Tempos para compartir ensinaranos como preparar tocados para o cabelo

0

Hoxe en día en calquera evento con certa solemnidade -unha voda, por exemplo- é habitual botar man de adornos para o pelo que complementen o resto da roupa elixida para a ocasión. E igual que ocorre cando queremos destacar en elegancia, mercar este tipo de adobíos non adoita ser cousa barata, a menos que tiremos de enxeño e os fagamos pola nosa conta. Iso é precisamente o que poderemos aprender na próxima sesión dos Tempos para compartir, que terá lugar na Casa da Xuventude o sábado 3 de novembro a partir das 17.00h. Só hai 12 prazas e para apuntarse neste obradoiro gratuíto hai que chamar antes do 29 de outubro ao 981 490 027 ext.1.

De impartir a actividade encargarase Lucía Vilaboi, toda unha experta no detalle e en como mellorar a presenza de calquera prenda con broches e outros adornos. Desta vez centrarase exclusivamente nos tocados e lazos para o pelo mostrando os pasos que preceden ao deseño e tamén a súa execución con materiais asequibles que, de seguro, lle darán un toque de distinción á nosa imaxe en calquera evento.

O programa Tempos para compartir naceu como unha proposta a cabalo entre o lecer e o intercambio de saberes útiles para a vida diaria como escusa para a xuntanza e coñecemento veciñal. As sesións prográmanse para a tarde dos primeiros sábados de mes e, se é posible, cada vez nunha parroquia distinta. O seu contido é máis práctico que teórico e seméllanse a calquera videotutorial que poidamos atopar na rede, só que ao vivo e con posibilidade de solventar dúbidas sobre a marcha.

Ten habido Tempos de materias moi diversas – varios de cociña e repostaría, home staging, manexo de cámaras deportivas, elaboración de xabóns, etc.- pero foron e son os relacionados coa cociña e as manualidades os que máis interese adoitan espertar, quizais porque son tamén os que mellor se adaptan a pequenos espazos e a unha duración que anda sempre sobre as dúas horas ou dúas horas e media.

Calquera persoa que teña un saber para compartir pode propoñer a súa idea de obradoiro para próximas datas. Abonda con que chame ao 981 490 027 ext.1 para ofrecerse, indicando os materiais que precisaría e o lugar axeitado para o desenvolvemento da actividade. O Concello estudará a proposta e, no caso de que sexa asumible, daráselle para adiante e incluirase na programación.j

O Tempos para compartir do 3 de novembro dispón de 12 prazas que se irán cubrindo por orde de inscrición dándolle prioridade ás persoas empadroadas en San Sadurniño. O prazo para anotarse acaba o día 29 de outubro e, coma sempre, haberá que chamar ao Concello ou pasar por alí antes desa data.

Share.