Un ano de pandemia en 130 titulares (131 con este)

0

Quen nos había dicir hai un ano que iamos estar como estamos e que habiamos padecer o que levamos padecido. Onte foi o primeiro aniversario -ou cabodano, como prefirades- da declaración oficial de pandemia por parte da Organización Mundial da Saúde e hoxe, 12 de marzo, faise o ano desde que a Xunta informou da suspensión das actividades lectivas e do peche de garderías e centros de día. Comezaba así un pesadelo que se vería confirmado de alí a dous días coa declaración dun Estado de Alarma, o primeiro de varios, que en principio ía para tan só dúas semanas e que, á postre, nos mantivo pechados ata principios de maio.

Do coronavirus levábase falando desde finais de 2019, cando chegaron as primeiras noticias dun andazo “parecido a unha gripe forte” que obrigara ao goberno chinés a tomar medidas drásticas na provincia de Wuhan. Viámolo lonxe, case como unha curiosidade máis do telediario, e ata nos pasaba pola cabeza que aquela peste era algo así como un castigo divino por andar comendo cousas raras.

Pero nun mundo globalizado, o 2019-nCoV -así se lle chamou nun primeiro momento ao famoso SARS-CoV-2- non tardaría moito en chegar a Europa. A mediados de xaneiro de 2020  o Ministerio de Sanidade xa informaba de “dous casos sospeitosos” da mesma enfermidade. Os tres primeiros casos confirmados foron ao parecer importados: un turista alemán nas Canarias, outro británico en Mallorca e un italiano tamén en Tenerife, lugar onde se mantivo en corentena un hotel enteiro desde o 25 de febreiro.

Os casos empezaron a multiplicarse de maneira exponencial nas seguintes semanas… e o resto xa é historia recente coñecida de sobras que queda reflectida na friaxe da estatística: no informe ministerial de onte mesmo apúntase unha cifra acumulada de 3.178.356 casos confirmados. Arredor dun 10% -321.066 en total- precisaron hospitalización, 28.553 pasaron pola UCI e o número oficial de mortes en España por causa da pandemia era a data de 11/03/2021 de 72.085 persoas, 495 nos últimos sete días. Un drama en custe de vidas que supuxo, ademais, un desastre de efectos incalculables para a economía, o emprego e o estado de ánimo de todas e todos nós, incrementado polas sucesivas ondas -estamos saíndo da terceira e xa se fala da cuarta- e o conseguinte baile de restricións e alivios.

Da situación sanitaria vimos falando desde marzo de 2020 a través desta web e tamén do Facebook municipal, onde se recollen centos de informacións puntuais sobre todo o que se debe e/ou pode facer en cada momento, pero tamén a maneira en que nos fomos adaptando ás circunstancias cumprindo coas restricións, mudando a nosa vida diaria e, no caso do Concello, reconfigurando programas e estratexias para poder responder ante un escenario novo e cambiante.

En sansadurnino.gal recollemos 128 noticias relacionadas directamente coa situación sanitaria que quedarán para o futuro como pinceladas a xeito de crónica do primeiro ano dunha pandemia que, agardemos, pronto chegue ao seu final.

Marzo de 2021

11/03/2021: O DOG actualiza minimamente os niveis de restricións, que non lle afectan a San Sadurniño

Febreiro 2021

26/02/2021: En que consiste o “Plan da hostalaría segura”?

25/02/2021: Medidas de prevención específicas para San Sadurniño e outros municipios da área sanitaria

24/02/2021:  Xa se poden solicitar as axudas autonómicas para a hostalaría e outras actividades que estiveron pechadas

23/02/2020: A programación do 8M aposta polo crecemento persoal e a homenaxe ás mulleres “que sempre están aí”

22/02/2020: Aberto o prazo de solicitudes de axuda para persoas autónomas e microempresas do segundo plan de rescate da Xunta

16/02/2021: Unha desescalada “gradual” e sen présas que arranca este mércores

10/02/2021: Sanidade pide precaución e asegura que “é moi cedo” para falar do levantamento de restricións

Xaneiro de 2021

28/01/2021: Cultura adapta as “Entroidadas” ás novas restricións

27/01/2021: Tres semanas en nivel de restricións máximas

25/01/2021: A Xunta anuncia tres semanas de endurecemento das restricións

23/01/2021: En San Sadurniño teremos Entroido a través das redes sociais

21/01/2021: A comarca segue subindo en positivos

20/01/2021: San Sadurniño solicítalle á Xunta que os SAF municipais sexan incluídos nas vacinacións prioritarias

19/01/2021: San Sadurniño pasa o xoves ao nivel de risco máximo

15/01/2021: Máxima prudencia!

