Unha expedición de 60 persoas acompañará ao Aldebarán na disputa da Copa Príncipe

0

O pavillón Europa de Leganés acollerá esta fin de semana a Copa Príncipe de volei, na que se enfrontarán os dous primeiros equipos dos dous grupos ligueiros da SM2. Será a terceira oportunidade para o Aldebarán Intasa de conseguir un trofeo co que xa se fixo en 2016 actuando como anfitrión. O ano pasado, tamén na casa, non puido ser e agora o equipo emprende viaxe a Madrid cargado de forza e co apoio incondicional da afección. Un total de 61 persoas acompañarán a escuadra de Charly Suárez no torneo por KO que, se houbera sorte, podería ter final galega.

Ademais do Aldebarán, esta XI Copa Príncipe tamén a xogarán o Leganés, o Emevé Lugo e o Podes i Tales de Manacor. Os cruzamentos separaron aos dous equipos galegos que encabezan o grupo A da SM2. O Emevé xogará a primeira semifinal o sábado -16.30h.- contra os de Manacor e o Intasa verase na segunda eliminatoria co Leganés a iso das 19.00h. A final está prevista para o domingo a partir das 12.30h.

Tal e como explicaba esta mañá Uxío García, o equipo estará en Leganés “ao 120%” malia as baixas de Carlos Galego por lesión e de David Domenech por motivos laborais. O primeiro reto -obvio- é gañar a  semifinal contra os anfitrións. “Afrontamos a copa con moita ilusión e confiamos en superar ao Leganés, algo que nos inxectaría moito ánimo para a final do domingo”.

García é prudente e non adianta acontecementos, pero ve como unha posibilidade “moi factible” que o Aldebarán se mida co seu máximo rival no derbi galego. “Ao Emevé xa o coñecemos e sabemos que podemos gañarlle. Gustaríanos que o domingo se xogase en Madrid unha final galega”, comenta o capitán do Intasa.

Na loita pola copa o equipo local non estará só. Hai uns días lanzou unha convocatoria para armar unha expedición de seareiros e seareiras que, finalmente, logrou reunir ata o momento 61 persoas. 37 delas irán no autobús posto polo club e outras 24 desprazaranse ata Madrid por medios propios. “Cunha afección coma esta o menos que podemos facer é dar todo o que poidamos para traer con nós a copa”.

Share.