Unha desescalada “gradual” e sen présas que arranca este mércores

0

Esta medianoite entrarán en vigor as primeiras accións da desescalada “gradual” anunciada pola Xunta, coa que se pretende ir alixeirando as limitacións pouco a pouco. En Galicia están baixando os contaxios, pero segue habendo unha sobrecarga importante nas UCIs. Ademais, segundo informou onte Alberto Núñez Feijoo na súa comparecencia trala reunión do comité clínico, o obxectivo neste momento é “consolidar o descenso da incidencia” e, neste sentido, avógase pola “prudencia” para non dar pasos en falso que poidan significar unha repunta xeralizada de casos. “As medidas están sendo útiles”, dixo Feijoo engadindo deseguido que “os datos non amosan aínda unha mellora suficiente” e que, ademais, cómpre prestarlle atención ás novas cepas do virus, máis contaxiosas e con efectos máis acusados.

Neste contexto, o Diario Oficial de Galicia publicou un decreto e máis unha orde que prorrogan a maior parte das medidas adoptadas o pasado 26 de xaneiro, é dicir, o mantemento de toda Galicia no nivel máximo de restricións que só varían en seis aspectos:

  • O comercio pode recuperar o seu horario habitual, mentres que os centros comerciais deberán continuar pechados na fin de semana
  • A hostalaría deberá seguir pechada polo momento -agás para entregas a domicilio e recollidas no local-, pero a Xunta autorizará desde mañá a atención de cociña para transportistas nas áreas de servizo da Rede de estradas do Estado en Galicia, vías de alta capacidade e Rede primaria básica de estradas de Galicia. Iso si, os usuarios e usuarias deberán presentar a tarxeta do CAP e xantar cear de maneira individual.
  • A partir deste mércores permitirase o uso de instalacións deportivas ao aire libre para a práctica de deporte individual. Tamén se poderán retomar as competicións federadas autonómicas, aínda que sen público.
  • O DOG tamén recolle a posibilidade de reiniciar as actividades culturais, reabrir bibliotecas e museos, o teatro,o cine e os programas en auditorios, sempre sen superar o 30% do seu aforo e garantindo a separación interpersoal.
  • A partir do luns 22 recuperaranse as clases presenciais en ensinanzas especiais, escolas oficiais de idiomas, conservatorios e escolas privadas de danza e música, agás no caso de ensino de instrumentos de vento e canto. Nas universidades volverán ás aulas o 1 de marzo. A semana que vén tamén se lle ofrecerá ao estudantado das universidades a posibilidade de facer unha PCR antes da volta ás aulas.
  • En residencias da terceira idade que completasen o ciclo de vacinación nos dez días anteriores tamén se permitirán 3 visitas á semana por parte de 2 familiares de referencia. As persoas que estean en centros de discapacidade e que tamén estean vacinadas coas dúas doses nos dez días anteriores poderán ir ás súas casas durante a fin de semana.

Polo tanto, de momento, segue en activo o toque de queda de 22.00h. a 06.00h., tamén o peche perimetral individual dos concellos e todas as demais medidas restritivas en vigor desde o 26 de xaneiro, que volverán ser revisadas polo comité clínico o luns que vén.

Ese mesmo día tamén se prevé que comece a vacinación a maiores de 80 anos, empezando polas persoas que teñan o apelido da letra “H” (fíxose un sorteo perante notario). As vacinas, segundo Feijoo, daranse citando previamente ás persoas no centro de saúde de cabeceira de comarca, aínda que aquelas que teñan a mobilidade reducida poderán acudir ao que teñan máis próximo. No caso de persoas que non poidan moverse da casa, a Xunta fará vacinacións domiciliarias.

Share.