Tempos para compartir inicia temporada cun obradoiro de pastas

0

Outubro é mes de retomar a actividade cultural, deportiva e de lecer trastocada por quince intensas semanas de verán. Volven as escolas de fútbol e volei, volven as clases de gaita, pandeireta e música coral…e, canda elas, volve tamén o programa de intercambio de saberes Tempos para compartir, que ofrece para o sábado 6 de outubro en Igrexafeita un interesantísimo obradoiro de elaboración de pastas e galletas artesás.  As inscricións poden facerse desde hai uns días chamando ao teléfono do Concello -981 490 027- e cómpre non demorarse moito, xa que só se ofertan 15 prazas.

A primeira sesión desta temporada de Tempos… terá lugar no local social da Torre o sábado 6 a partir das 17.00h. De impartila encargarase a veciña de Naraío Eva Pedreira, toda unha experta en repostería caseira que irá explicando pouco a pouco e dunha forma doada de seguir o proceso de elaboración: ingredientes necesarios, proporcións, utensilios de cociña imprescindibles, amasado, cocción, presentación, etc.

Só hai 15 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición tendo preferencia as persoas empadroadas no concello. A data límite para apuntarse é o 28 de setembro e para facelo hai que achegarse ás oficinas do Concello ou chamar ao 981 490 027. A participación é gratuíta e, ademais, ao remate do obradoiro poderán probarse as pastas elaboradas e levar para a casa un pequeno resume da sesión con receitas e outras recomendacións.

O programa Tempos para compartir naceu como unha proposta a cabalo entre o lecer e o intercambio de saberes útiles para a vida diaria como escusa para a xuntanza e coñecemento veciñal. As sesións prográmanse para a tarde dos primeiros sábados de mes e, se é posible, cada vez nunha parroquia distinta. O seu contido é máis práctico que teórico e seméllanse a calquera videotutorial que poidamos atopar na rede, só que ao vivo e con posibilidade de solventar dúbidas sobre a marcha.

Ten habido Tempos de materias moi diversas -home staging, manexo de cámaras deportivas, elaboración de xabóns, etc.- pero foron e son os relacionados coas manualidades e a cociña os que máis interese adoitan espertar, quizais porque son tamén os que mellor se adaptan a pequenos espazos e a unha duración que anda sempre sobre as dúas horas ou dúas horas e media.

Así a todo, nin as manualidades nin a cociña son temas exclusivos, senón que poden propoñerse todo tipo de contidos que se poidan explicar nese tempo e que non requiran materiais demasiado caros. Quen teña algún saber que queira compartir pode chamar ao Concello e organizar o seu propio Tempos… de cara a próximas citas.

 

Share.