The Sungirls serven un novo prato de Chanfaina cheo de cor e movemento

0

The Sungirls é o nome dun triunvirato de artistas visuais que se estrearon recentemente no vídeo a través das redes. Del forman parte Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo. Amigas diante e detrás da cámara que, na súa procura dun estilo de seu, participaron no último Chanfaina Lab como maneira de enriquecer a creatividade que xa teñen demostrado con anterioridade nas pezas subidas á súa canle en youtube. O pasado mes de setembro foron das participantes máis activas. Acudiron ás clases da comunicadora María Yáñez, tamén asistiron ao obradoiro de edición con dispositivos móbiles de Juan Lesta e Belén Montero e, igual que o resto, produciron unha peza que xa está subida ao listado de reprodución do encontro audiovisual. O seu título é “360° en cores” e con ela The Sungirls marcan un antes e un despois no seu estilo que, neste caso, se adentra na experimentación cunha finalidade descritiva do territorio. Fano percorrendo o municipio e alternando na realización o movemento e as pausas reflexivas. O prato salpiméntase  co cromatismo como metáfora do paso do tempo, tirando á mantenta das cores frías dunha mañá calquera no centro de San Sadurniño que logo, andando o día, se tornan máis cálidas a medida que a curta abre o seu radio de acción visual ata chegar ao solpor no Forgoselo. A obra asinada por Galdo, Cibreiro e Vigo resúmea deste xeito o profesor Manolo González en Fálame de San Sadurniño:

Graciela Galdo, Mónica Cibreiro e Olga Vigo son tres amigas que teñen en común a paixón pola música e o cinema. Olga e Graciela son curmás e naturais de Ferrol. Ambas licenciadas en música e piano, traballan como profesoras de música e audiovisual no mesmo instituto, o IES Trasancos de Narón. Graciela especializouse en música de cámara e dirixe a Coral de Valdoviño; Olga en linguaxe musical e tamén dirixe a Coral Endesa de As Pontes. Mónica Cibreiro é veciña de Santa Mariña do Monte, traballa no Concello de San Sadurniño e tamén desenvolve o seu lado artístico con manualidades diversas e técnicas de decoracións de repostería, afección que a levou a realizar obradoiros para a veciñanza do concello en “Tempos para compartir”.

No verán de 2017 as tres amigas decidiron poñer en marcha un grupo de creación audiovisual co obxectivo explícito de “pasar o rato e divertirnos”. O grupo denomínase “The sungirls” e o seu lema, «Somos chicas buenas, a veces». O seu primeiro vídeo “El taquillazo” tivo un éxito inesperado nas redes sociais e animounas a seguir nunha aventura creativa, na que pensan continuar “ata que deixe de ser divertida”.

As mozas de “The sungirls” decidiron participar no Chanfaina Lab por vez primeira. Asistiron como alumnas aplicadas ao obradoiro de María Yáñez e ao de edición co móbil de Belén Montero e Juan Lesta. Neses días debullaron un bo feixe de ideas de partida. Contaban coa vantaxe de coñecer ben o territorio. Así que apostaron por amosar imaxes inéditas do concello, distanciándose do estilo e formato doutras creacións anteriores que se poden ver na súa canle de youtube.

Como expresa Olga: “cando nos xuntamos traballamos cunha morea de ideas diferentes. Imos enlazando unha idea coa outra ata que damos coa que queremos facer as tres. Neste caso pareceunos que tiñamos que falar de San Sadurniño nun día, da mañá ao solpor en 360º. Unha idea de partida na que insiste Mónica:A primeira idea que tiñamos en mente non a puidemos desenvolver, así que, como dixemos na estrea, San Sadurniño ten unha paisaxe hipnótica. Quixemos ademais darlle movemento e sobre todo cor, para amosar unha perspectiva diferente das fermosas paisaxes que ten este concello. E Graciela revela un aspecto técnico: “como coñeciamos o espazo dende pequenas, utilizamos filtros de cor para resaltar as cores especiais que ten San Sadurniño”.

“360º en cores” é unha fermosa proposta visual que pon en valor o territorio do concello. A peza foi realizada a base de panorámicas circulares ou na procura do movemento circular na paisaxe, enlazando espazos e descubrindo novos puntos de vista de lugares sobradamente recoñecibles na procura da beleza.

Na súa realización deixase entrever a influencia visual das redes e da linguaxe audiovisual contemporánea. O obxectivo de The Sungirls como cineastas é: “propor novos puntos de vista sobre unha realidade “vista” pola veciñanza, mais non “recoñecida”, para introducila nese mundo máxico que é o concello de San Sadurniño e poda pensar ao remate do visionado: “qué fermoso é o meu pobo”, para que a xente colla agarimo pola terra e a natureza”. Así pois, déixense levar polo movemento, as cores e a música, e gocen desta fermosísima viaxe. Dende o Chanfaina Lab animamos a estas tres mozas creativas a seguir dándolle ao miolos. De seguro que nos sorprenderán coa peza da vindeira edición.

Share.