Últimas horas para apuntarse na carreira popular do domingo

0

Ás 23.59h. deste mércores 23 de maio finalizará o prazo para inscribirse na V Carreira Popular Concello de San Sadurniño que terá lugar no contorno do paseo fluvial na mañá do domingo. A falta  de escasas horas para que se cumpra o prazo, a web www.emesports.es recolleu xa 650 peticións, a maioría delas nas categorías que correrán os 5 quilómetros. O evento, organizado polo Concello en colaboración co CPI, presentarase esta tarde na Casa da Cultura cunha charla dirixida ao alumnado do centro que contará coa presenza da internacional e varias veces campioa estatal Paula Mayobre e do tres veces olímpico Alejandro Gómez.

A presentación está concibida como unha charla arredor do deporte na que ambas figuras do atletismo galego falarán da súa traxectoria, ao tempo que animarán á rapazada a iniciarse nun deporte apaixoante que arrastra a practicamente todo o centro escolar con motivo da carreira popular.

No momento de escribir estas liñas a proba vai xa polas 650 inscricións, 457 para a carreira de 5.000 m., e o resto para os trazados de entre 70 e 1.000 m. que se correrán sen saír do arboreto de especies autóctonas da Cortiña.  A saída da primeira carreira darase ás 11.15 horas para a categoría Escolares A, tanto masculina como feminina -anos 2006, 2007 e 2008-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Quince minutos despois sairá a rapazada inscrita en Escolares B e C -2004/2005 e 2001/2002/2003- e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.000 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña.

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 12.30 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2009 e 2010- e para as 12.40h. a de pitufos, na que participarán nenas e nenos nacidos en 2011/2012. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 12.50h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2013 e 2014- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

A saída da proba absoluta será neutralizada durante os primeiros metros para evitar aglomeracións. En canto ao tráfico, tamén se conta cortar un  dos carrís da DP-7601 -a estrada de Ferreira- e maila pista da Penamoura entre o cruce coa provincial e Metalfra, xa que na competición haberá que dar dúas voltas pasando por diante de Intasa antes de volver ao paseo fluvial e facer o esprint final. Tamén estará cortada durante toda a mañá a estrada que une o Centro de Día co lugar de Cornide, permitíndose só o acceso e saída ao aparcadoiro.

O evento deportivo é puntuable para o VI Circuíto de carreiras populares da Deputación da Coruña e está organizado pola Concellaría de Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade en colaboración co CPI de San Sadurniño e a Federación Galega de Atletismo. No apartado de entidades que botan unha man tamén se inclúe a Deputación da Coruña, Navantia, O Padroado de Deportes de Narón, o Concello de Narón, o Concello de Ferrol, a empresa SEDEGA, DECATHLON e o Club Castro de Lobadiz, xunto con máis dunha vintena de firmas comerciais, na súa maioría de San Sadurniño.

Horarios das carreiras e número de inscricións até o momento

Categoría Prezo da inscrición Anos de nacemento Distancia Hora de saída Nº Inscricións
Biberóns Gratis 2013-2014 70 m 12:50 49
Pitufos Gratis 2011-2012 220 m 12:40 71
Benxamín Gratis 2009-2010 400 m 12:30 38
Alevín Gratis 2007-2008 1000 m 11:15 27
Cadete Gratis 2003-2004 5 km 11:30 46
Xuvenil Gratis 2001-2002 5 km 11:30 52
Junior 3,00 € 1999-2000 5 km 11:30 2
Sub 23 3,00 € 1996-1998 5 km 11:30 5
Senior 3,00 € 1984-1995 5 km 11:30 74
Veteráns A 3,00 € 1978-1983 5 km 11:30 63
Veteráns C 3,00 € 1959-1968 5 km 11:30 49
Veteráns D 3,00 € Anteriores-1958 5 km 11:30 20
Infantil A Gratis 2006-2006 1000 m 11:15 7
Infantil B Gratis 2005-2005 5 km 11:30 26
Veteráns B 3,00 € 1969-1977 5 km 11:30 120

 

Plano da carreira de 5km.

Powered by Wikiloc
Share.