Últimas semanas para xustificar as axudas municipais de Cultura e Deporte

0

O arranque do mes de novembro marca o inicio do tempo de desconto para que as entidades asociativas do territorio, tanto deportivas como culturais, presenten no Concello a documentación xustificativa das subvencións deste ano. O prazo finaliza aínda o 30 de decembro, con posibilidade de solicitar unha prórroga se existen causas fundamentadas. Porén, desde a administración local lánzase xa o recordatorio para que as asociacións e clubes non esperen ao último día e para que vaian ordenando a documentación esixida, principalmente as facturas e a cartelería de cada actividade desenvolvida, que ha de presentarse canda as follas normalizadas de xustificación.  Na distribución efectuada antes do verán, o Concello asignou un total de 26.942,40€ dos que se beneficiarán 8 entidades socioculturais e veciñais e 4 de carácter deportivo.

No caso das actividades culturais, será necesario presentar unha memoria explicativa do programa desenvolvido describindo individualmente  cada unha das accións acollidas á subvención especificando a súa denominación, as datas e lugares de celebración. Ademais tamén se deberá incluír o seu custe total, deixando fóra aqueles gastos relacionados con alimentación ou co transporte posto que non son financiables.

Por outra banda, será necesario adxuntar as facturas dos gastos subvencionables que, en conxunto, deben sumar o total da cantidade asignada máis o 20% do orzamento total admitido, é dicir, o 20% do que se solicitou pero quitándolle os apartados non subvencionables, como poderían ser os xantares ou os gastos en autobuses. Botemos contas: se presentamos un orzamento subvencionable de 10.000  euros e o Concello nos asignou no reparto 2.000 euros, a cantidade que debemos xustificar con facturas serán 4.000 euros -2.000€ concedidos + 2.000 do 20% de 10.000-.

Isto é así se só se contou con axuda do Concello, posto que se se percibiron subvencións doutras entidades -como poden ser Xunta ou Deputación da Coruña- o importe que se terá que xustificar calcularase de forma distinta: concretamente a suma das cantidades percibidas máis o 20% adicional da subvención outorgada polo Concello. Un exemplo: se o Concello nos deu 2.500 euros de axuda, a Xunta nos concedeu 700 euros para unha actividade e a Deputación achegou 1.000 para outra, teremos que presentar facturas por valor de 2.500 € + 500 € (o 20%) + 700€ da Xunta + 1.000 € provinciais = 4.700 euros.

Cómpre ter en conta, ademais, que dentro dos gastos financiables poderemos meter até un 25% de infraestrutura -compras de material inventariable para o desenvolvemento de actividades- e que, si ou si, para cobrar a subvención ou a parte minorada correspondente será obrigatorio achegar a xustificación de alomenos o 50% da axuda concedida. Ata este ano, as entidades que non cubrían con facturas o esixido nas bases vían reducido proporcionalmente o importe da subvención. Agora, e de acordo coas bases, se non se xustifica o mínimo esixido haberá unha rebaixa proporcional na cantidade a cobrar, e se non se chega á metade do importe concedido perderase o dereito a cobrar axuda, posto que o Concello entenderá que non se realizou o obxecto para o que se solicitou a subvención.

A xustificación ten que facerse con facturas oficiais acompañadas dos documentos de transferencia ou ingreso bancario de todas aquelas que superen os 100 euros. No momento de rexistrar a documentación deberán achegarse as copias e os orixinais de cara a que o Concello os cotexe e os sele conforme serviron para xustificar a subvención.

Todos estes criterios serán de aplicación tamén para as axudas dirixidas a clubes deportivos con algunhas excepcións: non existe o límite do 25% para gastos de infraestrutura -as entidades poderán achegar facturas pola compra de material- nin tampouco se restrinxe o uso da axuda para gastos de transporte, posto que se podería encadrar como gasto de participación en campionatos e competicións.

Na presente convocatoria unifícanse os prazos de presentación da documentación no Rexistro Municipal. O último día é o 30 de decembro, aínda que aquelas asociacións ou clubes que vaian organizar actividades nos días inmediatamente anteriores deberán solicitar unha prórroga para poder achegar a xustificación nos primeiros días de xaneiro.

Cadro coas adxudicacións a cada entidade:

ENTIDADES CULTURAIS / ASOCIACIÓNS VECIÑAIS

Entidade

Actividade

Infraestrutura

Total

AV. Xuntanza de Lamas

2.181,59 €

2.181,59 €

ADC Confraría S. Pipote

1.457,25 €

1.457,25 €

AV. O Castelo de Narahío

5.057,52 €

1.000 €

6.000,00 €

AV. Adiante de Igrexafeita

1.032,93 €

1.000 €

2.032,93 €

ACRD Sta Mariña do Monte

1.440,10 €

1.440,10 €

ANPA Sansaviva CPI

3.214,52 €

3.214,52 €

ANPA EIM A Rolada

1.680,12 €

1.680,12 €

Asoc. Cult. Brío

2.935,93 €

2.935,93 €

Total Cultura:

20.942,44 €

 

ENTIDADES DEPORTIVAS

S.Caza Naraío-Igrexafeita

781,93 €

UDC Naraío

3.154,08 €

Club Deportivo Brío

1.273,67 €

FS Santa Mariña do Monte

790,28 €

Total Deporte:

5.999,96 €

 

Documentación descargable:
Convocatoria e bases de concesión das axudas para actividade cultural publicada no BOP
Convocatoria e bases de concesión das axudas para actividade deportiva publicada no BOP
Corrección de erros publicada no BOP do 29/03/2019

Xustificación das axudas:
Modelo de xustificación das axudas para Cultura
Modelo de xustificación das axudas para infraestrutura (só entidades con local en propiedade ou alugado)
Modelo de xustificación das axudas para Deporte

 

 

Share.