Unha escolma do Luís Ksado de fotografía pode verse estes días na galería do Concello

0

50 fotografías compoñen a mostra representativa do 13º Premio Luís Ksado que se pode visitar na galería do primeiro andar da Casa do Concello ata o venres da semana que vén. Trátase das instantáneas presentadas ao certame polos finalistas Carmen Aguado, JM López, Fuco Reyes, Manuel Touza e  e polo fotoxornalista Xoán Crespo, ganador da edición de 2017 coa colección “Mascaritas, o carnaval solitario”. Os horarios de apertura da mostra son os mesmos que os de atención ao público da administración: de luns a venres de 8.30 a 14.30h. 

Da colección exposta só faltan dous dos finalistas, Manuel Valcárcel e Noela Riobás, mentres que do resto de participantes no premio si podemos ver as imaxes que lles serviron para chegar ao último chanzo dun certame que recibiu un total de 95 coleccións. Neste sentido, Carmen Aguado reflicte estampas de infancia e mocidade con “Paradiso”, Fuco Reyes aborda a forza do Sáhara en “La persistencia del desierto”, JM López testemuña a convulsión iraquí cunha mirada a “El éxodo cristiano de Irak” e Manuel Touza fai un xogo de luces e sombras próximo ao artístico en “Entre caladas”.

Porén, o xurado do premio decantouse por “Mascaritas, o carnaval solitario”, do fotoxornalista Xoán Crespo. Son postais dun entroido de máscaras que percorren os camiños cun aspecto afastado das indumentarias tradicionais. Non hai peliqueiros, nin pantallas, nin Xenerais da Ulla. Son máscaras de cara cuberta, burlonas e mesmo desafiantes ao abeiro do seu anonimato. Máscaras -non disfraces- eclécticas na súa aparencia en escenarios tamén eclécticos e reais do rural galego, onde a uralita, o ladrillo e a reutilización avanzan deixando só os entullos da paisaxe física e quizais humana que houbo noutro tempo.

No fallo do Luís Ksado destácase a orixinalidade de Crespo, así como a súa capacidade para recoller unha atmósfera “particular e distinta” a través do retrato das máscaras. No prólogo do folleto que acompaña a exposición, o fotógrafo Xurxo Lobato cualifica o traballo de Xoán Crespo como “realismo máxico” e como unha “metáfora do abandono do rural galego”.

O autor premiado cos 6.500 euros de dotación do Luís Ksado é natural de Pontevedra, aínda que reside en Santiago, onde traballa como fotoxornalista da Xunta de Galicia desde 1992.

 

 

Share.