Últimas horas para anotarse na carreira popular do domingo

0

Hoxe, luns 30 de maio, ás 14:00h finaliza o prazo de inscrición na VII Carreira Popular Concello de San Sadurniño que terá lugar no entorno do paseo fluvial do Xuvia o próximo domingo. A primeira hora da mañá ían anotadas 350 persoas, a maioría delas -cerca de 200- para correr nas categorías da proba absoluta. A principal novidade deste ano é a mudanza do trazado para facelo máis variado en canto a paisaxe e desniveis. Ademais, a popular de San Sadurniño que en anos anteriores foi “pola igualdade” cadra este ano no Día Internacional do Medio Ambiente e por iso o Concello fará unha paréntese adoptando o lema “corre polo medio ambiente” co obxectivo de reivindicar o coidado dos ecosistemas, especialmente os acuáticos coma o Xuvia.

O  tope de participantes  por razóns de seguridade e loxísticas está fixado en 500 na carreira de 5 quilómetros -Sub 16, Sub 18, Senior, Máster M40 e Máster M50-, mentres que nas demais -Sub 14, Sub 12, Sub 10 e Peques- non haberá límite de inscricións. As categorías inferiores correrán de balde, coma sempre, en circuítos de distintas distancias sen saír da zona do arboreto de conservación de especies autóctonas situado ao pé do paseo fluvial. A primeira das saídas darase ás 11:00h.

Na carreira grande -cuxa inscrición son 5€- hai unha novidade importante, xa que en vez de dar dúas voltas na zona da Bidueda (Metalfra/Intasa/naves de Pena) este ano farase unha rolda máis grande pasando pola estrada de Ferreira, xirando logo cara á fábrica de taboleiros e cruzando Cornide antes de regresar ao paseo fluvial.

Son 5 quilómetros igualmente, coa diferenza de que o trazado será máis visual para o público e tamén un chisco máis dificultoso para as corredoras e corredores, xa que entre o quilómetro 2,4 e 3 terán que salvar 45 metros de desnivel costa arriba e inmediatamente despois facer outros case 600 metros de distancia cun desnivel negativo de 50 metros, antes de encarar o último quilómetro da proba.

A sétima popular de San Sadurniño é xa unha das citas clásicas para o deporte afeccionado da comarca. Iniciouse coa colaboración do Concello e do CPI San Sadurniño. Este ano figura como organizador só o Concello, que contará coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo. Ademais tamén colabora a clínica local Fisio-Che-Ben cun servizo de fisioterapia.

Toda a información pode atoparse na web Emesports. O prazo para anotarse finaliza hoxe luns ás 14:00h.

Share.