Último pleno do ano sen sobresaltos centrado na actualización de taxas e prezos públicos segundo o IPC

0

Ata este ano, as ordenanzas relativas a prezos públicos e taxas municipais actualizábanse automaticamente segundo o Índice de Prezos ao Consumo (IPC). Porén, segundo un informe da Secretaría municipal, desde 2017 existe unha normativa que esixe aprobar en pleno as contías que se verán modificadas dun ano para outro. Ese foi o motivo da convocatoria celebrada onte, e tamén o principal contido do debate que se prolongou durante case 20 minutos, máis do que cabería agardar nun asunto de simple trámite que non supón ningún cambio nin nas ordenanzas nin no cálculo dos incrementos interanuais.

Tal e como explicou a portavoz do Goberno local, Mari Carme Muíño, as ordenanzas actualizábanse ata agora “de forma automática”, posto que na súa redacción xa se indicaba que as variacións dos importes se farían seguindo o IPC. Porén, apuntou Muíño, debido a criterios técnicos da Secretaría-Intervención municipal “tamén hai que aprobalo en pleno, con independencia de que estea recollido nas ordenanzas”.

Na súa intervención, o concelleiro socialista Lois Anxo Rodríguez criticou que, malia a esixencia legal, houbese que convocar un pleno para algo “que debería ser automático”. O edil tamén sinalou que non lle parece “o momento adecuado” pero que por tratarse “dunha cuestión imperativa (…) hai que facelo, non queda outra”.

Pola súa banda o PP mostrou a súa sorpresa porque desde 2017 non se trouxese a pleno o asunto e preguntou os motivos de que o alcalde “non pedise un informe” sobre a conveniencia ou non de facelo nos últimos anos. Secundino García replicou que o feito de someter á tramitación plenaria a actualización das taxas e prezos públicos  “é un procedemento administrativo puro e duro” que o anterior responsable da Secretaría-Intervención municipal  “entendía que non era necesario”.

Mari Carme Muíño engadiu a este respecto que que foi a actual Secretaria municipal quen, a diferenza do anterior titular, indicou que o procedemento debía pasar polo pleno. “Os profesionais teñen ás veces interpretacións ou criterios distintos, a iniciativa non sae de nós, senón que quen nos acompaña e nos asesora (a Secretaria municipal) nos informa que para poder facelo hai que seguir este trámite”. A portavoz do Grupo de Goberno precisou, ademais,  que  “non se aplica ningunha modificación nin incremento que non viñera descrito xa nas ordenanzas”.

A cuestión saiu aprobada por maioría cos votos favorables do BNG e do PP, mentres que o representante do PSOE optou pola abstención.

 

Share.