunciala.

O que a vítima precisa entón é dispor unha rede de apoio social que a acompañe e que dea confianza…
Si, unha rede de apoio social e de apoio institucional tamén. Que as persoas que traballen no seu concello ou a nivel institucional apoien á muller nese proceso… porque é un proceso, non un momento puntual. É un proceso de decatarse de que é vítima e de querer dar os pasos para querer saír da situación. E é un camiño longo.

Están as institucións preparadas para brindar ese apoio?
Non, non o está desde o momento en que a Lei de violencia de xénero se aplica de maneira moi lenta. Por exemplo, non se ten en conta que as mulleres moitas veces retiran as denuncias ou que nos xulgados non teñen os medios para darlles apoio. É verdade que se di que agresores e vítimas non coinciden nos xulgados, pero iso moitas veces non é certo. O sistema está montado para o agresor [a obter unha condena], non para a vítima. A muller sofre dobre vitimización, sofre vendo ao agresor no xulgado e é un proceso moi complicado.

Faría falla máis empatía institucional co que sente a vítima nese proceso?
Hai como unha descontextualización: hai unha vítima, un agresor e unha situación máis, non hai realmente un proceso de acompañamento social ao longo do proceso. Noutras comunidades hai psicólogos educadores sociais que están ao longo do proceso nas dependencias xudiciais.

A sociedade segue sendo machista, pero ninguén nace machista, ou?
O machismo apréndese. Pero apréndese tan cedo que parece que nacemos non el. A educación é a base. O título da charla foi “Contra a violencia patriarcal, educación”, educación en igualdade e en feminismo. Hai que definir unhas novas masculinidades, hai que rachar coa feminidade tradicional, e para iso os nenos e nenas son moi importantes, sobre todo eles, que son os que poden chegar a ser futuros agresores.

As redes sociais axudan ou non ao cambio que se debe dar na sociedade?
As redes son un perigo moi grande porque cada vez se acentúan máis unhas violencias sutís como son as de control, de celos… Entón non nos fan ningún favor, aínda que si podemos utilizalas como ferramenta educativa: ensinarlles ás nenas e nenos como utilizalas sanamente, que saiban que teñen dereito á privacidade e intimidade, que ninguén ten por que saber as súas claves de facebook ou instagram….

Neste contexto tecnolóxico e de acceso á información ¿non choca un pouco que haxa moitas nenas e mozas que asuman como normal un comportamento machista?
A normalización é algo co que xogamos sempre, sexa na normalización da violencia de xénero explícita, porque exista unha normalización social cara a esa violencia, ou sexa a normalización do control e dos celos…Hai mitos que nos din que o amor todo o pode cambiar, que os celos son algo positivo, que a outra persoa nos quere máis se nos está preguntando todo o tempo onde estamos e con quen andamos… iso é un tipo de violencia que asumimos como normal. Por iso hai que educar en igualdade.

Share.