Ti dás o tipo, #súmatedoasangue este mércores en San Sadurniño

0

Para atender as necesidades da sanidade galega fan falla unhas 500 doazóns de sangue diarias. A nova Axencia de Doazón de Sangue e Órganos de Galicia ten varias unidades móbiles percorrendo o país para facilitar a doazón de compoñentes sanguíneos, un acto altruísta que axuda a salvar vidas. Unha desas unidades estará en San Sadurniño este mércores de 16.00 a 21.00h. A ADOS iniciou recentemente unha campaña na rede -facebook, twitter e youtube- para potenciar as doazóns. A través de varios testemuños de persoas doadoras e persoas que sobreviviron gracias ao sangue doado, a axencia volve apelar á solidariedade cidadá representada no lema “Ti das o tipo” e na etiqueta virtual  #súmatedoasangue.

A doazón de sangue é un acto seguro, sinxelo, cómodo e necesario para solucionar os problemas de saúde de moitas persoas e mesmo salvarlles a vida. As doazóns fan falla todos os días para soster as necesidades da sanidade galega que, segundo o SERGAS, realiza unha media de 500 intervencións cirúrxicas, atende 2.700 urxencias e fai -tamén como promedio diario- tres trasplantes de órganos ou tecidos.

Os homes poden doar un máximo de 4 veces ao ano e as mulleres 3, deixando pasar entre cada doazón un mínimo de 2 meses. Os requisitos principais son o de ter unha saúde normal, pesar máis de 50 quilos e ter unha idade comprendida entre 18 e 65 anos.

É vital que a persoa doadora achegue toda a información posible sobre o seu estado de saúde, xa que o sangue doado vai destinado a axudar a recuperación dos doentes. Doar sangue é un acto solidario e tamén responsable.

En caso de que calquera persoa teña algunha dúbida sobre se pode ser doante ou non, pode consultar co persoal das unidades móbiles ou nos locais de doazón. Tamén pode chamar ao teléfono gratuíto 900 100 828, das 8.00 ás 22.00 dende teléfonos fixos e móbiles.

Outro medio de consulta é a web da ADOS, onde se recolle grande cantidade de información sobre a doazón. Nela tamén está publicada a campaña “Ti das o tipo”, que presenta cara a cara casos reais de persoas doadoras e persoas salvadas polo sangue doado. O obxectivo da campaña é incentivar a solidariedade e animar a que cada vez sexan máis persoas as que se animen a dar o paso.

Porén, un dos xeitos máis efectivos de conseguir ese obxectivo é achegarlle á xente os equipos de extracción e por iso a ADOS ten varios autobuses percorrendo Galicia todos os días. A próxima parada en San Sadurniño será este mércores, 7 de febreiro, na praza do Convento do Rosario -diante do posto da Garda Civil- entre as 16.00 e as 21.00 h.

Share.