Unhas 3.500 persoas pasaron pola IX Feira Rural de San Sadurniño

0

O dato do titular non o dicimos nós, dío Protección Civil despois de calcular a afluencia segundo os vehículos contabilizados ao longo da xornada. Non deixa de ser un número que pode dar unha orientación sobre o éxito dunha feira que, tras nove edicións, está consolidada e é un referente do potencial do sector primario da comarca. O tempo nin lle quitou nin lle puxo, aínda que a xornada estivo ben pesada e só a última hora ofreceu unha brisa reconfortante para o público e para os postos, dos que practicamente non fallou ningún. Eran 85 entre alimentación, artesanía e segunda man e cadaquén fala da feira segundo lle foi nela, confirmando, iso si, que a xente vén dar unha volta pero tamén buscar cousa de calidade. Quizais por iso tiveron boa saída os produtos da terra -había tomates espectaculares-, os derivados lácteos, as conservas e e todo o relativo á panadería. A IX Feira Rural pechou pasadas as 19.30h. co tradicional sorteo de agasallos. Remata así o primeiro grande evento da fin de semana. O segundo, mañá a partir das 12.00h. co III Sons na Cortiña e a súa programación de actividades para toda a familia, incluídos os concertos da orquestra Os Modernos, de The Kids Band Ferrol, de De Vacas e de Natural Green.

Do resultado da IX Feira Rural falou a última hora Manolo Varela, edil responsable da área de Desenvolvemento Local, quen fixo un balance “moi positivo” xa que, na liña de anos anteriores, “vese que a feira está moi consolidada”. O concelleiro sinalou como factores do éxito deste ano a “boa cantidade de postos inscritos -85 en total-” así como a “boa afluencia de público durante todo o día” que, segundo estimacións de Protección Civil “estivo entre as 3.000 e 3.500 persoas”.

Datos que para Varela significan que “a feira funciona” malia estar falando dun evento organizado por un municipio pequeno que, porén, ten tirón en toda a volta: “creo que é un logro manter este nivel. San Sadurniño non é unha grande cidade e aínda así somos capaces de atraer moita xente. Estimamos que o 90% do público foi xente de fóra.”

Alén da propia cantidade e calidade de produto que se puido atopar neste encontro anual, cómpre lembrar que tamén se ofrecían unha chea de opcións paralelas, entre elas os paseos en kaiac gratuítos, un obradoiro infantil de elaboración de marmeladas -xunto con requeixos e Queixos de Brigantia-, xogos, unha actividade de iniciación á hípica, visitas á horta de froiteiras Carlos Fornos e ao apiario xestionado pola AGA Ferrolterra  e tamén degustacións de viño branco lexítimo e sidra producidos pola CFEA de Guísamo, que se acompañaron con queixo do Casal.

Destacada foi tamén a actuación do Aturuxo de Melpómene, que montaron ex-profeso o espectáculo “Cadaquén Faladafeira”. Un show de frikismo absoluto, humor estrafalario, bailes e música que foi moi aplaudido polo público. Unha performance na liña do Aturuxo que aínda terá continuidade nos próximos días, cando publiquemos nas redes o vídeo de hilarantes entrevistas que fixo pola Cortiña o factótum Leandro Lamas, metido desta vez no pelexo dun telexornalista visitafeiras. A ver que sae, xa que aínda non vimos as imaxes.

Concurso de froita e probas caninas
O concurso de froita autóctona é un dos principais eventos que se desenvolven na feira desde o seu nacemento. Este ano inscribíronse un total de 20 lotes dunha grande calidade e variedade, aínda que con predominancia das mazás e das peras por estaren en moitos lugares no seu momento óptimo.

No xulgamento participaron representantes da AGFA do Eume -coorganizadora da feira-, do Concello e do CFEA de Guísamo, que lle outorgaron o terceiro premio a un cesto de pexegos do país presentado por Juan Castrillón. O 2º premio levouno Orlando Calvo cun lote de mazás da variedade denominada “Grande da Armada”. O cesto ganador foi para as mazás do tipo “Pero Baionés” presentadas pola familia López Pouso, que xa o ano pasado obtiveran un terceiro premio con mazás pintas da súa horta.

Co gallo da Feira Rural tamén se desenvolveron dúas actividades relacionadas cos cans. Durante a mañá 18 parellas de persoa e animal disputaron a  V Copa Agility Concello de San Sadurniño organizada por Lobos de Naraío.  En Grao 1 estándar venceron Patricia Maroño e Maya, do equipo anfitrión, en segundo posto quedaron Alberto Camba e a cadela Marina, do club Mascoguau e en terceira posición istuáronse Ina Wunschmann e Nanouk, tamén de Lobos de Naraío. No Grao 1 mini-midi, a victoria foi para José Lorenzo con Torre, de Mascoguau, mentres que o segundo e terceiro posto quedaron desertos por eliminación dos demais participantes.  No apartado Grao 0 o primeiro posto foi para Menchu Iglesias e Fada e o segundo levouno Rebeca Freire coa súa cadela Nala, as catro pertencentes a Lobos de Naraío.

