Varias cousas sobre os montes

0

Os montes e plantacións forestais son unha parte fundamental da economía na nosa zona. San Sadurniño é o municipio da comarca onde máis toneladas de madeira se cortan ao ano, algo que se traduce en ingresos extra para moitas familias, moi necesarios na situación de crise en que nos encontramos. Porén, o monte hai que coidalo para que sexa rendible e  para que non sexa foco de incendios que poidan poñer en perigo vivendas e outras instalacións. Ademais tamén é obrigatorio separar as plantacións das vías públicas e cortar as árbores máis próximas ás pistas para evitar que poidan caer sobre delas. Tanto unha cousa como a outra debe facerse todos os anos antes do 31 de maio, tal e como manda a normativa da Xunta. Por outra banda, as tarefas de extracción en ningún caso poden danar as pistas e camiños de titulariedade pública, nin tampouco deixalos cheos de terra ou ramalla. Un dos últimos casos que xa investiga o Concello produciuse hai uns días en Lamas, onde unha saca de madeira preto do límite con Moeche deixou un camiño completamente intransitable e unha pista de asfalto literalmente soterrada.

Desde o Concello volve chamarse a atención sobre o coidado que se debe ter coas pistas e outras vías públicas durante as tarefas da saca de madeira. Os camiños públicos e cunetas non poden quedar desfeitos nin tampouco cheos de terra e ramalla, senón que deben ser as empresas forestais quen se ocupen de deixalos como estaban antes de facer a extracción, tal e como se recolle na ordenanza municipal en vigor desde 2013. Non atender a esta cuestión é denunciable e sancionable e, ademais, “o Concello nin pode nin ten por que soportar cos impostos de toda a veciñanza o gasto que supón volver amañar ou limpar as pistas que estragan uns poucos”, asegurou o alcalde, Secundino García.

Porén, os estragos en pistas son algo recorrente nun municipio que ten o récord de cortas anuais de toda a comarca. O último caso ocorreu hai escasos días na pista que une Soutullo co Redondo, en Lamas, onde os labores extractivos deixaron unha capa de terra que a duras penas deixa ver o asfalto en parte do trazado. Ademais, segundo constatou o Concello onte á mañá, as operacións forestais tamén deixaron totalmente intransitable o camiño que vai desde o Redondo até o lugar de Beleiriz, xa en Moeche.

O Concello comprobou, ademais, que non se rexistrara ningunha comunicación para esa zona en concreto (algo que esixe a ordenanza municipal) e xa se contactou co Distrito Forestal para que informe das cortas recentes autorizadas nesa zona, co obxectivo de reclamarlle á empresa responsable dos traballos a reposición das vías públicas ao seu estado orixinal.

WhatsApp Image 2021-03-08 at 16.49.12

Estado no que quedou o camiño que une o Redondo con Beleiriz

Outras obrigas relacionadas cos montes
Por outra banda, desde o Concello tamén se recordan outras obrigas relacionadas co cumprimento da normativa de prevención de incendios.

Hai que librar de árbores e maleza as beiras das pistas: A lei esixe que os terreos limítrofes con pistas e estradas deben estar libres de arborado nunhas distancias que van -dependendo do tipo de vía e de especie vexetal- desde os 2 até os 10 metros do dominio público. En concreto, os eucaliptais e piñeirais deben afastarse un mínimo de 10 metros de estradas e vías de ferrocarril e polo menos 4 metros das pistas forestais. No caso de frondosas caducifolias -castiñeiros, carballos, cerdeiras, bidueiros, loureiros…- a obriga de separación é de 4 metros con respecto a estradas e de 2 metros se están á beira de pistas forestais. Se non se cortan esas árbores, o Concello poderá actuar de oficio.

Hai que ter os montes rozados e gardar as distancias: Ter limpos os montes e aquelas parcelas limítrofes con núcleos de poboación, vías públicas e equipamentos é unha obriga para todas as persoas titulares ou arrendatarias de terreos, de acordo coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. A normativa indica que se deben manter esas zonas limpas de biomasa vexetal, asegurando unha faixa perimetral de polo menos 50 metros libre de maleza e de especies pirófitas, entre elas eucaliptos, piñeiros e acacias. O prazo para efectuar esas limpezas remata o 31 de maio. Se tedes dúbidas ao respecto das distancias en cada lugar, podedes consultar no Concello o Plan de Prevención de Incendios Forestais, onde aparecen demarcadas as zonas que deberán quedar libres de arborado e maleza.

As cortas de madeira e leña para uso doméstico (non para vender) agora poden comunicarse a través do 012: As declaracións responsables para aproveitamentos madeireiros domésticos poden tramitarse desde hai unhas semanas chamando ao 012 (mellor ao 981 900 643 para que non nos cobren sobreprezo na chamada desde móbiles). É importante ter en conta que só se poderán declarar os usos para leña e outros aproveitamentos que non vaian dirixidos á venda de madeira. Ademais tampouco se poderá utilizar este medio se o monte en cuestión ten afeccións sectoriais ou de protección do dominio público (augas, estradas, etc.). Nese caso, haberá que solicitar autorización polo procedemento habitual.

Share.