Un tremor de magnitude 4,4 déixase sentir en toda a comarca

0

Pasaban poucos minutos das seis e media da mañá cando a terra tremeu durante uns segundos. A esa hora había quen durmía e non espertou, ou si, pero quen estaba xa en pé ou enredando na cama co móbil antes de erguerse sentíu nidiamente por uns intres as vibracións nas fiestras e no mobiliario da casa. O causante do movemento foi un sismo rexistrado polo IGN ás 6:32h -hora local- con epicentro no fondo do mar, a uns 47 quilómetros ao norte do Cabo Ortegal. O fenómeno tivo unha magnitude de 4,4 e unha intensidade de grao IV que se notou en practicamente todo o norte de Galicia e o occidente asturiano, tal e como testemuña a folla colaborativa publicada polo Instituto Xeográfico Nacional en internet, onde se recollen os avisos enviados a través deste aplicativo en liña.

Non foi o único tremor que se produciu durante a pasada noite, nin sequera o único dos últimos días, pero si o único que se notou na costa e no interior de Galicia. E é que, segundo as fichas de seguemento sismolóxico que publica o IGN, tan só 24 minutos despois, ás 6:56 hora local, houbo outro a 31 quilómetros ao norte de Estaca de Bares, aínda que nese caso dunha magnitude de 2,2, practicamente imperceptible na terra. O fondo do mar volveu tremer de novo a 32 quilómetros de Bares ás 10:42h, cunha magnitude de 2,7 e epicentro a 4 Km de profundidade.

Ademais, na madrugada do mércores 27, ás 3:26h, tamén se rexistrou un sismo de 2,4 a 47 quilómetros ao norte de Burela. Os sismógrafos do Instituto Xeográfico Nacional tamén mediron pequenos terremotos submariños o pasado día 5 -magnitude 3,5- e  o pasado día 13 -2,4- concentrados no borde norte da plataforma continental galega.

O ocorrido hoxe fixo ferver as redes sociais rapidamente con numerosas mensaxes de persoas preguntándose unhas a outras se sentiran o tremor e, pasados uns minutos, compartindo a información sismolóxica do IGN ou as noticias que empezaban a aparecer en distintos medios.

Non foi para menos. Desde os episodios de 1997 que mantiveron en vilo o triángulo Sarria-Triacastela-Becerreá, sentidos en toda Galicia, poucos sismos causaran tanto balbordo, quizais porque agora hai redes sociais para comentalos ou, se cadra, porque o movemento, o de maior intensidade nos últimos 25 anos, se produciu no intre en que a maioría nos estabamos erguendo ou xa almorzando antes de ir para traballar. A media mañá seguía sendo tema de conversa xeral.

Este tipo de fenómenos xeolóxicos son completamente normais, como sinal dos movementos paseniños e constantes que se producen na codia terrestre e que, ás veces, acumulan enerxía en certos puntos ata que esta se libera de golpe. Esa forza produce ondas sísmicas -algo parecido a cando se tira unha pedra na auga, pero a grande escala- que son de maior ou menor magnitude atendendo á cantidade de enerxía que se desata.

Os efectos que producen na superficie  -tremores, fendas en edificacións, etc.- son o que se denomina intensidade e midese nunha escala un tanto subxectiva que vai do grao I ao XII -si, en números romanos-, sendo o I un sismo que só detectan equipos de medición especiais e o XII un terremoto que produce unha grande devastación.

Polo tanto, a magnitude e a intensidade son conceptos que adoitan ter unha relación directa, pero que non son o mesmo, aínda que os xornais, radios e televisións os usen indistintamente.

Ademais, a intensidade depende tamén de factores como a distancia ao epicentro ou o medio polo que se propagan as ondas sísmicas, de modo que un terremoto dunha magnitude determinada pode ter distintas intensidades en puntos que se encontren aos mesmos quilómetros de onde se orixinou o sismo.

En calquera caso, e para próximas veces, se notamos un tremor podemos colaborar co IGN achegándolle información detallada sobre como o percibimos, de cara a que os datos facilitados se incorporen ás fichas descritivas da localización e do alcance. Esas contribucións poden facerse desde un sinxelo cuestionario macrosísmico que figura na súa web.

Cómpre insistir, por último, en que os tremores de hoxe e dos días pasados non gardan relación algunha co que está ocorrendo na illa canaria da Palma. Ademais, o terremoto das 6:32h foi de grao IV, polo que non hai motivo para a alarma, tendo en conta que a nosa comarca e a plataforma submariña que se estende até as chairas abisais non son zonas de risco sísmico.

Share.