Tres novas estreas achégannos ao ecuador do Chanfaina Lab

0

A web Fálame de San Sadurniño prosegue ofrecendo cada venres as estreas do proxecto audiovisual Chanfaina Lab correspondentes ás gravacións que se fixeron durante a primeira fin de semana do setembro pasado. Desde a última reseña que fixemos van xa outras tres, todas elas distintas e cun atractivo toque experimental. Trátase de  “Xente bonita#1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina”, de Cibrán Tenreiro, de “The Sansa stomp”, de Iago Lourido, e de “A auga branca”, de Margarita Ledo. Tres historias, tres miradas a ese volume con múltiples facetas que é San Sadurniño. Un poliedro ao que se lle poden dar ducias de voltas descubrindo perspectivas novas con cada unha delas.

Na presente edición do Chanfaina Lab irrompeu con forza o que puidéramos chamar Nouvelle Vague de San Sadurniño. Unha nova onda de mozas e mozos de idades similares, con moita ansia por contar que, ademais, se moven xuntos no asunto de gravar e interpretar, aínda que ao Chanfaina presentasen pezas independentes. Xa vimos a peza de Catalina Rodríguez  “A rapaza que borboriñaba aos cabalos” e aínda nos falta por ver o “Conectado” de Pablo Martínez. No medio desas dúas estreas temos o “The Sansa Stomp”, de Iago Lourido.

Este mozo de Naraío descóbrenos un novo xénero visual que xunta percusión, movemento e humor a través dunha curta protagonizada por el e por Martínez, ademais de contar con Joam Cortizas, parte fundamental das tres pezas diante e detrás da cámara. Para realizar a súa curta, Lourido inspirouse no movemento Stomp -estilo musical con ritmo rápido que se acentúa batendo o chan co pé-. Un xénero que trae a San Sadurniño o último do último das culturas urbanas. “Realmente a idea xurdiu ao ver unha canle de YouTube chamada MikeDiva. Alí sorprendinme co concepto dun vídeo no que un mozo ensinaba a cidade de Tokyo e decidín facer algo parecido en Sansa. Pensei que ia a darme tempo a gravalo nun día, pero fíxoseme de noite antes do que eu pensaba. Tamén lamento que ao non ter un bo estabilizador de imaxe non me saíu todo como tiña planeado.”

“The Sansa stomp” ofrécenos un punto de vista orixinal sobre San Sadurniño no que a experimentación segue a ser o motor da peza como é case habitual nas curtas do Chanfaina Lab. Iago xoga co ritmo, a música e a expresión corporal, trasladando un fenómeno urbano á realidade rural de San Sadurniño: ” Con este vídeo, pretendía cambiar o punto de vista e amosar San Sadurniño dende unha pespectiva diferente, divertida e amena para o espectador”.

Cibrán Tenreiro e a metade dun particular díptico
As olladas dos realizadores e realizadoras chegadas de fóra de San Sadurniño tamén foron diversas e sorprendentes neste Chanfaina. Pero en moitas delas atopamos as puntadas dun fío invisible que cose con forza ese patchwork que é o encontro audiovisual.  E é que o Chanfaina Lab é un reto que en moitos casos se asume de forma individual, pero que despois resulta -por necesidade da produción e por premura temporal- nun traballo colaborativo entre distintos equipos. Os proxectos son individuais, todos distintos e frescos, pero no Chanfaina fálase, intercámbianse ideas, axúdase a localizar, a gravar… e toda esa sinerxia tradúcese en pezas que acaban cobrando maior valor conceptual que se se fixesen partindo unicamente dunha idea preconcibida. Mesmo saen obras que poden funcionar xuntas coma un único produto.

O exemplo témolo en Cibrán Tenreiro, Toni González, Mar Catarina e Rubén Domínguez. Percorreron xuntos todo o territorio axudándose uns aos outros coas súas curtas. A colaboración foi tal que a obra dos dous primeiros, titulada “Xente bonita #1: Pepe das Flores, Toni Colombo e Mar Catarina”, e a dos dous segundos, chamada “Nimbo” -aínda non estreada-, teñen sentido por separado, pero tamén poden verse como un díptico… ou mellor aínda como dous espellos enfrontados.