13/01/2021:  A Xunta incrementa as restricións en toda Galicia desde a medianoite do xoves ao venres

07/01/2021: O Playas de Benidorm e o Mediterráneo Castellón, baixas na Copa Príncipe por positivos de coronavirus

Decembro de 2020

29/12/2020:  A Xunta repite para Fin de ano a estratexia preventiva de Noiteboa e o Nadal

22/12/2020: O Comité clínico da Xunta modifica o plan de Nadal no referido á mobilidade dos territorios con peches perimetrais

16/12/2020: Un Nadal diferente e con seguimento “especial” por parte das autoridades sanitarias

15/12/2020: A campaña “Neste Nadal, consumo local” convídanos a facer gasto no municipio durante estas datas (e sempre)

09/12/2020: O Concello levará o Apalpador -ou Apalpadora- e os Reis Magos polas parroquias

07/12/2020: A Xunta saca unha nova liña de axudas para a mellora de terrazas desde o 1 de outubro

03/12/2020: Nós seguimos como estamos, pero suavízanse as restricións nalgúns concellos da zona

Novembro de 2020

27/11/2020: A Xunta publica as axudas para microempresas e hostalaría

19/11/2020: Desde hoxe e ata o 18 de decembro poden solicitarse as axudas da Xunta para certas actividades paralizadas pola pandemia

19/11/2020: San Sadurniño volve ao nivel verde, pero non debemos baixar a garda

17/11/2020: Igualdade promove un 25-N desde a casa

07/11/2020: O Concello convoca axudas por valor de 36.000 euros para persoas autónomas e microempresas afectadas pola crise sanitaria

05/11/2020: Estas son as novas medidas restritivas decretadas pola Xunta

03/11/2020: O pleno evidencia os problemas de conectividade do territorio

Outubro de 2020

30/10/2020: Sanidade pecha Fene, Ferrol, Neda e Narón

26/10/2020: Responsabilidade individual, iso é o máis importante

23/10/2020: Un botellón, posible escenario de varios desperfectos na área recreativa dos Currás

22/10/2020:  O que podemos e non podemos facer desde hoxe

21/10/2020:  Interrómpense as escolas culturais, as sesións de ximnasia de mantemento e outras actividades programadas

15/10/2020: A Xunta prohibe as reunións de máis de 10 persoas que non vivan xuntas, tanto dentro como fóra da casa

07/10/2020: A unidade móbil da ITV Agrícola posiblemente non volva ata comezos de ano

Setembro de 2020

29/09/2020: O volei volve ao pavillón municipal este sábado

23/09/2020:  Un concelleiro do grupo de goberno, en corentena por COVID-19

03/09/2020: Todo listo para un comezo de curso seguro na EIM A Rolada

Agosto de 2020

31/08/2020:  O Goberno Local ofrécelle colaboración á dirección do CPI para un arranque de curso seguro

26/08/2020: O Concello suspende tamén a xornada “Apostando polo sector primario” e o Chanfaina Lab

18/08/2020:  Cultura suspende temporalmente o programa “Á xunta da noite”

17/08/2020:  Cales son as novidades da Xunta sobre o control da COVID-19?

11/08/2020:  O VII Chanfaina Lab adáptase á nova situación mantendo a súa esencia

10/08/2020:  O Concello organiza “Apostando polo sector primario” para o 29 de agosto en substitución da Feira Rural

06/08/2020:  As zonas de lecer de San Sadurniño, destinos alternativos para o turismo de proximidade

04/08/2020:  O Concello lembra a obriga de cita previa para calquera xestión presencial

Xullo de 2020

28/07/2020:  A Xunta actualiza as obrigas e recomendacións preventivas da COVID-19

17/07/2020:  Acordádevos: estamos na “nova normalidade”, pero a COVID-19 segue aí

10/07/2020:  O domingo imos votar… pero como?

