Últimos días para apuntarse no obradoiro de selos de “Tempos para compartir”

0

Tal e como se informa no último boletín Novas que está chegando ás casas durante estes días, o próximo 3 de marzo a partir das 16.30h.  teremos na Casa da Xuventude un novo obradoiro do programa “Tempos para compartir”. Nesta ocasión aprenderemos a deseñar e crear un selo de caucho co que estampar tarxetas postais e regalos. A docente é a artista Noemí Lorenzo, quen expuxo recentemente na galería do Concello unha parte representativa da súa obra. O prazo de inscrición no taller finaliza o luns e para apuntarse hai que chamar ao 981 490 027 ext.1.

O obradoiro estaba programado inicialmente para o primeiro sábado deste mes de febreiro, pero tivo que adiarse por causa de que non se conseguiu xuntar un grupo mínimo para levalo a cabo. Nesta nova convocatoria a área de Igualdade agarda completar a sesión, para a que se ofertan 10 prazas como máximo.

A Doutora en Belas Artes Noemí Lorenzo ensinaramos a deseñar e fabricar un selo de goma co que estampar a nosa sinatura ou un debuxo que nos identifique en cartas, tarxetas postais, agasallos, etc.. Veremos como concibir unha imaxe inicial, o seu paso á goma ou ao caucho, o labrado do motivo e a súa fixación nun soporte que faga máis cómodo usalo.

Lorenzo é toda unha experta na materia. Hai tan só uns días clausurouse na galería do Concello unha exposición súa composta maiormente por obras abstractas feitas con distintas técnicas de estampación como a xilografía ou a litografía.

Parte dese coñecemento é o que poderemos adquirir no “Tempos para compartir” do sábado 3 de marzo na Casa da Xuventude. A diferenza doutros obradoiros en que se ofertaban 15 ou máis prazas, neste o cupo está limitado a dez participantes, que deberán inscribirse o luns 26 como moi tarde de cara a ter tempo suficiente para mercar os materiais que se empregarán na sesión do sábado.

Para apuntarse hai que chamar ao 981 490 027 ext.1. Nese mesmo número tamén podemos achegar ideas para futuros talleres onde calquera de nós podemos compartir os nosos coñecementos. Abonda con que sexa un tema doado de explicar en non máis de dúas horas, que teña un contido eminentemente práctico e que o custe en material sexa asumible polo Concello.

Share.