Último día para inscribirse no “Venres en Sansa” desta semana

0

O programa de lecer nocturno para a mocidade “Venres en Sansa” continúa a súa andaina propoñendo esta semana cinco obradoiros nos que poderá participar a xente nova cunha idade comprendida entre os 12 e os 35 anos. A oferta componse de cociña, educación canina, kickboxing, robótica e paintball, que se desenvolverán en distintos puntos do centro urbano. Nalgunhas delas hai prazas dispoñibles, mentres que outras están a piques de completarse e hai unha, o paintball, que xa ten cuberto o seu cupo desde hai varios días. Para participar nestes obradoiros gratuítos hai que entregar cuberta na Casa da Cultura a ficha de inscrición. Por outra banda tamén cómpre lembrar que este sábado terá lugar na praia de Pantín unha nova edición da xornada de iniciación ao surf “1ª Onda”, aberta a maiores de 7 anos que saiban nadar. O prazo para apuntarse na actividade, que ten un custe de 10 euros, finaliza o venres ás 14.00h.

O terceiro “Venres en Sansa”  é un dos que programa actividades máis diversas. Ás 20 horas a Casa da Xuventude acollerá dous obradoiros nun, un sobre Minecraft e outro sobre programación robótica. Para esta actividade aínda hai dispoñibles 14 prazas e cumprirá levar ordenador portátil.

Onde se pecharon inscricións foi no paintball, para o que hai 36 persoas apuntadas.  A proposta espertou tal interese que xa na primeira semana do programa tiña cuberto o seu cupo e unha longa lista de agarda, o que levou ao Concello a ampliar o número de prazas que se distribuirán en dúas quendas: unha de 20 a 21 horas e outra de 21 a 22.

Na segunda parte da noite a actividade trasládase ao contorno do colexio público con tres obradoiros. O primeiro, das 21.00h. e as 23.00h., terá lugar no ximnasio do CPI e abordará a iniciación ao kickboxing e a defensa persoal. Para esta proposta quedan aínda 7 prazas dispoñibles. Preto de alí, no patio cuberto do colexio, levarase a cabo entre as 23.15h. e a 01.00h. a terceira clase de educación canina para a que só quedan 2 vacantes. En paralelo desenvolverase o segundo obradoiro de cociña creativa cunha oferta de 20 prazas das que xa se cubriron máis da metade.

Simultaneamente desenvolverase unha sesión de paintball -lugar por concretar- na que poderán participar ata 19 mozos e mozas entre 14 e 35 anos. Neste caso o remate está previsto para as 22.00h. Por outra banda, o ximnasio do CPI será escenario dunha clase de kickboxing e defensa persoal con 14 prazas dispoñibles. Preto de alí, no pavillón municipal -e co mesmo horario-, teremos de novo un obradoiro de educación canina para oito persoas acompañadas do seu animal.

A segunda parte da noite, das 23.15 á 1 da mañá, o patio cuberto do colexio converterase nunha grande cociña na que aprender a facer pratos creativos que despois poderán degustar tanto as persoas participantes no obradoiro -máximo 20- como o resto de inscritas nas outras actividades. Esta proposta conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Pódese obter máis información sobre este programa pasando pola Casa da Cultura, onde será necesario entregar a folla de inscrición. Tamén se pode chamar ao 981 490 027 (ext.3) para obter máis datos.

1ª Onda
Quen quede con forzas e ánimos tras unha intensa noite de venres, pode estrearse no mundo de surf da man da xornada “1ª Onda”, organizada pola Concellaría de Deportes e pola escola Pantín Surf Camp. Vai dirixida a calquera persoa maior de 7 anos que saiba nadar e ofértanse 40 prazas. É necesario apuntarse antes das 14.00h. do venres pasando pola Casa da Cultura ou enviándolle un correo ao técnico deste departamento: agustin.perez@sansadurnino.gal. O prezo da actividade son 10 €.

O punto de encontro é no aparcadoiro da caseta dos socorristas de Pantín, a onde as persoas apuntadas deberán ir o sábado pola súa conta. Sobre as 10.15h. farase unha presentación da actividade e realizaranse exercicios de quecemento antes de entrar na auga. Ademais, os monitores da Pantin Surf Camp ofrecerán unhas sinxelas nocións teóricas e de seguridade para que todo o mundo poida gozar da táboa o antes posible. A organización pon o material necesario, incluído un traxe de neopreno para cada asistente e táboas de iniciación coas que comezar a coller ondas xa desde o primeiro momento. As persoas inscritas só deberán levar bañador, unha toalla e roupa para cambiarse ao remate da actividade.

Documentación descargable
Folla de inscrición para o Venres en Sansa (PDF)
Folla informativa e programación completa (PDF)

 

Share.