Unha vehículo por control remoto inspecciona o saneamento de Marqués de Figueroa

0

¿Como saber cal é o estado da rede de sumidoiros se non hai maneira de meterse nelas? Doado: introducindo un pequeno vehículo cunha cámara e mirando nun monitor todo o que vai captando o aparello. A idea é simple, pero require a tecnoloxía capaz de facela realidade. A empresa Canalis tena e por iso o Concello botou man dela encargándolle a inspección da rede sanitaria da Avenida Marqués de Figueroa que se está desenvolvendo durante toda a xornada de hoxe. A finalidade do traballo é detectar filtracións de auga procedente da rede de pluviais e tamén posibles atoamentos que dificulten a condución dos resíduos líquidos cara á EDAR de Cornide. O emprego deste equipamento ofrece, ademais, unha imaxe precisa das canalizacións que ata o momento só podía intuirse.

Alén da inspección, a maquinaria manexada por control remoto tamén permite facer reparacións puntuais sen necesidade de erguer o firme que, no caso de Marqués de Figueroa, se botou a mediados do ano pasado. Xa daquela o Concello fixo unha inspección cun detector de metais de cara a atopar pozos de acceso que quedaran tapados debaixo da grande renovación que se fixo da avenida nos anos 90. Tal e como explica Secundino García, naquela obra “botouse recheo e asfalto por riba de alomenos cinco rexistros que hoxe están a varios metros de profundidade. Agora xa están localizados e no futuro poderanse abrir de novo sen ter que levantar grandes tramos de avenida”.

O vehículo de control remoto achega unha imaxe moi detallada tanto dos pozos ocultos como das tubaxes que enfían o subsolo de Marqués de Figueroa. Un punto de vista moi útil para atopar lugares onde se están producindo filtracións de augas de escorrentía e tamén sitios onde hai atascos que poden ocasionar refluxos cara ás vivendas. “Que vaia auga da chuvia para o saneamento ten como inconveniente que pode chegar a saturar a depuradora e provocar rebordamentos. E se a iso lle unimos algún tubo atascado ou con moito material sólido acumulado, pode darse algún caso, como ten ocorrido, de que se vexan afectadas vivendas situadas nas cotas máis baixas da rede sanitaria”, indica o responsable da área Tomás Calvo.

A medida que o “rover” percorre os sumidoiros -ten unha larganza de cable de ata 250 metros- vai descubrindo todos eses problemas que logo se arranxan utilizando auga a alta presión. Por outra banda, os operarios que controlan o aparello tamén van tomando nota da localización das incidencias que se observan na pantalla, como poden ser roturas ou fendas polas que poida entrar auga da chuvia ou estar filtrándose auga fecal.

 

O aparello, pouco maior ca un coche de xoguete, vai equipado cunha cámara que ofrece imaxes do subsolo en tempo real

O aparello, pouco maior ca un coche de xoguete, vai equipado cunha cámara que ofrece imaxes do subsolo en tempo real

Unha vez que teña un diagnóstico completo, a empresa facilitaralle ao Concello un informe -ademais das gravacións- con indicación dos puntos que presentan defectos graves, xunto cunha proposta de accións correctoras que na maioría dos casos poden acometerse con equipamento controlado a distancia. “A reparación dun tubo danado pode facerse introducindo nel un material impermeable que faga de revestimento interior, e para iso tamén se utilizan equipos remotos que entran polas aberturas das canalizacións, non fai falla cavar”.

En calquera caso, e segundo indican desde o Goberno local, as reparacións que se deban facer deberán estar cuantificadas “para habilitar as partidas económicas necesarias, ben con recursos propios ou con axuda doutras administracións”.

Reparacións puntuais na avenida
Por outra banda, na Avenida Marqués de Figueroa tamén se vai acometer durante estes días a reparación do aglomerado en dous puntos, nun deles debido aos danos producidos polas manobras dun camión e, no outro, por mor dun defecto de aplicación da capa bituminosa.

Os traballos consistirán na reposición dun anaco de firme á altura do paso peonil que hai fronte ao recinto do CPI e tamén no amaño doutra incidencia detectada  a escasos cincuenta metros de alí, xusto no acceso ao garaxe dunha vivenda.

Das reparacións encargarase a empresa Canarga, dentro do prazo de garantía da obra executada o pasado mes de maio.

Share.