09/07/2020:  A asociación de Santa Mariña e ConcienciArte recobran pulso cultural

06/07/2020:  O Concello pon en marcha o servizo “Liña Verde” para que a veciñanza comunique incidencias desde o móbil

03/07/2020:  Liñas de axuda publicadas no DOG e no BOE nos últimos días

Xuño de 2020

29/06/2020:  No verán, todo o mundo en forma!

29/06/2020:  Máscaras, procesións, festas, discotecas… ¿que hai de novo no Diario Oficial de Galicia?

25/06/2020: A AGFA e a Casa do Mel recuperan os cursos de fructicultura e apicultura suspendidos pola crise sanitaria

23/06/2020: O Concello ofrece un servizo de canguraxe gratuíto para as familias da Escola Infantil Municipal

18/06/2020:  A Concellaría de Cultura levará a todas as parroquias o programa “Á xunta da noite”

17/06/2020:  San Sadurniño e outros concellos da volta non abrirán as piscinas este verán

16/06/2020: As empresas demandan mellor conectividade e prezos asequibles para o equipamento de protección

15/06/2020:  O Concello reúnese hoxe co tecido produtivo local para falar das medidas anticrise

13/06/2020:  Galicia deixa atrás este luns o Estado de Alarma, pero non a obriga de ter moito coidado

12/06/2020:  O Concello adapta a Aldea de Verán á “nova normalidade”

12/06/2020: O pleno sorteará este sábado a composición das mesas electorais

10/06/2020:  Xuntas de novo, pero gardando as distancias

06/06/2020:  Este luns entramos na Fase 3, ¿que cambios trae?

04/06/2020:  As entidades, á espera do remate da Fase 3 para ver como retoman a actividade

03/06/2020:  San Sadurniño súmase ao manifesto “Cooperación contra o coronavirus” promovido polos fondos de cooperación de todo o Estado

03/06/2020: Preguntas e respostas sobre o Ingreso Mínimo Vital

02/06/2020: O Concello convoca o Consello de Participación Veciñal para este mércores

Maio de 2020

29/05/2020:  Pleno municipal centrado na crise da COVID-19

29/05/2020:  O boletín Novas regresa ás casas con información sobre a volta á “normalidade”

24/05/2020:  Este luns entramos na Fase 2: ¿que podemos facer?

22/05/2020:  Bares e restaurantes poden atender no interior xa desde hoxe, polo menos no noso concello

20/05/2020: O BOE publica a obriga de usar mascarillas a partir deste xoves

19/05/2020: O Concello lembra que as xestións presenciais deben facerse con cita previa

14/05/2020:  O Concello pon en marcha o certame “San Sadurniño en flor”

13/05/2020:  Múltiples maneiras de homenaxear a Don Ricardo

12/05/2020: O Concello ordena o pagamento de preto de 12.000 euros en bolsas escolares e axudas á conciliación

11/05/2020:  Reinicio paseniño da actividade… e sen perder de vista a prevención

09/05/2020:  ¿Que poido facer e que non poido facer a partir do luns… e como se vai facer?

08/05/2020:  As farmacias empezan a distribuír tres mascarillas de balde enviadas pola Xunta para os colectivos máis desfavorecidos

07/05/2020:  Os dous duendes da Agra agasállannos cunha mensaxe de forza

06/05/2020:  Reanúdase a pesca fluvial e, a partir do luns, tamén as queimas agrícolas e o proceso de admisión no CPI

05/05/2020: Desde hoxe pode solicitarse o subsidio excepcional por desemprego

04/05/2020: Os bares empezan a preparar a reapertura con incerteza sobre como aplicar as medidas preventivas

04/05/2020: O BOE autoriza a volta á actividade dos pequenos negocios e un tímido arranque da hostalaría con rigorosas medidas preventivas

