Tempos para compartir oferta un obradoiro de elaboración de polvoróns

0

Temos que apuntar na nosa axenda unha cita: sábado 2 de decembro, 17.00h., local social de Igrexafeita. Ese día, a esa hora e nese lugar vai celebrarse un novo obradoiro do Tempos para compartir, o programa municipal da área de Igualdade no que unha persoa condensa en escasas dúas horas todo o seu saber sobre determinada materia. Neste caso aprenderemos a preparar polvoróns con Belén Hermida, unha veciña de Naraío que xa nunha ocasión anterior nos mostrou os segredos das madalenas. Ofrécense 15 prazas e xa faltan moi poucas por cubrir. Cómpre chamar ao 981 490 027 ext.1 para apuntarse. 

Os polvoróns son, xuntoco turrón, os reis da sobremesa polo Nadal e causantes en parte dos disgustos que levamos cando subimos na báscula aló por xaneiro. E non é para menos, con cinco polvoróns cúbrese un terzo da achega calórica diaria dunha persoa adulta, que anda de media entre as 1.500 e as 2.000 kcal. Porén, cunha dieta saudable e variada combinada con exercicio diario podemos comer polvoróns sen medo a sorpresas “basculares” nin vasculares. E se o que comemos é feito na casa e cos mellores ingredientes, pois moito mellor.

Ocorre que os polvoróns non son un produto típico da gastronomía atlántica. Levamos décadas poñéndoos na mesa e mirando no envoltorio de que estarán feitos e pouco máis. Incluso moitas e moitos de nós nin sabiamos que a maneira correcta de comelos é esmagándoos para botar directamente na boca as migallas resultantes. O caso é que aínda son poucos os fogares onde, ademais de degustalos, tamén haxa quen os cociñe.

En internet hai unha chea de receitas e tutoriais para preparar polvoróns, que son unha variedade con identidade propia da familia dos mantecados. A diferenza principal é que os primeiros levan sempre fariña tostada de trigo e  améndoas, mentres que os segundos poden conter ou non améndoa, a fariña vai sen torrar e, por regra xeral, incorporan o ovo á receita.

Pero para aprender todos os segredos desta sobremesa de orixe andaluza o ideal é ver ao vivo todo o proceso de elaboración. Algo que poderemos facer o sábado 2 de decembro en Igrexafeita a partir das 17.00h. da man de Belén Hermida.

Esta veciña de Naraío é unha experta reposteira que xa nun anterior Tempos para compartir nos ensinou a facer madalenas -o que agora se chaman cupcakes– cunha chea de sabores e presentacións. Agora meterase cos polvoróns nun obradoiro que se desenvolverá na cociña da Asociación de Veciños Adiante e para o que se ofrecen 15 prazas. Iranse cubrindo por orde de solicitude a través do teléfono 981 490 027 ext.1, dándolle prioridade a persoas empadroadas en San Sadurniño.

O obradoiro, que é gratuíto, durará aproximadamente dúas horas e media e as persoas asistentes poderán seguir de preto todos os pasos, consultar dúbidas que vaian xurdindo e mesmo probar o resultado.

Novos temas
O Tempos… é un espazo colaborativo no que unha ou varias persoas se ofrecen a ensinar todo tipo de coñecementos (cociña, artesanía, labores domésticos, afeccións, etc). As sesións desenvólvense sempre os primeiros sábados de mes entre outubro e xuño, procurando chegar cada mes a unha parroquia distinta. De feito, outro dos obxectivos do Tempos para compartir é fomentar o coñecemento entre veciños e veciñas do concello de cara a reforzar o seu tecido social.

Para participar nos obradoiros como docentes  abonda con chamar ao  981 490 027 ext. 1. e propoñer un tema que se poida explicar en 2-3 horas como moito. É necesario tamén que o custo dos materiais sexa asumible polo Concello e, por suposto, que o obradoiro sexa o máis participativo posible. En calquera caso, o departamento de Igualdade está aberto a calquera proposta de cara aos próximos meses, xa que aínda quedan sábados por pechar.

 

Share.