Últimos días para solicitar as prazas da Campaña de Neve da Deputación da Coruña

0

A Deputación da Coruña ten aberto o prazo de solicitude da Campaña de Neve 2022 para escolares da provincia, que nesta edición se desenvolverá na estación leonesa de Valgrande-Pajares. No programa pode participar rapazada empadroada en San Sadurniño con idades comprendidas entre os 12 e os 15 anos ou que os vaian ter feitos a 31 de decembro de 2021. Desfrutarán de catro días na neve -do 18 ao 21 de febreiro- con aloxamento e mantenza, ademais de cursos de esquí e outras actividades. A San Sadurniño correspondéronlle catro prazas que se poden solicitar até o martes 14 de decembro na Casa do Concello. Daráselle prioridade na asignación a quen nunca participase nas campañas de inverno da Deputación e se houbese máis peticións que vacantes farase un sorteo público o xoves 16 ás 12:30h. A viaxe ten un prezo de 85 euros, aínda que o pagamento só poderá efectuarse unha vez que se confirme a obtención de praza.

A Deputación asume a maior parte dos gastos ocasionados pola campaña: transporte dende os puntos de recollida, estancia, manutención, monitorado, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes e actividades complementarias.

A rapazada compartirá estadía con cativas e cativos doutros concellos da zona, como Cerdido, Moeche, Narón, Neda, As Somozas e Valdoviño, ademais de Ares, Cariño, Cedeira, Ortigueira, Ferrol, Mañón e A Coruña. A Deputación asigna un número determinado de prazas para cada municipio atendendo a criterios poboacionais e logo agrupa os concellos por proximidade asignándolle a cada grupo unha quenda determinada.  No caso de San Sadurniño e dos demais municipios a entrada na estación será o venres 18 de febreiro antes do xantar e o regreso está programado para o luns 21 a primeira hora da tarde.

Porén, antes diso será necesario que as familias interesadas fagan unha preinscrición no rexistro da Casa do Concello presentando cuberta a ficha que se pode descargar na ligazón que hai algo máis abaixo. O prazo rematará o 14 de decembro.

Terán prioridade no acceso ás prazas os nenos e nenas que nunca fosen á neve coa Deputación. Se se recibisen máis solicitudes que as catro prazas dispoñibles, a asignación farase mediante un sorteo público perante o xoves 16 de decembro ás 12:30h. tamén na Casa do Concello.

Unha vez que se confirme a adxudicación das prazas, non antes, as familias deberán facer o ingreso dos 85€ que custa a viaxe no número de conta facilitado pola Deputación que figura no folleto informativo.

Tríptico/formulario de inscrición

Tríptico editable/formulario de inscrición

Share.