Unha mostra na Casa da Cultura repasa os 30 anos de Teatro do Noroeste

0

Durante esta semana permanece aberta na Casa da Cultura a exposición “Teatro do Noroeste. 2017: 30 anos actuando” na que se recolle a traxectoria da compañía a través de paneis, fotografías, un audiovisual e mesmo pezas de vestiario das súas obras máis coñecidas. A mostra precede a representación do domingo á tarde -19.30h.- da obra Estado de graza, a súa última montaxe dun listado con preto de 40 pezas da literatura galega e mundial, pero tamén da autoría de Eduardo Alonso, un dos seus fundadores. As entradas para Estado de graza teñen un prezo xeral de 5€ ou de 2,50€ para menores de 18 anos e maiores de 65.

Teatro do Noroeste compóñena tres nomes fixos da escea galega: o director e dramaturgo Eduardo Alonso e as actrices Luma Gómez e Eva Alonso. Porén, nestas tres últimas décadas a práctica totalidade da profesión teatral do país ten colaborado nalgún momento cunha compañía multipremiada que acumula máis de 2.500 representacións e que presume de ter montado 38 obras até o presente.

No seu haber cóntanse clásicos como o Rei lear, Macbeth, Noite de Reis, Romeo e Xulieta ou As vodas de Fígaro; xunto con textos contemporáneos de Albert Camus, de Xosé Luis Méndez Ferrín,  de Bertolt Brecht, de Suso de Toro, de Miguel Anxo Murado, de Lino Braxe, de Roberto Vidal Bolaño…

A exposición que se pode visitar na Casa da Cultura retrata toda esa traxectoria botando man de paneis ordenados cronoloxicamente que reflicten os fitos máis importantes da compañía, reforzados con traxes usados en A grande noite de Fiz, Historias peregrinas e Os Xustos, tres das súas obras máis exitosas.

A mostra retírase o domingo -19.30h.-, día no que Teatro do Noroeste trae ata San Sadurniño Estado de graza, un drama onde aborda a difícil relación entre unha filla que ansía a liberdade e unha nai dominada polas crenzas relixiosas máis profundas. Sobre delas bótase coma un manto o  carácter dunha avoa dura e opresora, máis pendente de preservar a súa reputación social que de asegurar a felicidade da familia.

Ambientada no tardo-franquismo, a obra mostra de forma descarnada a loita de catro mulleres por buscar o seu lugar no mundo. Estado de graza está escrita e dirixida por Eduardo Alonso. No elenco,  Luma Gómez, Imma António, Manuela Varela e Nini True.

As entradas poden reservarse chamando á Casa da Cultura -981 490 027 ext.2- o prezo xeral da localidade é de 5€, mentres que as persoas maiores de 65 anos e as menores de 18 só deberán aboar 2,5€.

Share.