Unha programación para o Nadal marcada pola cultura e o deporte

0

Faltan moi pouquiños días para o arranque oficial das festas do Nadal e Reis, e desde o Concello preparouse unha completa oferta de actividades pensadas para pasalo ben en familia. Temos escénicas, teatro, obradoiros e propostas deportivas dirixidas tanto á rapazada como a papás e mamás. Ademais, aproveitando que a cativería botará varios días de vacacións, parte da programación deseñouse co obxectivo de facilitar a conciliación entre familia e traballo. O calendario arranca coa visita do Apalpador para continuar logo cun taller de coroas do Nadal, a adaptación do clásico “O Crebanoces”, o tradicional Nadal Deportivo e, como remate, a recepción dos Magos de Oriente na véspera do día de Reis. 

A área de Cultura organiza a tradicional festa infantil de Nadal o sábado 21 na Casa da Cultura a partir das 17.30h. Vai dirixida á cativería con idades comprendidas entre os 3 e os 11 anos. A programación estará marcada polos xogos cooperativos, a música, o baile e os obradoiros, que encherán o tempo dos nenos e nenas antes da chegada do Apalpador. O mítico carboeiro baixará das montañas cos petos cheos de castañas e algún que outro agasallo para as nenas e nenos. Para participar nesta actividade, que é gratuíta, fai falla inscrición previa pasando pola Casa da Cultura ou cubrindo e enviando a ficha de inscrición a a agustin.perez@sansadurnino.gal ata o venres 20 ao mediodía.

O luns 23 de decembro a partir das 11.00h. as nenas e nenos de ata 10 anos teñen un obradoiro de coroas do Nadal na Casa da Cultura. Farán traballos manuais con distintos materiais co obxectivo de desenvolver tamén nas vacacións a concentración, a destreza coas mans e a creatividade. Do que se trata é de pasar un tempo moi divertido fabricando coroas decorativas que, unha vez rematadas, se colocarán no recibidor e outros espazos da Casa da Cultura. Tamén hai que apuntarse o 20 de decembro como moi tarde, chamando para iso ao 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Este ano o Concello reedita o xoves 26, o venres 27 e o luns 30 de decembro o Nadal Deportivo. Serán tres días para facer actividade física en familia e concibida máis como xogo que como deporte. Terán lugar no pavillón municipal, no ximnasio do CPI e nas pistas exteriores. Cada xornada haberá entretementos distintos que empezarán sobre as 10 da mañá e que finalizarán pasadas as 13.30h., cunha duración aproximada de hora e cuarto por obradoiro.

Así, o xoves 26 ofértanse volei, xogos tradicionais e bicicleta (obrigatorio casco e bici). O venres 27 haberá fútbol, xogos predeportivos e zumba. E, por último, o luns 30 proponse baile moderno, baile tradicional e ximnasia rítmica. As actividades do Nadal Deportivo son de balde e hai posibilidade de apuntarse en todas ou só nas que máis nos gusten. Tampouco hai límite de idade. As inscricións haberá que facelas na Casa da Cultura o luns 23 como moi tarde cubrindo ou presentando xa cuberta a correspondente folla. Na organización colaboran o CF San Sadurniño, o Aldebarán, o club MTB Biela e Chaveta e tamén a Asociación Brío.

No apartado de escénicas tamén chegará a San Sadurniño o clásico de Nadal “O Crebanoces”sábado 28, 18.30h., Casa da Cultura– en forma de espectáculo de títeres con montaxe de Urdime e inspirado no conto de Hoffmann. O padriño Drosselmeier vainos contar a historia do xoguete que acaba de traer por estas festas para os seus sobriños, un boneco crebanoces que se enfrontará á Raíña dos Ratos e que nos transportará ao mundo dos contos, onde escoitaremos a suite completa do Crebanoces de Tchaikovsky.