Ademais do agility, pola tarde tamén se celebrou o II Monográfico da Raza Can de Palleiro, que trouxo ata San Sadurniño algúns dos mellores exemplares. A proba era puntuable para o Trofeo Can de Palleiro 2017/18 e nela inscribíronse 11 animais.

No apartado de cachorros machos o mellor animal foi Meu, de Ernesto Fernández, que tamén levou o premio a mellor cachorro da exposición. En femias a ganadora foi Doa, de Vanesa López. En Macho Xove o ganador foi Elfo, de María José Pumares, e en femias venceu Jana, de Ernesto Fernández. Esta femia de capa amarela foi elixida tamén como mellor exemplar do concurso.

Por último, na clase aberta masculina -non houbo animais en feminina- o can ganador foi Rois, de Xosé Manuel Vales. O monográfico de San Sadurniño foi, máis que un concurso, un punto de encontro para os amantes dunha raza pola que cada vez se aposta máis pola súa valía tanto para garda como para compaña. Ademais, a proba desenvolveuse con constantes e interesantes explicacións sobre a morfoloxía dos animais e sobre as súas aptitudes, descubríndolle a moita xente que tamén hai cans de palleiro de pura raza que teñen a capa completamente negra, e non só amarela coma a do protagonista dos anuncios de Gadis.

E este domingo, III Sons na Cortiña
E un día despois da Feira Rural, a finca da Cortiña continuará acollendo actividades de lecer. E é que este domingo se celebra o III Sons na Cortiña, un festival que na súa terceira edición conta  cunha programación  que xunta actividades ao aire libre coa mellor música.

A música xa comezará pouco antes da hora do xantar coa orquestra Os Modernos e unha sesión vermú que nos levará ás modas e os ritmos de principios do século XX: chotis, habaneiras ou tango americano, corrido, rumba, mazurca e mesmo un avant-garde twist, sen esquecer xotas e muiñeiras.

Namentras, quen queira poderá gozar desde as 12.00h. de talleres de circo, de creación de pulseiras, camisetas e chapas e de varios xogos. Actividades complementadas pola tarde con tres propostas específicas. A primeira será unha quedada para facer vídeo en instagram, unha rede social na que o Concello de San Sadurniño conta con máis de medio milleiro de seguidoras e seguidores.

O punto de encontro será a haima do Concello ás 16.00h. Alí farase unha pequena introdución á plataforma e ao tema da tarde e compartiranse algúns trucos para que os vídeos -e as fotos- queden ben vistosas. O obxectivo é captar instantes do Sons na Cortiña e do contorno do paseo fluvial, pero tamén sentar as bases dunha comunidade  estable que comparta contidos do territorio baixo o hashtag #igersansa.

Case ao mesmo tempo comezará a actividade de loita de sumo, que dará a oportunidade  -entre as 16 e as 18.00h- de enfundarse nun traxe acolchado para emular aos inmensos loitadores xaponeses nun torneo onde o único premio será botar unhas boas risas. Algo, o das risas, que tamén buscará o espectáculo das 17.00h. “Circus Magníficus”.

O apartado musical abrirano The Kids Band ás 18.00h. Son tres rapazolos de Ferrol que lle renden tributo a grupos de todos os tempos, pero con querencia polo pop e rock dos 70, 80 e 90. Coke, Lucas e Ricky veñen de triunfar en Equiocio e, de seguro, volverán facelo o domingo 27 na Cortiña coas súas versións de temas de Los Secretos, John Lennon, Lou Reed, Tequila, Hombres G….

Despois deles, a iso das 19.15h., subirán ao escenario De Vacas, sen dúbida o grupo revelación da música galega nos últimos tempos. Son Paula Romero, Inés Salvado e Faia Díaz, tres mozas con voces prodixiosas e case indiferenzables que se acompañan da guitarra de Guillermo Fernández para versionear “grandes temas venerados polas masas e maltratados pola historia” de artistas tan insignes como as Spice Girls, Michel Teló, PSY, Enrique Iglesias ou Luis Fonsi, de quen cantan o seu particular “Amodiño”, mellorando sen dúbida a melodía orixinal.

Retranqueiras e picantes, De Vacas ofrecen un espectáculo dunha calidade musical excepcional que se acompaña dun humor desinhibido e desinhibidor non apto para crianzas (aínda que tampouco lles faga moito mal escoitalo).

O peche musical da tarde -e do III Sons na Cortiña- será cousa de Natural Green, un grupo ferrolán que se mantén fiel á esencia do Reggae. Comezaron en 2009 sendo cinco membros e hoxe son case unha decena. Neste tempo levan percorrido e triunfado nunha chea de festivais, entre eles o Rototom Sunsplash, considerado o máis prestixioso de Europa. Aseguran que a súa música pretende “plasmar a vida tal e como a coñecemos e intentar cambiar o que cremos que está mal na sociedade”.

Share.