Un Nadal diferente e con seguimento “especial” por parte das autoridades sanitarias

0

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, compareceu esta mañá en rolda de prensa para trasladarlles aos medios os principais acordos adoptados onte á tardiña polo Comité clínico da Xunta no tocante á variación do nivel de restricións en determinados concellos e tamén no referido ás recomendacións preventivas que se deberán adoptar durante as festas do Nadal. Destaca a advertencia de que San Sadurniño estará entre os territorios cunha “vixilancia especial” debido ao incremento de casos confirmados nas últimas dúas semanas. Aínda que na comparecencia desta mañá non se deron datos ao respecto de San Sadurniño, o Concello recibiu información da Xerencia da Área Sanitaria indicando que os diagnósticos acumulados en 14 días se sitúan neste momento en 14 positivos, localizados na súa maioría en gromos familiares que xa están en seguimento e que, polo tanto, non se requerirían por agora medidas adicionais, que poderían chegar se a incidencia segue medrando nos próximos días. Por outra banda, na segunda parte da súa intervención, o conselleiro explicou cales van ser as medidas preventivas que se adoptarán en toda Galicia durante as festas do Nadal.

O máis importante é a recomendación de que nos xantares e ceas só participen persoas convivintes ou, como moito, que se xunten dous grupos familiares sen sobrepasar nunca as 6 persoas, sen contar nese cómputo os nenos e nenas menores de 10 anos. A Xunta explica que esta restrición ten por obxectivo minimizar a posibilidade de contaxios que poidan provocar unha terceira onda.

Por esta razón tamén recomendan que esas reunións de como máximo dous grupos familiares -excepcionalmente poderían ser tres, sen pasar de 6 persoas- se manteñan de maneira estable durante todas as festas, é dicir, que non se alternen grupos na cea de Noiteboa, no xantar do Nadal ou na cea de Anovello. “Non debemos facernos trampas ao solitario”, pediu García Comesaña, aludindo a que esta recomendación pretende que durante as celebracións coincidan sempre as mesmas persoas, a quen se lles aconsella, ademais, reducir ao mínimo a súa actividade social nos próximos días para minorar a posibilidade de que leven o virus sen sabelo a esas citas familiares.

A Xunta insiste en que as festas deben celebrarse só con persoas convivintes e que a posibilidade de reunirse dúas familias que non vivan na mesma casa, ou incluso tres -sen superar as seis persoas, agás nenos menores de 10 anos-, debe considerarse como unha excepción, non como unha norma, “pensando nas persoas maiores, para que non teñan que pasar soas as festas”.

Na batería de recomendacións lanzadas hoxe polo conselleiro tamén están a de que as estancias estean ben ventiladas, que a mesa a poña unha soa persoa, que non se compartan alimentos ou bebidas, que se evite o contacto físico -apertas, saúdos- e que, no caso de dúas familias á mesa, que se manteña a separación de 1,5 metros e que a máscara só se quite para comer/beber. Sobra dicir que son de aplicación as medidas de hixiene de mans e respiratorias e que calquera persoa que presente sintomatoloxía debe absterse de participar en calquera encontro familiar.

Alén destas precaucións, a Xunta indicou que desde o 23 de decembro ao 6 de xaneiro Galicia estará pechada á entrada e saída de persoas, agás para desprazamentos previstos na normativa preventiva. Estarían autorizadas, iso si, “as visitas a familiares”, algo que na práctica deixa sen efecto ese peche perimetral ou que, como pouco, plantexa serias dificultades para controlar o seu cumprimento, posto que non se aclarou como se poderá xustificar. Lémbrase, ademais, que as persoas que residan noutras comunidades deben comunicar a súa estadía en Galicia chamando ao 881 002 021 ou a través do formulario habilitado polo SERGAS na súa web.

Durante as datas centrais do Nadal -Noiteboa e Anovello- o toque de queda nocturno comezará á 1,30 da mañá -agora empeza ás 23.00h.- e manterase até as 6.00h., coa finalidade de darlle tempo ás familias para que regresen ao seu domicilio trala cea.

A Consellaría de Sanidade pide que se extremen as precaucións durante as festas “para non tirar pola borda o traballo feito ata o momento”. Por iso…:

  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado. Neste sentido é fundamental que cando esteamos nunha terraza ou na mesa dun bar só quitemos a máscara no momento da consumición (así o indica a normativa vixente). É dicir, para tomar un grolo ou sorber un pouco café retiramos a máscara e inmediatamente despois de facelo axustarémola de novo colléndoa polas gomas. Aínda que o vemos moitas veces, non se pode quitar a máscara ao sentar na mesa, estar con ela baixada mentres se parola e se consume e, despois, cando nos erguemos, poñela de novo. Non, a máscara quítase para beber e ponse para seguir de parrafeo, por moi incómodo que sexa e por moitas veces que teñamos que facelo.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os síntomas da enfermidade son os seguintes:  febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.

 

Share.