Peza para público familiar -rapazada a partir dos 3 anos- con entrada gratuíta para menores de 16 anos e 5€ para persoas maiores desa idade. Cómpre reservar localidades no 616 332 919 ou en agustin.perez@sansadurnino.gal. Espectáculo acollido á Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Propostas artísticas
ACTUALIZACIÓN DA INFORMACIÓN: Obradoiro posposto ata despois do Nadal. A asociación profesional de artistas de Galicia “A Colectiva”  tamén oferta un obradoiro  no marco do proxecto Arte Ambulante que se desenvolverá na Casa da Xuventude o sábado 21 e o domingo 22 de decembro de 16 a 19.00h. co título “O tecido da memoria”. Da dirección encargarase a artista e deseñadora de moda Melania Freire. O taller está concibido para público feminino -anque nel tamén poden participar homes- ata completar o cupo de 15 prazas ofertadas.  Tomando como referencia unha prenda que teña certo simbolismo para quen participe -unha saia, unha chaqueta, un pano, unha vestidura que se garda con certo agarimo- traballarase na idea de xuntar persoas e roupa en fotografías con estética de bodegón, para expresar ata que punto os tecidos son continentes dos recordos e sensacións. O obradoiro ofrece 15 prazas que cómpre reservar pasando pola Casa da Cultura, enviando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal ou ben chamando ao 616 332 919.

En relación coa creación artística cómpre lembrar tamén que entre o 16 de decembro e o 17 de xaneiro permanecerá aberta na Casa do Concello nos horarios habituais de atención ao público a exposición “Ao redor da Muller”, da pintora ferrolá Montse Pernas.  A mostra reflicte tamén con variedade de tamaños e formatos a mirada da autora sobre a visibilidade da muller no contexto doutras culturas.

Festa de Reis o 5 de xaneiro e Tempos para compartir infantil o sábado 4
O remate das datas do Nadal márcao a chegada dos Reis Magos de Oriente. Poucas figuras espertan tanta ilusión infantil como Melchor, Gaspar e Baltasar e a súa corte de paxes, capaces de percorrer o mundo nunha soa noite sementándoo de agasallos. As SS.MM. pararán en San Sadurniño para escoitar peticións e recoller cartas de última hora. Está previsto que entren no ximnasio do CPI sobre as 18.30 ou 19.00h., pero antes xa haberá troula no recinto con animación de La GuaGua: un castelo inchable, camas elásticas, obradoiros de manualidades e, por suposto, as súas exitosas coreografías pensadas para que canten e baile a rapazada e mesmo as mamás e papás. Ademais, este ano tamén se servirá de balde un rico roscón de reis acompañado de chocolate ben quentiño. INFORMACIÓN IMPORTANTE: Aquelas familias que teñan algún membro con alerxias ou intolerancias a calquera ingrediente -fariña, ovos, leite, froitos secos…- debe contactar co técnico de Cultura para poñelo ao tanto, co obxectivo de ter preparada unha merenda alternativa. 

O programa de lecer activo Tempos para compartir comeza 2020 o sábado 4 de xaneiro ás 17.00h. no local social de Igrexafeita cunha sesión especial para a rapazada. E é que neste sábado previo á noite de Reis, a cativería aprenderá con Carme Casal Gudín todos os pasos que se deben dar para preparar un rico biscoito acompañado de crema de caqui. Carme é, con tan só 12 anos, a docente máis nova de todas cantas persoas teñen participado no programa creado pola área de Igualdade. Neste caso hai 12 prazas dispoñibles que tamén se cubrirán por orde de solicitude priorizando as peticións de rapazada de San Sadurniño. A data límite para apuntarse é o 27 de decembro. Hai que chamar ao 981 490 027 ou enviarlle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal.

Toda esta programación está xa dispoñible no Google Calendar do Concello, desde onde podemos incorporar todas as citas -ou as que nos interesen- ao calendario do noso móbil, ordenador ou táblet.

 

 

Share.