Veciñanza e Concello coinciden en que o abastecemento do Camiño Arriba sexa de xestión municipal

0

O Concello mantivo un encontro onte á tardiña cunha trintena de veciñas e veciños do Camiño Arriba para falaren da xestión da auga e da próxima entrada en funcionamento da rede de subministración que se está rematando de estender nesta zona de Lamas. O obxectivo da xuntanza foi o de expor as dúas posibilidades que viña barallando o Goberno local desde o inicio do proxecto, sufragado con partidas municipais e do Fondo Ambiental. A primeira delas era que se constituíse unha comunidade de usuarios e usuarias para a levanza do servizo de maneira autónoma, mentres que a segunda -a aceptada finalmente pola veciñanza- era a de que o Concello xestione a nova rede como unha parte máis do abastecemento municipal.

En 2019 perforouse ao pé do local social do Camiño Arriba un punto de captación de auga con capacidade de sobra para subministrar auga en cantidade a toda a zona. Aquela primeira intervención foi seguida en 2020  da construción dunha estrutura  dotada con bombeo, depósitos e equipamento de potabilización. Desde o ano pasado tamén se foi ampliando a rede troncal de abastecemento e, neste 2021, dedicaranse os case 34.000 euros do Fondo Ambiental a completar o entramado da rede.

A infraestrutura beneficiará a arredor de 125 veciñas e veciños, dándolles a posibilidade de que se conecten a un sistema completamente novo e con todas as garantías sanitarias e de calidade da auga. O Concello xa solicitou o rexistro en Augas de Galicia e agárdase que as autorizacións para a súa entrada en funcionamento estean listas coincidindo co remate das obras de ampliación, que se licitarán en breve.

Na xuntanza  celebrada onte a iso das oito do serán no exterior do local social volvéronse presentar as dúas posibilidades de xestión: mediante unha comunidade de usuarias e usuarios que se ocupasen do mantemento das instalacións ou, por outra banda, que fose o Concello quen xestionase o servizo da mesma maneira que na zona urbana.

Esta última opción foi a que finalmente se consensuou cos veciños e veciñas, de modo que aqueles domicilios que decidan conectarse voluntariamente á rede deberán asumir o custe das acometidas e os contadores, ademais de aboar as cotas trimestrais correspondentes.  Un inconveniente que, porén, queda compensado por outras vantaxes. “No Camiño Arriba ocorre o mesmo que en todo o rural galego, hai unha poboación maioritaria de idade avanzada para a que é máis cómodo dispor dun servizo municipal que ter que andar pendentes de que lles sequen as fontes, de limpar depósitos ou de amañar cañerías cando rompen. Ter subministración municipal quítalles preocupacións e, ademais, asegúralles o subministro e tamén a calidade e as garantías sanitarias que esixe a normativa”, explica Secundino García.

O alcalde engade que as traídas como a do Camiño Arriba son “a mellor opción para concellos coma o noso e máis aínda se son autoxestionadas, posto que as pequenas comunidades de persoas usuarias son máis conscientes da necesidade de usar a auga con responsabilidade”.

Incluso a Xunta comparte esta visión, e por iso lanzou no mes de abril un programa piloto para promover abastecementos autónomos en concellos de menos de 5.000 habitantes. San Sadurniño xa solicitou adherirse ao programa e agarda ser un dos seis municipios elixidos para levar a cabo as primeiras experiencias. Ademais, no orzamento municipal deste ano tamén se incluíu unha partida de 15.000 euros para colaborar con aquelas agrupacións veciñais que decidan poñer en marcha traídas comunitarias axustadas á normativa da auga.

Plan da seca
En relación coa xestión da auga, o encontro celebrado no Camiño Arriba tamén se aproveitou para comentar coa veciñanza os obxectivos e o contido do Plan de emerxencia ante a seca que está ultimando o Concello.

Trátase dun documento que recolle todos os recursos hídricos do territorio, como se xestionan ou que zonas serían máis vulnerables a longos períodos sen chuvia, ademais de facer dunha diagnose dos actuais sistemas de abastecemento e tamén que alternativas tería o Concello -incluídas as obras que habería que facer- para subministrar auga no caso de que se desen situacións de escaseza.

Share.