01/05/2020: O Estado deixa sen efecto as restricións da Xunta en canto ao mantemento de hortas para autoconsumo

01/05/2020:  Autorízase pasear e facer deporte unha vez ao día entre as 6 da mañá e as 11 da noite

Abril de 2020

30/04/2020: Seguimos en Estado de Alarma e debemos continuar extremando as precaucións

29/04/2020:  Máis novidades: limpeza de faixas de protección até o 16 de xullo e autorización de queimas por razóns fitosanitarias

29/04/2020: O Estado aproba unha moratoria nas cotizacións sociais dunha ducia de sectores

28/04/2020:  A Xunta alixeira as restricións para atender cultivos e hortas

27/04/2020: “Palabras Maiores”: voces emocionadas e emocionantes sobre estes tempos que toca vivir

27/04/2020: O Goberno local informa á oposición sobre as primeiras medidas para minimizar o impacto socioeconómico da crise

24/04/2020: Desde este domingo a rapazada ata 14 anos poderá saír á rúa durante unha hora na compaña dunha persoa adulta

23/04/2020:  San Sadurniño tamén quedará este domingo sen Feira da Plantación

22/04/2020: O Estado publica unha guía con todas as medidas sociais e laborais adoptadas para amortecer o impacto do coronavirus

21/04/2020:  O Concello avoga por acelerar a contratación do POS+ como unha das fórmulas para reducir os efectos sobre o emprego da crise sanitaria

20/04/2020: Comunicado do Concello sobre o uso e distribución de máscaras

17/04/2020: Memoria, Espazos das Familias e a EIM A Rolada continúan en contacto malia o confinamento

16/04/2020:  O Concello distribúe produtos perecedoiros do comedor escolar entre as familias que máis os precisan

14/04/2020:  O Estado dá un mes máis para as declaracións do IVE e do IRPF

13/04/2020: O Concello pídelle á Xunta que estableza un sistema de reparto de mascarillas e luvas

13/04/2020:  Recordade: seguimos en Estado de Alarma e non se pode saír da casa

11/04/2020:  A corporación analiza a situación actual nun pleno extraordinario

08/04/2020: Fran da Lobeira, Cobelo, Javier o de Roa e maila filla… xente que nos anima o peche entre aplausos de recoñecemento

07/04/2020:  Os camións tenda e os pequenos ultramarinos, imprescindibles para o rural en tempos de confinamento

06/04/2020:  E se teño hipoteca ou estou de alugueiro e non poido pagar?

03/04/2020: Son autónomo, teño unha empresa… ¿que poido facer para capear a crise?

01/04/2020:  O 981 490 027, non só para trámites

Marzo de 2020

31/03/2020:  Recordemos a que nos enfrontamos

30/03/2020:  O Ministerio de Sanidade aclara que os profesionais autónomos poderán seguir traballando se a súa actividade non se viu interrompida polo decreto do Estado de Alarma

27/03/2020:  Confírmase un caso de contaxio por coronavirus en San Sadurniño

26/03/2020: Recomendacións e propostas para outras dúas semanas de confinamento

25/03/2020:  Agora máis que nunca, reduzamos, reutilicemos e reciclemos… e non deixemos as bolsas ao pé do colector

24/03/2020:  As autoridades sanitarias insisten: hai que permanecer na casa

22/03/2020:  A área de Servizos aplica desinfectantes nos espazos máis concorridos

21/03/2020:  Traballar as leiras lonxe da casa si, pero con sentidiño e a expensas do que poida dicir o Estado

20/03/2020:  San Sadurniño pide maior coordinación de Xunta e Estado para atender as necesidades urxentes dos concellos

18/03/2020:  Cine, ximnasia, libros e música para facer máis levadeiro o confinamento

17/03/2020:  A Garda Civil intensifica os controis para garantir o cumprimento das medidas de confinamento

13/03/2020: O Concello publica un bando coa entrada en vigor das medidas por mor do coronavirus

12/03/2020: O Concello suspende as actividades culturais e deportivas e pecha temporalmente a escola infantil

12/03/2020: A Xunta suspende as clases en todos os niveis educativos desde este venres

Share.