Tempos para compartir volve en novembro cun obradoiro de xabóns ecolóxicos

0

O programa de lecer activo e intercambio de saberes Tempos para compartir botará a andar o primeiro sábado de novembro. Por tocar tocaríalle este sábado día 7, pero un problema de axenda de última hora obrigou ao Concello a pospoñelo un mes, de maneira que a cita quedou adiada até o sábado 4 de novembro. Ese día aprenderemos como facer xabóns caseiros respectosos co ambiente e, ademais, con aromas moi suxerentes. Desde a área de Benestar e Igualdade lémbrase que calquera pode propoñer obradoiros para este programa. Abonda con chamar ao 981 490 027 ext.1, onde tamén podemos apuntarnos para o Tempos… do día 4. Hai 20 prazas dispoñibles. 

A elaboración de xabón é un clásico do programa Tempos para compartir, posto que xa ocupou algúns obradoiros anteriores. Neste caso a docente será Matilde Ramos, quen non hai moito tempo ofreceu un curso semellante a través da asociación ConcienciArte. Ramos ensinará todos os pasos para elaborar xabón artesán mediante a técnica do “proceso en frío”, coa que é doado obter xabóns aptos para o corpo, o chan, a lavadora ou a máquina lavalouzas.

A actividade desenvolverase na Casa da Xuventude o sábado 4 de novembro a partir das 17.00h. Os contidos son varios: a definición de xabón, a técnica de elaboración en frío, o manexo da calculadora de saponificación, como facer oleatos e tinturas, as materias primas, o deseño de receitos, o uso de plantas na fabricación, os colorantes, a conservación, etc. Unha das partes máis rechamantes será a da aromatización, coa que se lle confire aos xabóns propiedades máis alá das hixiénicas, dado que os aromas inflúen na percepción dos ambientes e incluso no estado de ánimo.

As inscricións poden facerse ata o 2 de novembro nas oficinas de Servizos Sociais e Igualdade ou a través do 981 490 027 ext.1. Só hai 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición con preferencia para as persoas empadroadas en San Sadurniño.

Cómpre lembrar que calquera persoa pode propoñer  un obradoiro para compartir coa  veciñanza un coñecemento ou habilidade que teña. Abonda con que chame ou pase polo Concello para expoñer a súa idea de cara a que a área de Igualdade valore a posibilidade de levala adiante por custes dos materiais e polo tempo que requira.  Os Tempos… que mellor funcionan son aqueles que ensinan cousas útiles para a vida diaria -cociña, repostaría, trucos de bricolaxe, manualidades, etc.- aínda que calquera proposta é benvida sempre que sexa asumible polo Concello e que se poida desenvolver en aproximadamente 2 horas contando coa participación activa dunhas 15-20 persoas.

Share.