Unha charla mostrará o martes as vantaxes de contar cun xeoparque

0

O territorio conformado polos concellos de Cariño, Cerdido, Cedeira, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño está a traballar pola consecución dun proxecto en común: a candidatura para a obtención do distintivo de xeoparque global da UNESCO para a zona do Cabo Ortegal. Así, desde o ano 2016 estanse a levar a cabo accións para o impulso desta candidatura, entre as que destacan a asistencia e representación do territorio diante de outros xeoparques, a organización de xornadas e a contratación dunha imaxe corporativa.  Ademais, os sete municipios implicados tamén fixeron xestións para implicar a outras administracións no proxecto. A Deputación da Coruña sumouse á iniciativa xa o ano pasado e precisamente onte os rexedores de San Sadurniño e Cariño e maila de Moeche reuníronse en Santiago coa directora xeral de Patrimonio Natural para solicitar tamén o apoio da Xunta. Porén, se cadra o aspecto fundamental da candidatura que se pretende lanzar no ano que entra é o coñecemento e o compromiso da veciñanza co proxecto. Durante estes días estanse ofrecendo nos concellos do proxecto varias charlas nese sentido. Unha das últimas terá lugar na Casa da Xuventude o próximo martes 3 de decembro ás 18.00h. Fai falla inscrición previa a través deste formulario bit.ly/XornadasXeoparqueCaboOrtegal

No encontro mantido onte con Belén do Campo, Beatriz Bascoy, José Miguel Alonso e Secundino García -acompañado do técnico de Desenvolvemento local, Ignacio Fernández- expuxéronlle á responsable de Patrimonio Natural cales son as liñas mestras do proxecto e os pasos que se levan dado desde hai case catro anos para preparar a candidatura. Ademais tamén arrancaron o compromiso autonómico de remitirlle ao Comité Nacional de Xeoparques a carta de apoio ao proxecto, coa finalidade de apuntalar aínda máis a iniciativa antes de poder chegar á avaliación da UNESCO. A intención dos municipios integrantes é poder achegar toda a documentación precisa nos primeiros meses de 2020.

A Xunta comprometeuse a rubricar a carta en apoio do proxecto, un dos requisitos para superar o filtro do Comité Nacional de Xeoparques

A Xunta comprometeuse a rubricar a carta en apoio do proxecto, un dos requisitos para superar o filtro do Comité Nacional de Xeoparques

Pero, ao tempo, unha das premisas fundamentais dos xeoparques -e condición indispensable para que o proxecto do Cabo Ortegal vaia adiante- é a participación da comunidade local, logrando que todo o territorio participe e contribúa ao desenvolvemento sostible para o que se traballa. E para logralo tamén é fundamental que a poboación local coñeza o proxecto, saiba o que é un xeoparque e valore os beneficios que ten formar parte desta declaración.

Para os meses de novembro e decembro programáronse unha serie de xornadas informativas polo territorio nas que se está achegando  información sobre que é un xeoparque e cales son os beneficios da súa implementación no territorio, ademais de mostrar os casos de éxito doutros xeoparques que xa están en funcionamento.

O itinerario de charlas xa pasou por Cerdido, Valdoviño, Moeche, Cariño e Cedeira. Só faltan por celebrar o encontro de San Sadurniño -martes 3 de decembro, 18.00h. na Casa da Xuventude- e o de Ortigueira, que terá lugar ao día seguinte á mesma hora no Teatro da Beneficencia. Para asistir fai falla inscrición previa a través deste formulario: bit.ly/XornadasXeoparqueCaboOrtegal Para calquera dúbida ou pregunta tamén se pode chamar ao 621.220.824 (Silvia) ou ao 622.211.946 (María).

Share.