Varios obradoiros tratarán en maio a comunicación e as normas no seo da familia

0

As familias son o primeiro espazo educativo para as persoas e o primeiro e principal axente de socialización. As persoas adultas do futuro fórmanse na escola en materias, en competencias e en normas de convivencia, pero é no seo da familia onde se van moldeando condutas e xeitos de se relacionar co mundo que lles serán fundamentais ao longo da vida.  Por iso o Concello impulsa de novo en 2021 a “Escola de familias”, que son unha serie de obradoiros nos que facilitarlles ás nais e pais algunhas chaves sobre a educación infantil e as relacións familiares, co obxectivo de favorecer o desenvolvemento persoal da rapazada. As sesións impartiranse en colaboración con ASFEDRO os días 5, 12, 19 e 26 de maio cun horario provisional de 16.30 a 18.00h.  As inscricións poden facerse contactando coa Educadora Familiar -981 490 027 ext.1- antes do 3 de maio. O emprazamento  decidirase unha vez que se coñeza o número de participantes.

Con este ciclo de obradoiros preténdese construír un espazo para a participación activa, o intercambio, a reflexión, o debate e a aprendizaxe conxunta de todas as persoas do grupo.  Máis que asistir a unha charla con contidos pechados, do que se trata é de que cadaquén expoña as súas experiencias e escoite as do resto, ademais de aproveitar a presenza de persoal de ASFEDRO para consultar posibles solucións a problemas que poden xurdir no día a día e que non se saiba como xestionar.

Con todo, as sesións si terán varios temas principais sobre os que traballar, relacionados coa comunicación familiar e os estilos educativos, as normas e límites e, ademais, dúas partes específicas sobre condutas adictivas producidas polo consumo de sustancias ou de tipo comportamental (adiccición aos xogos ou o xogo, ás compras, etc.). Tamén se falará dos riscos asociados ao uso das tecnoloxías da información e a comunicación, tanto desde a óptica das adiccións -ao móbil, ás redes sociais…- como doutras cuestións que teñen máis que ver co xeito de relacionarse cos demais: desconexión co mundo real, acosos, chantaxes, control de parella.

A Escola de familias vai dirixida a pais, nais ou persoas titoras con fillos e fillas en idade escolar, desde crianzas pequenas até adolescentes. A actividade desenvolverase os días 5, 12, 19 e 26 de maio, adaptando os contidos de cada día aos temas que vaian xurdindo e as idades para as que estean máis aconsellados. En principio púxose o horario de 16.30 a 18.30h., que se poderá modificar de acordo coas preferencias do grupo participante.

Os encontros contarán con asesoramento especializado de persoal da entidade Asfedro, coa colaboración do Programa de Educación familiar do Concello. As inscricións hai que facelas chamando ao teléfono 981490 027 (ext. 1). O último día para anotarse é o 3 de maio e fará falla un mínimo de 8 persoas apuntadas para que a actividade vaia adiante.

O lugar de celebración dos obradoiros aínda non está decidido, xa que será necesario coñecer antes o número de persoas inscritas para elixir logo un local que cumpra cos requisitos de aforo que estean en vigor nese momento.

Share.