Unha charla abordará este venres a realidade LGTBI

0

A Casa da Xuventude acollerá este venres a partir das 20.00h. unha conferencia na que se tratará a realidade LGBTI, siglas que designan -que non etiquetan- o colectivo de persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais. A charla titútlase “Armarios, orgullo e visibilidade: as identidades LGBTI no contexto actual” e nela abordaranse, entre outros temas, os prexuízos da sociedade, o autoconcepto e autoestima e a necesidade de construír un imaxinario afectivo e sexual que asuma como normal todo o que non é hetero.

A charla impartirana Ximena González e Ángel Amaro Quintas. A primeira é activista da Marcha Mundial das Mulleres e o segundo é sociólogo e membro do Grupo de Educación Rural da Nova Escola Galega. E é que ao redor do recoñecemento para todos os xeitos de ser e amar lévase andado moito, pero é nas zonas rurais onde aínda queda moito por facer en canto a visibilidade, referentes e, sobre todo, respecto pola diversidade.

O programa da xornada tocará os seguintes puntos:

1-. Mitos, realidades e implicacións da construción social do armario identitario. ¿En que lle afecta a invisibilidade ao colectivo?

2-. Autoconcepto e autoestima nas persoas LGTBI: ¿por que xorde o Orgullo? ¿Que significa hoxe?

3-. A necesidade das referencias LGTBI no contexto inmediato: construíndo un imaxinario sexo diverso.

A conferencia comezará ás 20.00h. na Casa da Xuventude e está concibida como un foro de debate aberto a todo o público e especialmente recomendado para a xente moza. Non fai falla inscrición previa e se se quere obter máis información pode chamarse ao 981 490 027 (ext. 1).

Acordo plenario
A iniciativa enmárcase nos compromisos adquiridos polo Concello no pleno do pasado mes de xullo, cando os tres grupos con representación municipal aprobaron por unanimidade unha moción do BNG que apelaba a unha aplicación real da lei aprobada polo Parlamento galego en 2014 ao respecto da igualdade de dereitos para o colectivo.

A moción insistía  na necesidade de traballar contra a discriminación e facer visible social e politicamente esta realidade plural. Neste sentido a moción solicitou a continuación do programa de educación afectivo-sexual que se desenvolve no CPI, que os tres grupos redactasen unha declaración institucional consensuada, instar á Xunta para que se cumpra a lei -abrindo unha liña de atención para informar e tamén para abordar casos de discriminación- e que os departamentos autonómicos con responsabilidades en cultura e deportes fagan o posible pola normalización tanto na produción cultural como na práctica deportiva.

 

Share.