Últimas horas para apuntarse á chanfainada do sábado en Bardaos

0

A parroquia de Bardaos volve honrar este sábado o seu prato máis propio: a chanfaina. Carne da mellor calidade ben especiada que se mestura con sangue e fariña para logo metelo todo nun recho que se coce en auga ou se asa no forno.  En Bardaos van facer así ata 170 chanfainas. Case nada, tendo en conta que se trata dun produto saboroso pero tamén contundente. A festa gastronómica comezará ás 15.00h. no local social da parroquia e é precisa inscrición previa a través dos teléfonos 630.563.130 ou 679.821.168. O prazo remata este xoves ou ben no momento en que se complete o aforo do recinto. O menú custa 15€.

Ata hoxe pola mañá ían apuntadas unhas 130 persoas do máximo de entre 160 e 180 que a organización ten fixado para poder xantar e pasar a tarde con comodidade no local social da parroquia. E é que, alén de comer rico e con fartura, a Festa da Chanfaina -que vai pola sexta edición- tamén é punto de encontro para xente de dentro e fóra da parroquia.

Alí xántase, parólase, tómase o café sen présa e despois, quen queira, tamén pode bailar. Nesta ocasión convidaron ao Grupo Tribal para animar a xornada con clásicos de toda a vida e cos hits de hoxe que tanto lle prestan á mocidade. Farán dous pases, un antes de sentar á mesa e outro despois, ata máis ou menos as 21.30h.

O prato central será a chanfaina, máximo expoñente culinario de Bardaos e tamén doutras zonas onde aínda se conserva a receita, como é o caso de Igrexafeita, Moeche ou Cerdido. Consciente de que pode haber xente que estea “á línea” ou a quen non lle guste este embutido quente, a organización ofrece como alternativa degustar un non menos rico xamón asado. O prezo do menú é de 15 euros.

Os anuncios da festa levan varios días pegados en bares de toda a volta e circulando polas redes sociais. A data oficial de peche das reservas foi este martes, pero aínda quedan dispoñibles uns 30 ou 40 sitios. Por iso, insistimos, quen queira pasar o día en Bardaos o sábado con boa mesa e mellor compaña debe apresurarse a chamar aos  teléfonos  630.563.130 ou 679.821.168.

 

Share.