Últimos días para solicitar as compensacións por mor da couza guatemalteca da pataca

0

Ata o luns 2 de outubro permanece aberto o prazo para a solicitude de compensacións por causa da retirada domiciliaria de pataca dentro da campaña emprendida pola Xunta para erradicar na nosa zona a couza guatemalteca. Se no seu día entregamos sacos de semente sen plantar e restos da colleita do ano pasado ou ben tivemos que levantar a planta para entregarlla aos servizos oficiais, debemos bulir para presentar a petición das axudas, que quedaron en 0’30€ por quilo para a pataca vella, 0’70€ pola de semente e 0,40€/m² no caso de superficies arrincadas antes do seu tempo. A tramitación pode facerse por vía electrónica nesta ligazón ou ben acudindo á oficina comarcal de Medio Rural -na Praza de España-, aínda que a opción máis cómoda seguramente sexa descargar a solicitude da sede electrónica da Xunta, cubrila, imprimila e presentala a través do rexistro do Concello.

O comezo oficial da crise produciuse no mes de marzo coa declaración ministerial como zona infestada de case todo o norte da Coruña, Lugo e o occidente asturiano. Unha declaración que, unha vez trasladada á normativa autonómica,  supuxo a prohibición de plantar patacas alomenos durante dous anos en 31 municipios galegos, entre eles San Sadurniño, e a obriga de declarar oficialmente todas as existencias tanto en almacéns como nas parcelas.

As medidas para erradicar a praga pillaron a moita xente coas patacas de cedo xa plantadas e, no mellor dos casos, coas da semente compradas e agardando polo bo tempo para poñelas na terra. Pataca toda ela que, xunto as sobras da colleita de 2016, estaba condenada á destrución. Unha circunstancia que provocou malestar e numerosas protestas acusando á Xunta de falla de previsión e de información ante un problema que xa se coñecía de vello.

Como se recordará, o dispositivo de retirada de tubérculos empezou o seu traballo en San Sadurniño a finais de maio e completouno ao longo do mes de xuño. Segundo comenta o persoal implicado daquela nas tarefas de recollida e posterior control de terreos, no noso concello os labores desenvolvéronse con normalidade e con total colaboración veciñal. Só temos constancia dunha sanción imposta pola Xunta a un veciño por non atender as advertencias de que debía arrincar o patacal que tiña ao pé da casa.

No momento de recoller os sacos de pataca vella e da semente ou de levantar un patacal, os servizos oficiais entregaban un albarán onde se deixaba constancia da cantidade entregada que, salvo mermas notables polo paso do tempo, pouco diferían das cantidades que previamente se debían declarar nun formulario oficial.

As contías en concepto de indemnización aparecen reflectidas na orde publicada polo DOG o pasado 26 de abril:

  • a 0,70€/kg. a pataca de semente que non se plantara por culpa da prohibición.

  • a 0,30€/kg.a pataca de consumo que sobrase das plantacións de 2016.

  • e a 0,40€/m² de leira plantada antes da entrada en vigor da prohibición e sempre que se declarase previamente a superficie sementada, tal e como recollía a resolución autonómica que obrigaba a facer esa declaración antes do 31 de marzo.

O prazo para presentar as solicitudes de compensación finaliza o sábado 30 de setembro que, ao ser inhábil desde o punto de vista do cómputo de prazos, pasa ao luns 2 de outubro. A tramitación pode facerse desde a sede electrónica da Xunta ou presencialmente en calquera das súas delegacións. Tamén se pode entregar a solicitude no rexistro municipal para darlle curso a través do portelo único da administración.

Por último, cómpre lembrar que, de acordo coa normativa, en 2018 en San Sadurniño tampouco se poderán plantar patacas e que o plan definido polo Estado para combater a praga da couza guatemalteca terá unha vixencia de, polo menos, 5 anos.

Share.