Últimos días para apuntarse en Tempo de familias

0

Tempo de familias é un programa ideado pola área de Igualdade para mellorar a comunicación e as relacións dentro das familias con rapazada de maior idade, sobre todo adolescente.  A actividade víuse interrompidas polas circunstancias sanitarias e agora, co novo arranque do curso, o Concello volve abrir as inscricións, que poderán tramitarse a través do 981 490 027 ext.1. ou do correo veronica.rodriguez@sansadurnino.gal ata o 23 de setembro. Desde a concellaría tamén se informa que, polo momento, non vai desenvolverse o outro programa previsto, o Espazos das familias, debido ás obrigas preventivas e de distanciamento persoal que non sería posible manter durante os obradoiros. Con todo, Igualdade seguirá recollendo solicitudes até este venres co obxectivo de coñecer o interese das familias e ver a posibilidade de reformular as sesións sempre que haxa demanda suficiente.

Espazos das familias é un programa socioeducativo que, en esencia, recolle o testemuño do desaparecido Preescolar na casa. Cada dúas semanas celébranse  xuntanzas onde as familias e as súas crianzas de entre 0 e 3 anos comparten tempo e xogos nun ambiente de aprendizaxe mutua dirixida por persoal especializado. O obxectivo principal da iniciativa é facilitar un espazo para afondar no desenvolvemento das nenas e nenos nunha etapa fundamental da vida onde se marcan moitos dos trazos da súa personalidade futura.

Porén, dadas as actuais circunstancias, o programa non podería levarse a cabo tal e como estaba concibido ata antes da pandemia. Por este motivo, a Concellaría de Igualdade decidiu suspendelo ata que a situación sexa totalmente segura, ao tempo que se buscan fórmulas alternativas que cumpran unha función similar sen comprometer a seguridade das familias participantes.

No boletín Novas enviado aos domicilios hai unhas semanas indicábase que Espazos das familias tería aberto o prazo de inscrición do 1 ao 18 de setembro. Malia a suspensión do programa isto non cambia, xa que o departamento de Igualdade seguirá recollendo solicitudes co obxectivo de ver o interese existente e mirar a maneira de reformular as actividades. As peticións poden seguir enviándose ao correo pilar.calvo@sansadurnino.gal ou contactando coa Educadora familiar a través do 981 490 027 ext.1.

O que si se mantén é o Tempo de familias
Desde o departamento de Igualdade tamén informan de que en outubro se conta poder retomar -se a situación sanitaria o permite- a serie de charlas do programa Tempo de familias, no que se abordan distintas cuestións relacionadas coa comunicación familiar, a relación coa infancia e a adolescencia e a educación das nosas fillas e fillos.

Cada mes haberá unha sesión impartida por unha persoa especialista na materia que se vaia tratar. Á sesión de outubro virá Antonio Rial Boubeta -profesor na Facultade de Psicoloxía da USC- para falar de adolescencia e adiccións tecnolóxicas. De momento non hai data nin hora fixadas para o desenvolvemento do programa. Iso si, para participar haberá que inscribirse antes do 23 de setembro chamando ao 981 490 027 ext.1 ou mandándolle un correo a veronica.rodriguez@sansadurnino.gal. O xoves 1 de outubro ás 18.00h. haberá unha xuntanza informativa para as familias apuntadas.

Esta actividade estará subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade, en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Share.