Tempos para compartir ofrece un obradoiro de autocoñecemento e relaxación

0

Está máis que demostrado que o noso estado emocional e o ritmo de vida que levamos inflúen na nosa saúde. E tamén se sabe que o cerebro é un potente centro de control que se pode reconfigurar mediante o exercicio e o cambio de hábitos para que teña moito máis dominio sobre o funcionamento do corpo, co obxectivo de conseguir unha mellora no noso estado xeral. Pero para iso fai falla adestramento e unha especie de “reseteo” que parte sempre da relaxación para, a partir de aí, iniciar o coñecemento sobre a vida que levamos, sobre como nos funciona a cabeza e tamén o demais. A grandes trazos ese será o tema principal do obradoiro de Tempos para compartir programado para a tarde do sábado 2 de marzo -17.00h.- na Casa da Cultura. Ofértanse 20 prazas e as inscricións poden facerse no 981 490 027 até o 27 de febreiro.

A palabra autocoñecemento define o coñecemento que temos de nós memos, é dicir, razoar quen somos e por que somos como somos. O termo úsase en psicoloxía e no ámbito do desenvolvemento persoal para referirse á capacidade de introspección que ten unha persoa para recoñecerse como individuo e para diferenciarse do resto, pero tamén para analizar por si mesma que cousas poden estar fallando na súa vida de cara a melloralas. Conceptos abstractos que, porén, poden traballarse cando se sabe como facelo e que tamén buscan reforzar a autoestima.

A cuestión é que, case sempre, o ritmo de vida que levamos nos arrastra sen sequera darnos tempo a reflexionar sobre isto. Andamos a mil, con estrés, e por iso fai falla parar e reflexionar. E hai técnicas para facelo, observando primeiro como está o noso corpo desde os pés até a cabeza para detectar tensións e sobrecargas e, unha vez que tomamos conciencia del,  abordar de forma relaxada aqueles pensamentos que nos poden estar bloqueando fisicamente ou que poden estar freando o noso crecemento persoal.

De todo iso falará -e ensinará- Ana Freire o sábado 2 de marzo a partir das 17.00h. na Casa da Cultura. Será no primeiro obradoiro de Tempos para compartir do ano 2019. Hai 20 prazas dispoñibles que se irán cubrindo por rigorosa orde de inscrición, dándolle prioridade á veciñanza empadroada en San Sadurniño. Para apuntarse hai que pasar polas oficinas do Concello ou ben chamar ao 981 490 027. O prazo finaliza o 27 de febreiro.

 

 

Share.