Un “Tempos para compartir” especial ensinaralle á rapazada a facer lambetadas

0

A área municipal de Igualdade completa a oferta de lecer para os nenos e nenas durante estas datas cunha sesión especial do programa “Tempos para compartir” na tarde do xoves 4 de xaneiro. Aínda queda máis dunha semana, pero hai que ter en conta que fai falla inscrición previa e que só hai 15 prazas dispoñibles. Neste obradoiro a rapazada de entre 5 e 13 anos aprenderá a facer algunhas sobremesas e larpeiradas coa axuda de Fran Bermúdez, un veciño de Santa Mariña apaixoado da cociña e da repostaría. Para apuntar a cativería na actividade só hai que chamar ao 981 490 027 ext.1.

Fran Bermúdez ten preparada unha clase ben entretida para mostrarlles aos nenos e nenas de que maneira se poden facer riquísimas sobremesas e lambetadas. Os segredos da crema de cacao, a arte do biscoito esponxado que despois converter nunha torta e mesmo algo tan misterioso como as gominolas quedarán ao descuberto para que despois a rapazada poida ensinarlle na casa aos papás e ás mamás.

Este “Tempos…” terá lugar no local social de Lamas a partir das 16.30h. e está pensado para idades comprendidas entre os 5 e 13 anos. Malia que só se ofertan 15 prazas, no caso de haber máis demanda o Concello estudaría a posibilidade de prolongar a duración da actividade dividíndoa en dúas quendas. Para inscribirse hai que chamar ao Concello -981 490 027 ext.1- ou pasar pola oficina da área Igualdade.

O departamento anda buscando xa temas para os obradoiros do ano que vén. As sesións desenvólvense sempre os primeiros sábados de mes entre outubro e xuño, procurando chegar cada mes a unha parroquia distinta. De feito, outro dos obxectivos do Tempos para compartir é fomentar o coñecemento entre veciños e veciñas do concello de cara a reforzar o seu tecido social.

Para participar nos obradoiros como docentes  abonda con ter algo que ensinar -cociña, manualidades, trucos útiles para a vida diaria, etc…- e logo chamar ao  981 490 027 ext. 1. para propoñer o tema. O ideal é que o obradoiro se poida completar en 2-3 horas como moito e tamén fai falla  que o custo dos materiais sexa asumible polo Concello.

O sábado, cine infantil
Dentro da programación do Nadal, a Concellaría de Cultura e Deportes organizou o “Nadal deportivo” que se desenvolverá polas mañás desde hoxe até o venres e que conta con arredor dunha vintena de inscricións.

Porén, no serán do sábado -19.00h.- a cativería tamén terá unha sesión de cine coa proxección na Casa da Cultura de  “A Tropa de Trapo no país onde sempre brilla o sol”.  En 2010 a película da produtora ferrolá Abano foi nominada ao Goya como mellor filme de animación e levou o Gaudí nesa mesma categoría.

A entrada é gratuíta, pero cómpre reservar convite no 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal

Share.