A peza de Tenreiro afonda na vida que temos e na que desexamos, tocando temas coma o traballo, a realización persoal ou a necesidade de estabilidade laboral. “Entre os meus amigos e amigas hai moita xente creativa: xente que fai música, xente que escribe, xente que debuxa, xente que fai cinema ou fotografía… ao mesmo tempo, hai moita xente no paro, ou nun traballo precario (sexa no ámbito cultural ou noutro), ou emigrada. Tiña ganas de facer algo no que poder falar disto e recoller as frustracións deste momento nas nosas vidas no que debíamos saber xa que é o que imos ser de maiores (porque xa somos maiores), e no que o contexto parece empuxarnos a renunciar ás paixóns. Ao mesmo tempo, tampouco quería ir á Chanfaina a facer algo que puidese facer noutro sitio: quería ter un vínculo real co lugar”.

Explorando a web de Fálame de San Sadurniño, Tenreiro atopou unha foto fantástica da Orquesta Alegría de Lamas, cun audio no que Pepe Orjales dicía unha cousa que lle chamou moito a atención, porque describía a música como unha experiencia negativa: “A música en principio era un medio de vida (…) pero logo a música non daba como un oficio, e a xente que se dedicou a estudar a música encontrouse alí aos 30 ou 40 anos con que nin música nin oficio”. A Cibrán pareceullee interesante poñer a  perspectiva de Pepe ao lado da súa, da de Toni e da de Mar. “Quedei moi contento porque aprendín, porque me divertín, e porque teño a sensación de que a identidade deles tres, e a miña, está presente dunha forma sincera na película. Non quedei tan contento pola nosa propia torpeza á hora de gravar o son, pero bueno, vai con subtítulos para que se entenda todo”, comenta o director.

Margarida Ledo afonda na tradición
A última das pezas que nos faltaba por comentar está dirixida pola cineasta e referente da nosa cultura Margarida Ledo. Profesora universitaria, activista política que mesmo sufriu o exilio durante o Franquismo e membro da Real Academia Galega, a súa obra para o Chanfaina Lab ten certo regusto lendario por tocar o vencello ancestral que Galicia sempre tivo coa auga. A busca das raíces identitarias son unha constante na directora, que neste caso bota man dun concepto xa tratado pola antropoloxía cultural en numerosas ocasións: os mananciais como fontes de vida e de maxia que as sucesivas culturas foron mutando segundo os credos de cada momento.

Ledo aínda vai máis aló e engádelle elementos e referentes da historia máis recente, tomando como eixo a parroquia de Santa Mariña do Monte. “Para o exercício de Chanfaina Lab eu fun escoller como motivo  a parroquia de Santa Mariña do Monte polo que lin na web sobre as ofrecidas á Virxe da Esperanza; porque me lembrou as eiras da Chaira,  con castros a redor canda o aquel de fábula na auga para quedares preñada. Nos dous días que andivemos por alí a falar con diferentes persoas regresou ese pálpito, que tamén sinto na Terrachá, de que a palabra, o encontro, a pequena conversa ten moita lei. As xentes son cautelosas no que din. A memoria é concreta. E sobre ela paira unha presenza amábel: a de Ramón Díaz Raña“.

“A auga branca” acredita doadamente á frase de Akira Kurosawa de que “a creacion é memoria”, porque a peza agroma máis aló do que observamos; alentan nela as marcas autorais da cineasta: os lugares con memoria, a estrutura circular, a voz poética, o plano persoal e o simbólico, os ecos do tempo, as experiencias e vivencias tanto sensoriais como literarias ou documentais que debullan e conforman a voz fílmica de Margarita Ledo:” O modo de traer a Ramón a esta pequena peza foi a través da súa voz, dunha gravación que nos agasalla co recordo seu da Fonte da Esperanza que, coma un bucle, abre e pecha o filme. As miñas referencias foron máis literarias ca cinematográficas. E unha vez e outra pensaba no modo en que Manuel María describiría esta Santa Mariña. El amaba o nome das cousas e quería coñecer todas as parroquias de Galiza. Eu póñolle voz ao que mirei por acó nesta curta e sentida paseata.” Así pois, déixense levar polas augas máxicas da Esperanza nesta fermosísima experiencia de viaxe que tenta capturar os arrecendos do tempo e a aura do pasado. Grazas Margarita por poñerlle imaxes, sons e corazón ao que viches na túa Chanfaina.

Share.