Últimos días para enviar as fotos do concurso “San Sadurniño en flor”

0

Este domingo 20 de xuño remata o prazo para mandar as fotos das composicións de planta e flor que entrarán no certame “San Sadurniño en flor”, convocado polo Concello co obxectivo de vestir de primavera e de cor todo o territorio. Hai anotadas algo máis dun cento de persoas pero, até o momento, o departamento de Desenvolvemento local só recibiu un terzo das imaxes que deberían ter chegado a estas alturas do concurso. Por iso, desde esta área vólvese insistir en que para optar a algún dos 35 premios é necesario tirar un máximo de tres fotografías e envialas ao whatsapp 616 332 919 ou ao correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Débese recordar que polo menos unha desas imaxes debe estar tomada desde a vía pública para poder comprobar que se cumpre o requisito de que a composición é visible desde fóra da finca. Ademais, en calquera das fotos que se envíen debe verse tamén o pequeno cartaz da iniciativa que se entregou xunto co lote de flor.

No caso de que as fotos enviadas sexan defectuosas ou non cumpran estes requisitos, daráselles ás persoas participantes até o 23 de xuño para que saquen outras e volvan mandalas. Para que iso non ocorra hai varias recomendacións: sacalas co móbil ou a cámara en horizontal (na foto entrarán máis detalles e con mellor calidade), aproveitar o momento en que a composición teña boas condicións de luz (evitar sacar as fotos á noitiña ou a contraluz), facer unha foto xeral -por exemplo a tomada desde a vía pública- e deixar as outras dúas para mostrar as plantas desde máis de preto ou os detalles que se queiran destacar, etc.

Estes consellos teñen a súa importancia, posto que o xurado do certame valorará as composicións por medio destas fotos e de aí que, canto mellor saian, máis posibilidades de levar algún dos 35 premios que se entregarán repartidos en catro categorías: composicións florais de exterior, dotada con 10 agasallos; outra referida á decoración de xanelas e balcóns, para a que se reservan outros 10 premios; unha específica para os establecementos comerciais e hostaleiros (5 premios); e, por último, unha cuarta categoría na que se concederán 10 premios para os xardíns máis vistosos como resultado de anos de coidados.

O xurado estará formado por unha persoa por parte do Concello e outras dúas en representación dos viveiros locais. O seu fallo publicarase o 30 de xuño e os premios entregaranse na Casa do Concello o domingo 4 de xullo.

Share.