Venres e sábado de festa en San Sadurniño

0

Á festa deportiva que se vivirá no pavillón municipal este sábado coa disputa do trofeo municipal de volei, hai que sumarlle tamén a tradicional festa do Belén, que volve organizarse no Campo da Feira, ao pé da capela do mesmo nome situada xusto á saída da zona urbana de San Sadurniño. A comisión formouse hai escasas semanas e preparou en tempo récord un programa que inclúe churrascada e música o venres á noite -con inscrición previa- e unha xornada de sábado con todos os ingredientes para un día grande de festa: gaiteiros, misa, sesión vermú e verbena. 

O venres haberá churrascada animada polo dúo Xilo e Carlos. Servirase un menú acompañado con cachelos, chourizos, viño, auga, sobremesa e café por 20€. A rapazada menor de 8 anos non terá que pagar e, ademais, terá pizza de balde até acabar as existencias.  Onte martes foi o último día para reservar, pero se quedase algunha persoa despistada, que non se demore máis e que chame xa a calquera dos seguintes teléfonos: 656 282 884,  686 696 863, 633 385 930 ou 697 494 394.

O sábado 24 abrirán a xornada as alboradas ao son das gaitas de Agarimo de Catabois e despois da misa das 13:00h actuará o Grupo Montreal, quen repetirá na verbena alternando pases con La Ola ADN. Ademais, segundo informou a comisión a través das redes sociais, durante a xornada haberá exposto un simulador de xogos “que poderán probar todas as persoas que o desexen”.

A organización do Belén conta con apoio económico da veciñanza de San Sadurniño e de numerosas firmas comerciais. Tamén teñen á venda rifas ao prezo de 2 € para entrar no sorteo de dúas ceas para dúas persoas no Mesón A Granxa e no Muíño do Pepe.

Desde a comisión informan de que por mor da instalación da carpa para a festa será necesario desviar o tráfico que conflúe no Campo da Feira desde a tarde deste xoves até a mañá do luns. Até a noitiña do venres e desde o domingo pola mañá poderán pasar por alí vehículos lixeiros, pero non camións e outros que, pola súa altura, poidan tocar na estrutura.
Prégaselle á veciñanza e outras persoas usuarias da Avenida Marqués de Figueroa, da estrada provincial a Santa Mariña e das pistas dos Currás, O Inxerto e O Fabal-Riboira, que utilicen percorridos alternativos para entrar ou saír do núcleo urbano por ese punto.

Excursión da AVV Xuntanza de Lamas
Outra alternativa de lecer para a xornada do sábado é apuntarse na excursión a Oviedo e León que organiza a Asociación Veciñal Xuntanza de Lamas.Sairase ás 7:00h de diante do local social da parroquia para visitar a cidade asturiana durante a mañá e, despois de xantar, a expedición desprazarase até León para percorrer o seu casco histórico na compaña de guía.

O prezo son 55€ por persoa socia e 60€ para quen non pertenza á entidade. Nel inclúese o seguro e máis o xantar. Hai que anotarse no 618 838 760 ou no 664 203 738.

Share.