Tempos para compartir volve o 5 de maio cun obradoiro de elaboración de pastas

0

Fariña, manteiga, azucre, ovos, sal, chocolate, marmelada… poderiamos botar toda a tarde contando posibles ingredientes para elaborar pastas e galletas coas que acompañar o almorzo, un café ou un té. Ese será, precisamente, o contido do próximo Tempos para compartir que terá lugar no local social de Igrexafeita o sábado 5 de maio a partir das 17.00h. Aínda faltan case dúas semanas, pero quen queira asistir deberá apuntarse antes para reservar unha das 15 prazas dispoñibles. Coma sempre, hai que chamar ao 981 490 027 ext. 1

A encargada de titorizar o obradoiro será Eva Pedreira, unha veciña de Naraío que leva anos preparando estas delicias empregando materia prima da máxima calidade. Con ela aprenderemos os segredos da masa, as cantidades e proporcións de cada ingrediente, os tempos de cocción e tamén as distintas presentacións dun produto totalmente artesanal que admite tantas formas como sexamos quen de imaxinar.

Este é un deses Tempos para compartir que teñen o éxito garantido, posto que cando se trata de cociña ou repostería o programa municipal adoita esgotar rapidamente as prazas dispoñibles. Neste caso ofértanse 15, dándolle prioridade nas inscricións a persoas que estean empadroadas no concello.

A actividade arrancará ás 17.00h. no local social da AVV. Adiante de Igrexafeita e desenvolverase ao longo de aproximadamente dúas horas. Igual que noutros Tempos… non será necesario que as participantes leven nada. Os ingredientes e outro material necesario poñerao a área de Igualdade -impulsora do programa- que, ademais, tamén entregará ao remate unha folla coas receitas que se preparen.

Para apuntarse fai falla ir chamando xa ao 981 490 027 ext.1. O prazo finaliza o luns 30 de abril, pero xa houbo xente que se anotou tan pronto como viu o obradoiro publicado no último boletín Novas. A ese teléfono tamén se pode chamar para propoñer novos obradoiros.

O Tempos para compartir está aberto a case calquera posibilidade, non só cociña: costura, tecnoloxía, manualidades… todo ten cabida sempre que se poida impartir en arredor de dúas horas e sempre que o custe da materia prima necesaria poida ser asumido polo Concello.

O programa ten carácter itinerante, procurando levalo cada primeiro sábado de mes a unha parroquia distinta e tentando tamén que a persoa docente non pertenza ao lugar onde se imparte, posto que outro dos seus obxectivos é favorecer as relacións sociais entre todas as partes do territorio.

 

Share.