Unha charla na Aula CeMIT despexará dúbidas sobre os contratos de telefonía e internet

0

O Instituto Galego de Consumo oferta unha serie de charlas informativas por videoconferencia a través das aulas integradas na Rede CeMIT de todo o país. A próxima á que poderemos asistir en San Sadurniño desenvolverase o próximo luns, 7 de outubro, entre as 12 e as 13.30h. e estará centrada en todos aqueles aspectos que debemos ter en conta cando contratemos unha liña telefónica móbil ou unha conexión a internet que, no rural, sempre é un tema espiñento. Entender o que nos ofrecen, saber se o que imos contratar é o que realmente precisamos, ver onde está a letra pequena… cuestións que en moitos casos non se atenden e que despois poden deparar permanencias abusivas ou prezos excesivos por algo que, en realidade, non precisamos. Para asistir á charla hai que chamar ao 616 016 793. 

Nesta sesión falarase dos principais conceptos que debemos manexar e ter en conta na contratación, sobre todo a relación coas compañías de telefonía móbil e os diferentes servizos ofertados por estas (internet, datos, etc.) que ás veces son complexos de entender por mor da diversidade de tarifas ou os tipos de permanencia que implican.

Ademais, profundizarase nos dereitos que nos amparan en materia de consumo e analizaranse as principais reclamacións en materia de telefonía móbil e internet (combos, fusión…), así como a maneira de facer un uso responsable desde o punto de vista do consumo. E é que no mercado hai de todo e de todos os prezos, pero non necesariamente o máis caro é o mellor para nós nin o máis barato é o que máis nos convén. Nin sequera o prezo está relacionado directamente coa calidade do servizo, xa que hai factores fundamentais como a cobertura do sinal -tanto a dos móbiles como a de acceso a internet- que ás veces se pasan por alto cando se contrata.

A charla á que poderemos asistir o luns 7 é  unha actividade gratuíta que se ofrecerá por videoconferencia desde a Escola Galega de Consumo para os centros da Rede CeMIT, entre eles o de San Sadurniño. É necesario reservar praza pasando pola aula -situada no primeiro andar da Casa da Cultura- ou contactando con ela a través do teléfono 616 016 793 ou do correo cemit.sansadurnino@xunta.gal.

Share.